Continúa a corrupción do PP

Se alguén pensaba que coa trama Gürtel (o PP está imputado como “partícipe a título lucrativo”), o caso Bárcenas, a Pokémon ou a operación Púnica acabara a corrupción no Partido Popular, estaba totalmente equivocado porque non pasa un día sen que aparezan novos casos de corrupción.

O financiamento ilegal, a caixa B e o diñeiro negro non foron casos excepcionais, senón práctica habitual desde 1987, primeiro como AP e despois con Rosendo Naseiro

Na caixa B do PP, confirmada polo xuíz Pablo Ruz, ingresaban as doazóns dos empresarios e as comisión ilegais que pagaban estes pola consecución de contratos nas administracións gobernadas polo PP. Este diñeiro negro era despois utilizado para pagar sobresoldos aos dirixentes e cargos públicos do PP, as campañas electorais, comprar ou pagar as obras das sedes do partido etc, como recollen os sumarios dos casos de corrupción. O financiamento ilegal, a caixa B e o diñeiro negro non foron casos excepcionais, senón práctica habitual desde 1987, primeiro como AP e despois con Rosendo Naseiro de tesoureiro e Fraga e Aznar como presidentes. “Os papeis de Naseiro”, publicados por eldiario.es, desvelan a contabilidade secreta do PP, cunha conta oculta que moveu, daquela, 204 millóns de pesetas entre ingresos en efectivo e cheques ao portador. Secretarios xerais, numerosos dirixentes e todos os tesoureiros do PP están implicados nesta trama de corrupción e financiamento ilegal.

Jaume Matas, presidente do PP balear e ex–ministro de Medio Ambiente con Aznar, está imputado no caso “Palma Arena”. Xa pasou polo cárcere e ten pendentes outros xuízos, acusado de malversación de 41 millóns de euros, prevaricación, falsidade documental, suborno e fraude á administración. O PP consideraba a este delincuente  como un gobernante exemplar e Rajoy dicía: "Yo quiero un gobierno como el que preside Jaume Matas en Baleares". Carlos Fabra, ex–presidente da deputación de Castellón do PP, está no cárcere, condenado a catro anos e multa de 1,4 millóns de euros por fraude fiscal. Rajoy dixo que era “un político ejemplar”. Francisco Camps, ex–presidente da Generalitat Valenciana, era acusado pola Fiscalía Anticorrupción dos delitos de prevaricación administrativa e un delito continuado de malversación de caudais públicos, relacionados co Gran Premio de Fórmula 1 de Valencia.

Ignacio González, presidente da Comunidade de Madrid, aparece no sumario da Gürtel en numerosas facturas pagadas á trama, e nunha escura operación para mercar un dúplex de 496 metros cadrados en Marbella. Francisco Granados alcalde do PP de Valdemoro, secretario xeral do PP de Madrid e número dous do goberno de Esperanza Aguirre, está no cárcere como principal imputado na chamada “Operación Púnica”. A Fiscalía detectou que tiña unha conta de 1,5 millóns de euros nun banco suízo, que poderían proceder do cobro de comisións ilegais pola concesión de contratos públicos.

En Galiza, José Luis Baltar foi condenado a nove anos de inhabilitación para cargos públicos por “prevaricación continuada”, despois de presidir durante 22 anos a Deputación de Ourense. A sentenza sinalaba que utilizou a deputación como “unha empresa privada” para contratar irregularmente a 104 persoas –familiares e persoas integrantes das listas do PP– sen oferta pública de emprego. Emilio Pascual Vázquez, que foi xerente provincial do PP de Ourense de 1983 a 2010, declaraba ante a xuíza Pilar de Lara que todos no PP tiñan coñecemento da existencia da caixa B e que  recibiu de Baltar 24.000 euros en negro cando deixou o partido. A xuíza concluía que “El Partido Popular de Ourense se habría podido financiar ilícitamente a través de un elaborado sistema de facturación falsa y ficticia”.

Pablo Crespo, número 2 da trama Gürtel, deixa a responsabilidade de Organización do PP de Galicia en 1999 e Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial, mantivo a Crespo até 2005 no Consello de Administración de Portos de Galicia, que presidía Carlos Negreira.

