Contra a Guerra en Ucraína, necesitamos a Paz

Efecto dos enfrontamentos en Ucraína CC-BY-SA State Emergency Service of Ukraine

Asistimos a unha traxedia, un tempo en que os seres humanos son manexados polos deuses, por forzas superiores que os conducen a un final que non cabía na súa imaxinación.

Por primeira vez desde a crise dos mísiles, 1962, a hipótese dunha guerra global preséntasenos como posíbel

Os mortos cóntase por milleiros, as persoas exiliadas van rapidamente camiño dos dous millóns, a destrución de vivendas, o refuxio contra o frío e o nada, de infraestruturas de transporte e produtivas, de subministración de enerxía, auga e alimentos, acelérase. Sufrimento, morte, dor, incerteza, carencias, a guerra.

Por primeira vez desde a crise dos mísiles, 1962, a hipótese dunha guerra global preséntasenos como posíbel. Da lado ruso, o agresor, e da OTAN, a alianza militar que non quixo disolverse ao desaparecer o seu inimigo, lánzanse advertencias de liñas vermellas que poderían dar paso ao uso de armas de destrución masiva. Un accidente nuclear provocado polos combates ao redor das catro centrais e dos 15 reactores é unha posibilidade real. Onde chegaría a radiación?, a cantos millóns de persoas afectaría?, cal sería a superficie contaminada? A capacidade de intervención para controlar os danos estaría extraordinaria ou totalmente limitada polo esforzo bélico das dúas partes e a imposibilidade de cooperación.

Descoñecemos, tamén, o curso que seguirá o conflito. Ficará limitado ao territorio ucraíno, ou poderá traspasar as fronteiras?, até onde?, que armas se utilizarían entón?

Vehículos destruídos na estrada entre Kharkov e Kiev CC-BY-SA Viewsridge

Por iso, é necesario e urxente que abandonemos a pasividade e nos impliquemos, nosoutras e nosoutros, cidadás e cidadáns do único planeta que nos acolle, no esforzo por parar a guerra

Por iso, é necesario e urxente que abandonemos a pasividade e nos impliquemos, nosoutras e nosoutros, cidadás e cidadáns do único planeta que nos acolle, no esforzo por parar a guerra, por deter a morte, por gañar tempo para crear un espazo no que a lóxica do medo se impoña sobre a lóxica da destrución. Non o faremos porque sexamos mellores, farémolo porque a alternativa pode ser a destrución. Noam Chomsky, ese sabio bo, sintetizouno, “A confrontación é unha sentenza de morte para a especie. Estamos nun momento crucial para a historia da humanidade. Non se pode negar. Non se pode ignorar”.

Necesitamos parar esta guerra tamén porque fai aínda máis difícil afrontar os outros grandes desafíos, a adaptación da economía humana aos límites físicos do planeta, a loita contra a crise ecolóxica e a mudanza climática, o combate contra a pobreza para garantir a satisfacción das necesidades básicas de todas e de todos. Porque as consecuencias económicas se van sentir en todo o mundo. Nos países ricos o aumento dos prezos da enerxía e dos cereais, degradará as condicións vitais das clases traballadoras e as persoas máis pobres. Nos países empobrecidos, aumentará a miseria e a fame, a fame.

A análise dos actores e factores que nos trouxeron aquí é necesaria e imprescindíbel, mais agora do que se trata é de parar a guerra. Nin a condena de Putin, nin a realidade do avance irresponsábel da OTAN cara ao leste van afastarnos do perigo. Só a diplomacia, a prudencia, o recoñecemento dos intereses e medos recíprocos, as cesións, poden facelo. Só vexo un camiño, estreito, difícil, o único que son quen de imaxinar:

  • Contactos diplomáticos discretos que deben partir de Estados Unidos e/ou da UE,
  • Renuncia da OTAN á ampliación, neutralización de Ucraína e Xeorxia,
  • Alto o fogo,
  • Plano europeo para a reconstrución económica de Ucraína.

A idea que está a consolidarse nos media occidentais dun conflito de longo prazo entre o imperialismo estadounidense aliado coa UE e a alianza “asiática” Rusia-China, e dun cerco á China, é unha receita segura para o desastre

Esa solución, se é posíbel, debería ser o comezo doutro achegamento ás tensións e diferenzas internacionais. No tempo das armas de destrución masiva e da crise ecolóxica global non hai alternativa á cooperación e o recoñecemento dos intereses de cada parte e da multipolaridade. A crise Rusia-Ucraína-OTAN pode ser o anticipo doutra crise China-Taiwán-EUA de tan difícil e perigosa resolución como a actual. A idea que está a consolidarse nos media occidentais dun conflito de longo prazo entre o imperialismo estadounidense aliado coa UE e a alianza “asiática” Rusia-China, e dun cerco á China, é unha receita segura para o desastre.

Parar esta guerra e afirmar a diplomacia como instrumento principal para as relacións internacionais semella imposíbel, mais imprescindíbel. A sociedade civil debe expresarse, manifestarse, reclamalo. Agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.