Contra o mundo

Se a manifestación do sábado 31 de xaneiro foi convocada para facer tremer os alicerces do sistema e provocar un adianto electoral, non parece que o conseguiu nin vaia conseguilo. En cambio, se foi promovida para constituír o primeiro acto de campaña de Podemos, resultou un éxito indiscutible. É a vantaxe de organizar algo así, en xeral, a todo o mundo lle vale o resultado.

O mitin da Puerta del Sol pode aspirar sen dúbida a figurar nos libros de historia como un dos máis concorridos. Pero dinos poucas cousas que non soubésemos.

Dinos que Podemos deixou de ser unha opción virtual, un fenómeno televisivo ou unha reacción visceral. Pero hai tempo que só un cego podía seguir vendo unicamente iso. A proba é que os grandes partidos contraprogramaran a Marcha polo cambio, con lustrosos eventos propios, pero só lles serviron para opinar sobre Podemos e regalarlle máis minutos nos telexornais.

Dinos que hai moita xente emperrenchada tras estes anos de sufrimento masivo, pero non nos resolve a dúbida de se será tanta como efectivamente parece. Tamén confirma o que cantan as enquisas: hai moitos votantes buscando unha opción capaz de derrotar o PP. A xente quere gañar, non quedar segunda.

Sacar á xente á rúa resulta máis fácil que levala a votar. A manifestación acábase ao final do día. O voto dura catro anos. Aos votantes hai que darlles algo máis que un inimigo.

Entramos nun ano electoral que vai ser como o Tour de Francia. As escapadas fulgurantes e os ataques ao comezo da xornada poden valer para gañar unha etapa, pero non a carreira. Quen dosifique mellor as súas forzas e saiba escoller as escapadas boas entrará vitorioso nos Campos Elíseos.

Cando estudaba no Instituto de Mondoñedo puxémonos en folga. A cousa empezou porque non acendían a calefacción, pero fómonos entusiasmando e xa nos puxemos a arranxalo todo: menos exames, máis actividades, máis descansos entre aulas, un horario mellor, libros máis baratos, unha biblioteca, que botasen á bruxa que nos suspendía a case todos en Matemáticas, que en Ximnasia non nos fixesen subir correndo a costa dos Remedios? O programa era tan amplo que non quedou un alumno sen sumarse á protesta.

Uns cantos de fóra estabamos internos tamén no Seminario. Cando os curas se decataron, fomos interrogados de maneira preventiva para comprobar o alcance da nosa implicación. Mentres saía do despacho do noso titor, que facía de sala de interrogatorios, puiden escoitar como lle comentaba ao titor de EXB que nos manifestabamos contra o mundo e non había de que preocuparse... Fíxolles moita graza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.