Xa sei que haberá quen me chame sectario, pero creo que o que está a ocorrer agora é que, unha vez máis, a dereita española destrúe España e así será visto no futuro. Ou quizais o que estea a ocorrer é que España é inevitablemente patrimonio da dereita e esta non tolera outra cousa. En calquera caso, asistimos a un verdadeiro proceso autodestrutivo. O que estamos a vivir debe ser visto coa perspectiva da historia.
O proxecto nacionalista español non quixo crear un Estado a partir dos reinos que, mal que ben, pervivían a comezos do século XIX, e foron os liberais quen implantaron un modelo de Estado inspirado no centralismo borbónico e que copiaba da república francesa a división en capital e provincias. Iso inspirou as guerras carlistas, a revolución galega de 1846, o federalismo republicano de Pi i Margall e o catalanismo de Valenti Almirall. O século XX é testemuña de que o Estado español non callou en ningunha das formas que ensaiou: a ditadura de Primo e o réxime totalitario franquista só aprazaron o problema, porque é un problema, e no século XXI iso segue aberto.
Zapatero fixo un último intento de establecer un pacto de convivencia interno. Pero, igual que ocorreu coa lei de Memoria Histórica e con tantas outras cousas, a dereita, e tamén sectores do seu propio partido, desvirtuárono e malográrono
O nacionalismo español quere ter baixo o seu dominio a sociedade vasca e catalá; a galega non mostra até o momento capacidade significativa de autodeterminarse. Zapatero fixo un último intento de establecer un pacto de convivencia interno. Pero, igual que ocorreu coa lei de Memoria Histórica e con tantas outras cousas, a dereita, e tamén sectores do seu propio partido, desvirtuárono e malográrono. Agora están as cousas expostas doutro xeito desde Catalunya: aprenderon a lección e xa non contan cunha interlocución de boa fe por parte de ningún Goberno español, moito menos do actual e, dun modo ou outro, como a auga, buscarán un camiño propio.
Pero, achegándonos máis na historia, esta dereita está a cargarse o Estado social que se pactou implicitamente na Transición. As décadas desta restauración borbónica e tamén democrática baseáronse nun pacto que prometía unha estabilidade económica e social e facía pensar nunha lenta pero constante mellora das condicións de vida do conxunto da poboación. Ese pacto tomou a forma dun 'consenso' entre os dous principais partidos estatais ao redor da monarquía.
Esta dereita está a cargarse o Estado social que se pactou implicitamente na Transición
Un consenso que, se xa era dubidosamente democrático nun principio, acabou por ser un apaño bipartidista. Iso tamén foi propiciado pola propia sociedade española, medorenta aínda dos militares e dunha dereita sanguinaria, que creu ver estabilidade nese bipartidismo. Pero xa coa chegada de Aznar rompeu o consenso de fondo. Aznar e Rajoy combateron ambos a Constitución no seu día, aínda que agora xuren por ela.
Un PP absolutamente minado pola corrupción sostén un Goberno que nun país democrático normal tería que desembarazarse de varios ministros e do seu propio presidente pero que, con todo, carecendo de autoridade moral e sen respaldo da opinión, está a levar a cabo unha reforma radical das regras do xogo social. O PP está a esnaquizar a sociedade con tanta radicalidade e crueldade, e está a privatizar o que é público para petos particulares, que o lóxico é que desencadease unha revolta social en toda regra. Que non ocorra supoño que o explica unicamente o medo a que iso empeore a situación e o paguen os mesmos de sempre.
Este Goberno sostense porque o PSOE é incapaz de facer unha reflexión que tería que ser demasiado profunda. Refundouse no congreso de Suresnes e tería que refundarse de novo agora se quixese ser útil
O PP é un partido podrecido pero que está a esnaquizar as nosas vidas, si, e está en crise porque a crise económica non só se cargou o Goberno anterior senón tamén o novo. Pero este Goberno sostense porque o PSOE é incapaz de facer unha reflexión que tería que ser demasiado profunda. Refundouse no congreso de Suresnes e tería que refundarse de novo agora se quixese ser útil, pero está extenuado e está a ser a muleta necesaria deste Goberno.
A crise dos dous partidos é a crise do sistema político, e ningún do tres alicerces do sistema ten a capacidade de ser autocrítico e reinventarse. O tres pensan no mesmo, en como marear a perdiz e que vaia pasando o tempo.
Desexando que nada cambie, que non se toquen as institucións, que é dicir eles mesmos, están a provocar unha crise explosiva que os pode levar por diante
A Casa Real só pensa en como tapar o caso Urdangarin, que alcanza ao propio rei; o PP en como diluír e emborronar o caso Bárcenas, que en realidade é a súa propia historia como partido, e a dirección do PSOE en ir gañando meses contando con que xa pasará o ballón. Entregan o seu destino á eficacia das cortinas de fume.
Invocando o sentido da responsabilidade que lles obriga á prudencia ocultan a súa incapacidade. E desexando que nada cambie, que non se toquen as institucións, que é dicir eles mesmos, están a provocar unha crise explosiva que os pode levar por diante. É abraiante.