Continuidade ou cambio na actuación do CXPX

Isabel Perelló na súa toma de posesión como nova presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial © CXPX

O novo CXPX deberá demostrar que a independencia das persoas integrantes da xudicatura non é unha coartada para xustificar unha interferencia sobre o poder lexislativo

A principal novidade que se rexistra no comezo deste curso político radica na definitiva conformación dun Consello Xeral do Poder Xudicial renovado na súa composición e, singularmente, na elección dunha maxistrada como presidenta do organismo.

Agás na dereita política, mediática e xudicial, existe un diagnóstico compartido a respecto da grave anomalía antidemocrática padecida polo CXPX: foi unha estratexia política deliberada do PP a que provocou o bloqueo, dende hai mais de 5 anos, dos nomeamentos do Consello esixidos pola lexislación vixente. O motivo da negativa do principal partido da oposición semella evidente: a conservación do poder por parte do sector conservador no cumio do poder xudicial para, dese xeito, controlar os nomeamentos previstos nos tribunais, especialmente no Tribunal Supremo. Unha das probas mais contundentes da grave adulteración vivida nos últimos anos tivo lugar cando transcendeu -no mes de outubro de 2022- a inminencia dun acordo de Feijoo coa dirección socialista sobre esta cuestión: unha portada do xornal El Mundo avisando do descontento que tal pacto suscitaba no seo do PP e na dereita xudicial meteu o medo no corpo do máximo dirixente do partido e arruinou a posibilidade que se tiña aberto despois de semanas de negociacións segredas. Escarmentado polo sucedido e incapaz de facer valer o seu teórico liderado, Alberto Núñez agardou a que os resultados das urnas do mes de Xullo de 2023 lle permitisen seguir controlando o CXPX. Ante o fracaso electoral e a presión de xuíces e maxistrados que vían perigar as súas carreiras profesionais pola prolongada paralización do órgano de goberno xudicial, aceitou desbloquear a situación e permitir a formalización dun novo Consello.

Dúas circunstancias inéditas concorreron na apertura do ano xudicial. Por primeira vez unha muller acada a presidencia do Consello Xeral e do Tribunal Supremo, revelando a evidencia de que nos atopabamos ante un exemplo paradigmático do "teito de cristal": a presenza maioritaria de xuízas e maxistradas na base da pirámide xerárquica non se correspondía co mantemento dun dominio masculino no cumio da estrutura dirixente. Por outra banda, Isabel Perelló -a nova presidenta- pertence á Asociación Xuíces e Xuízas pola Democracia, a principal -aínda que minoritaria- referencia progresista na xudicatura e que levaba moito tempo afastada de postos desta relevancia institucional.

Nas súas primeiras declaracións, a nova presidenta considerou necesario alertar sobre o perigo dun eventual control pretendido polos poderes lexislativo e executivo. Certamente, tal prevención resulta congruente coa filosofía básica que debe presidir o funcionamento dun sistema democrático, moito mais se tal consideración é realizada por unha representante do sector xudicial mais comprometido co fortalecemento dunha democracia de maior calidade. Poren, sería pertinente sinalar, de xeito complementario, o risco dunha inxerencia de sectores xudiciais conservadores na actuación dos restantes poderes do Estado. A historia da última década presenta casos moi ilustrativos desta inaceptábel pretensión: o mais recente foi a celebración de concentracións de maxistrados (mesmo cos seus uniformes protocolarios) na porta dalgunhas Audiencias para expresar a súa oposición ao proxecto de lei de amnistía cando estaba sendo debatido no Congreso dos Deputados. O listado dos casos "anómalos" é mais amplo: o xuíz recentemente xubilado, García Castellón, instruíu diversas causas contra dirixentes de Podemos que ficaron arquivadas por falta de probas solventes. O xuíz Peinado está realizando unha pintoresca e abusiva instrución para tratar de imputar a Begoña Gómez e, de paso, erosionar a Pedro Sánchez.

Todas estas actuacións xudiciais non terían moito impacto de non mediar a participación activa dunha parte do que se ten denominado "o cuarto poder": medios de comunicación tradicionais e/ou dixitais que buscan crear un efecto multiplicador sobre sectores da opinión pública que toman por definitivas o que só constitúen dilixencias procesais provisionais.

O novo CXPX deberá demostrar, nos vindeiros anos, que non se vai repetir o espectáculo vivido cos seus antecesores. Acreditar, ao cabo, que a independencia das persoas integrantes da xudicatura non é unha coartada para xustificar unha interferencia sobre o poder lexislativo que constitúe, como é sabido, o corazón dun sistema democrático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.