En xuño de 2017, a Comisión Europea (CE) remitiu ao Parlamento europeo (PE) un regulamento de produto paneuropeo de pensións privadas (PEPP). O PEPP facilitará a transferencia de fondos privados de capitalización entre os países membros da Unión Europea (UE).
O pasado 3 de setembro, o regulamento debateuse na Comisión de Economía do PE. A europarlamentaria Lidia Senra, da Alternativa Galega de Esquerda, e o europarlamentario Miguel Viegas, do Partido Comunista Portugués, presentaron unha emenda esixindo que, primeiro, a CE retire o regulamento de produto paneuropeo de pensións individuais e, segundo, elabore propostas para fortalecer os sistemas públicos de pensións e garantir pensións públicas suficientes. A emenda é froito da colaboración entre Lidia Senra e o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN). Nos meses anteriores presentáranse mocións en decenas de concellos galegos pedindo aos plenos se dirixiren á Comisión de Economía do PE reclamando a retirada do PEPP. Aprobárona entre outros, os concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Bueu, Tomiño, Ribadeo e O Grove. A mesma moción foi presentada e aprobada en numerosos concellos das outras nacións do Estado español por iniciativa da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (COESPE).
O PEPP é un novo elemento na guerra prolongada de posicións para substituír as pensións públicas de reparto por fondos privados de capitalización. Velaquí os argumentos da CE (reproduzo entre aspas fragmentos do regulamento proposto pola CE, e, entre parénteses, a páxina do documento do que proceden):
1. Renuncia a esixir dos Estados membros a existencia de pensións públicas suficientes e propón complementar/substituír as pensións públicas por fondos privados de capitalización, “o aumento dos aforros adicionais ... destinados á xubilación podería ... mitigar as repercusións dunhas pensións máis baixas dos réximes públicos nalgúns Estados membros ... as pensións complementarias poderían desempeñar un papel chave nos ingresos por xubilación, en particular cando as pensións públicas poidan ser inadecuadas” (p.5).
2. Suxire que os fondos invistan en instrumentos derivados de alto risco semellantes aos que orixinaron a crise financeira que estoupou en 2007, ”promover unha contorna que estimule a innovación no sector de produtos financeiros” (p.3); “o investimento en instrumentos derivados será posíbel” (p.49).
3. Para promover a subscrición do PEPP, propón aos Estados membros aprobaren xenerosas desgravacións fiscais, que benefician as rendas máis altas, as que poden realizar importantes achegas aos fondos de pensións. Estas desgravacións reducen os ingresos da facenda pública e aumentan o carácter regresivo dos sistemas fiscais, “A fin de animar os Estados membros a concederen unha desgravación fiscal aos PEPP, a Comisión adoptou, xunto coa presente proposta, unha Recomendación sobre o tratamento fiscal dos produtos de pensións individuais, incluído o produto paneuropeo de pensións individuais” (p.4).
4. Recoñece que o verdadeiro obxectivo do PEPP non é mellorar a protección social, senón alimentar os mercados financeiros e ofrecer un novo espazo de valoración aos capitais financeiros, “canalizar ... cara aos mercados de capitais, máis aforros dos fogares” (p.4). No texto da CE a expresión mercado de capitais aparece 24 veces, o adxectivo financeiro, 60 veces, e UMC, Unión de mercado de capitais, 11 veces. En escandaloso contraste o substantivo pobreza, non se cita nunca. Segundo Eurostat, na UE-28, a poboación maior de 65 anos en risco de pobreza ou exclusión social supera o 18%.
O día 17 de setembro MODEPEN convoca concentracións nas cidades e vilas galegas para lles pedir ás europarlamentarias e europarlamentarios galegos que, cando o regulamento de PEPP chegue ao pleno do Parlamento, voten pola súa retirada. Deberán decidir onde se sitúan, ou do lado do capital financeiro morto, ou en defensa dos dereitos dos seres humanos vivos, as persoas que as elixiron cos seus votos.
Publicidade