Contra a (contra)reforma do sector eléctrico (II)

A semana pasada publicamos este artigo sobre a (contra)reforma do sector eléctrico. Se nesa ocasión falamos de por que pagamos o que pagamos pola factura da luz, desta volta tocará outra cuestión: os intereses existentes no sector eléctrico e o seu impacto na contrarreforma. A quen benefician realmente estes cambios? Non é de sorprender que as grandes beneficiadas serán as propias empresas eléctricas, ao consagrarse o pago do déficit tarifario.

É real este déficit tarifario? O certo e que é moi dubidoso: as empresas eléctricas manteñen beneficios récord nos últimos anos, mentres elas mesmas se negan a afrontar auditorías que amosen a realidade sobre o déficit

Que é isto? Supostamente a liberalización eléctrica provocou que os prezos caeran por debaixo dos custos de produción, o que xerou un déficit nas empresas que en última instancia decidiu afrontar o Estado.

É real este déficit tarifario? O certo e que é moi dubidoso: as empresas eléctricas manteñen beneficios récord nos últimos anos, mentres elas mesmas se negan a afrontar auditorías que amosen a realidade sobre o déficit. De feito, non podemos saber exactamente cal é o déficit tarifario, até o punto de que en setembro o Ministro Soria falaba de 2.500 millóns de € de déficit e en outubro dixo 4.500€. É dicir, nun mes as eléctricas conseguiron 2.000 millóns de € máis de marxe.

Nos Presupuestos Generales del Estado para o 2014, o 75% do orzamento do Ministerio de Industria será destinado ás eléctricas, o que supón máis de 4.000 millóns de euros

Esta situación provoca que o Estado pague enormes cantidades ás grandes eléctricas. Nos Presupuestos Generales del Estado para o 2014, o 75% do orzamento do Ministerio de Industria será destinado ás eléctricas, o que supón máis de 4.000 millóns de €. As cifras falan por si mesmas.

Como vemos, as tres grandes eléctricas obtiveron uns beneficios astronómicos, pero o Estado mantén partidas que equivalen a manter o programa Erasmus durante 130 anos.

As tres grandes eléctricas obtiveron uns beneficios astronómicos, pero o Estado mantén partidas que equivalen a manter o programa Erasmus durante 130 anos

Como é posíbel que o poder político, que debería representar os intereses da cidadanía, remate por trasladar estas cantidades ás grandes empresas privadas?

O sector eléctrico é un dos paradigmas de portas xiratorias entre o poder político (representado no bipartidismo PP – PSOE) e o poder económico. Aznar foi o artífice da liberalización eléctrica e da privatización de Endesa. Na actualidade, foi recompensado cun salario como asesor externo desta empresa de 200.000€ anuais. Felipe González, que impulsou os primeiros pasos do proceso de liberalización, tamén ten ficha como asesor externo de Gas Natural, por 126.000€ anuais.

O sector eléctrico é un dos paradigmas de portas xiratorias entre o poder político (representado no bipartidismo PP – PSOE) e o poder económico

Estes dous exemplos son só a punta dun iceberg no que poderíamos tamén falar de Pedro Solbes, Elena Salgado, Luis de Guindos, Ángel Acebes e un longo etcétera.

Cambiando de asunto, existen outros elementos que tamén hai que resaltar da contrarreforma: en primeiro lugar, desaparece o réxime especial de produción (todo o relacionado cas enerxías renovábeis), o que implica dúas cuestións: a irrelevancia da cuestión ambiental para a toma de decisións sobre enerxía, ao mesmo tempo que supón suprimir un dos poucos elementos sobre o que tiñan competencias as Comunidades Autónomas. É dicir, presentan un cambio normativo con afán recentralizador e sen atender a intereses ambientais.

A autoprodución supón un problema ao oligopolio eléctrico, ao xerar un espazo alternativo no que as grandes empresas non poden lucrarse

Por último, outro elemento moi relevante é a creación de taxas ao autoconsumo. É dicir, se decides producir a túa propia enerxía eléctrica, verás incrementados os teus custes. Por que se fai isto? Porque a autoprodución supón un problema ao oligopolio eléctrico, ao xerar un espazo alternativo no que as grandes empresas non poden lucrarse. Segundo a propia UNEF (Unión Española Fotovoltaica) créase un “imposto ao sol”, precisamente no mecanismo medioambientalmente máis eficiente, renovábel e que permite a independencia enerxética.

Así as cousas, vemos como o Partido Popular presenta unha contrarreforma que provocará maiores beneficios para as eléctricas, maiores custos para os consumidores, desigualdades territoriais onde Galiza sairá perdendo, maiores custos ambientais, menor capacidade de producir a túa propia enerxía e menor capacidade de decisión para os diferentes territorios do Estado. Todo un éxito, evidentemente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.