Carlos Negreira, alcalde da Coruña do PP, e Julio Flores, tenente alcalde e portavoz municipal, aparecen no sumario da operación Pikachu, derivación coruñesa da Pokémon, como conseguidores de emprego para familiares e amigos do PP a través de empresas que prestan servizos ao Concello da Coruña. Ante esta actuación, a xuíza Pilar de Lara considera que o Goberno Municipal do PP da Coruña actúa como “unha axencia de colocación”.

Estas son algunhas das últimas novidades en corrupción do PP: Rodrigo Rato, ex–vicepresidente do goberno e ex–ministro de Facenda de Aznar, foi detido e está acusado de fraude fiscal, branqueo e alzamento de bens. Das empresas nas que participa, 27 están relacionadas con membros da súa familia cun fraude fiscal de 5,3 millóns de euros. Segundo a investigación da Axencia Tributaria, despois de acollerse á amnistía fiscal do goberno de Rajoy, as empresas de Rato realizaron numerosas operacións en moeda estranxeira por máis de 16 millóns de euros, que poderían corresponder a actividades económicas no estranxeiro. Rato ocultou a Facenda que tiña negocios de publicidade, a través de Cor Comunicación S.L, que ten como clientes a importantes medios de comunicación.

Federico Trillo, embaixador en Londres e ex–ministro de Aznar, cobrou 354.560 euros cando era deputado por asesoramento á empresa Grupo Colloza, dedicada a obra civil e que foi beneficiada polos parques eólicos de Castela-León. Vicente Martínez Pujalte, deputado do PP, recibiu tamén outros 75.000 euros (5.000 euros cada mes) da mesma empresa por “asesoramento empresarial estratégico”. Non existe ningún informe escrito porque o “asesoramento” era verbal, reuníndose cada quince días co empresario para tomar café. Agustín Conde, deputado do PP e portavoz adxunto do Grupo Popular no Congreso, non informou na súa declaración patrimonial, nin de actividades, que en 2012 montou unha empresa de eficiencia enerxética e que asesora á filial inmobiliaria do Banco Santander.

Rita Barberá, alcaldesa do PP de Valencia, chegou a presentar  466 facturas en catro anos por importe de 278.000 euros como gastos de representación. Nesas facturas aparecían 41.00 euros de restaurantes, 57.000 de billetes de avión, 81.000 en hoteis, 60.000 euros en escoltas da alcaldesa cando estaba de vacacións privadas etc. Alfonso Rus, alcalde de Xátiva (encabeza novamente a candidatura do PP para as próximas eleccións municipais) e presidente da deputación de Valencia, era gravado no interior dun coche cando contaba 12.000 euros xunto a Marcos Benavent, ex–xerente de Imelsa (Impulso Económico y Local), empresa pública da deputación. O diñeiro podería proceder do pago de comisións dun construtor a cambio de amañar un concurso de vivendas de protección oficial. A gravación está en poder da Fiscalía Anticorrupción e pode ser a punta do iceberg doutros casos de corrupción.

O Tribunal Superior de Madrid consideraba un fraude o despido “en diferido” de Bárcenas. De 2010 a 2013 o ex–tesoureiro cobrou 719.500 euros do PP, é dicir, 21.300 euros mensuais (tiña ademais despacho, chófer e secretaria particular), que moitos interpretan como un pago, sen facer nada, para mercar o seu silencio.

O PP debería ser declarado ilegal en cumprimento do apartado 2º do artigo 22 da Constitución

Despois do toda esta corrupción, Rajoy dicía nun acto en Valencia de apoio a Alberto Fabra e Rita Barberá: “Somos como somos”. Por outra parte, Rajoy manifestaba en 2009 nunha visita electoral a Ourense: “Baltar es el PP”. Claro, o mesmo que Francisco Camps, Luis Bárcenas, Carlos Fabra, Jaume Matas, Francisco Granados, Rodrigo Rato etc, é dicir, o PP é a corrupción.

O PP debería ser declarado ilegal en cumprimento do apartado 2º do artigo 22 da Constitución: “As asociacións que persigan fins ou empreguen medios tipificados como delito son ilegais”. Eduardo Zaplana, dirixente do PP na Comunidade Valenciana e ex–ministro con Aznar, resumía moi ben esta filosofía e os obxectivos que persiguen: “Yo he venido a la política a forrarme”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.