Contrastes orzamentarios

Como é sabido, os orzamentos que presenta un goberno para a súa discusión e aprobación na Cámara parlamentaria proporcionan un determinado nivel de información a respecto de tres cuestións básicas: cal é o volume total dos recursos que xestiona esa administración pública; como obtén eses fondos e que prioridades de gasto establece nas súas previsións anuais.

Mentres o conxunto dos Ministerios experimentan unha redución media do 16,9% para o 2012, o departamento de Defensa só ve diminuído o orzamento nun 8,8%

En termos xerais, un concello, unha Comunidade Autónoma ou a Administración central do Estado dispoñen duns ingresos que proveñen de catro fontes principais: os tributos que paga o corpo social, as transferencias que recibe doutras administracións, a posíbel venda de bens pertencentes ao patrimonio público e o endebedamento que estima necesario contraer. A partir dos recursos dispoñíbeis, a equipa gobernamental correspondente debe concretar as previsións dos gastos anuais nos diversos capítulos que abrangue o seu labor como xestores públicos:prestación de distintos servizos, investimentos, retribucións ao persoal empregado, mantemento do propio aparello administrativo, pago das débedas (e dos seus xuros)…

Os orzamentos xerais do Estado para o 2012 teñen merecido diversas análises a respecto das grandes liñas de política económica que se explicitan no seu interior e sobre o tratamento que reciben os distintos territorios na distribución das principais partidas de gasto que se reflicten no mesmo. Neste breve apuntamento, pretendese sinalar algunhas realidades significativas que se poden constatar nos devanditos orzamentos a través do repaso dos gastos relativos a catro eidos específicos: Ministerio de Defensa, cooperación internacional, Igrexa católica e Casa Real.

Diversos informes teñen cifrado en 2.000 millóns de euros o custe orixinado pola presenza en Afganistán. Por outra banda, a participación na operación de Libia representou, até o momento, un gasto de 139 millóns de euros

Mentres o conxunto dos Ministerios experimentan unha redución media do 16,9% para o 2012, o departamento de Defensa só ve diminuído o orzamento nun 8,8%. Se revisamos os programas concretos de gasto tamén podemos observar o contraste entre a menor intensidade dos recortes practicados nos programas ligados á defensa co rexistrado noutras asignacións relativas á industria, ás políticas activas de emprego ou á educación:

Ministerio Programa 2011 2012 Var. Absoluta Var. Relativa
Defensa Administración e Servizos Xerais de Defensa 1.234.355 1.217.493 -16.862 -1,37%
Defensa Gastos Operativos das Forzas Armadas 2.363.738 2.289.059 -74.679 -3,16%
Defensa Apoio Loxístico 1.651.255 1.510.951 -140.304 -8,50%
Industria, Enerxía e Turismo Fomento e coordinación da investigación científica e técnica 2.015.789 1.392.459 -623.330 -30,92%
Emprego e Seguridade Social Fomento da inserción e estabilidade laboral 7.316.265 5.759.558 -1.556.707 -21,28%
Industria, Enerxía e Turismo Investigación e desenvolvemento da sociedade da información 369.371 116.644 -252.727 -68,42%
Educación, Política Social e Deporte Bolsas e axudas a estudantes 1.431.466 1.265.049 -166.418 -11,63%
Educación, Política Social e Deporte Ensinanzas universitarias 399.611 149.664 -249.948 -62,55%
Educación, Política Social e Deporte Educación infantil e primaria 263.325 167.130 -96.195 -36,53%

 

Nos Orzamentos Xerais do Estado non aparecen recollidos os custes que supoñen as misións no exterior. Só é posíbel –no capítulo de persoal- comparar a contía das “indemnizacións percibidas por destino no estranxeiro”: 79,8 millóns de euros para o 2011 e 73,8 millóns previstos para este ano, unha baixada do 7,5% (moi inferior á devandita redución media do 16,9%). Diversos informes teñen cifrado en 2.000 millóns de euros o custe orixinado pola presenza en Afganistán. Por outra banda, a participación na operación de Libia representou, até o momento, un gasto de 139 millóns de euros.

 

Reduce substancialmente as asignacións orzamentarias destinadas a “cooperación para o desenvolvemento”: de 1971 millóns a 678, un espectacular descenso do 65,6%

O goberno de Rajoy asume sen complexos a dedicación de importantes fondos públicos ao mantemento dos compromisos que requiren a mobilización de tropas no exterior mentres reduce substancialmente as asignacións orzamentarias destinadas a “cooperación para o desenvolvemento”: de 1971 millóns a 678, un espectacular descenso do 65,6%. Se no 2011 existían 217 millóns para subsidiar programas de cooperación promovidos por ONGs, agora só haberá 140 millóns. A mensaxe non admite dúbidas: primeiro os canóns, despois a manteiga.

A lóxica da “austeridade” que se utiliza para limitar seriamente a dimensión e a calidade do Estado de benestar, desaparece practicamente cando se trata de establecer as previsións de financiamento da Casa Real e da Igrexa Católica. No primeiro caso só se rexistra unha cativa diminución de 170.000 euros –un 2% menos que no 2011- e no segundo mantense a mesma cantidade de 159.194.592 euros.

A lóxica da “austeridade” que se utiliza para limitar seriamente a dimensión e a calidade do Estado de benestar, desaparece practicamente cando se trata de establecer as previsións de financiamento da Casa Real e da Igrexa Católica

Despois da “aventura” africana do titular da Coroa, poucos cidadáns asumirían hoxe o carácter intocábel que se lle outorga a esta institución no proxecto orzamentario. A exemplaridade que moitas veces se demanda –e con razón- dos distintos responsábeis políticos resulta mais esixíbel naquelas persoas que encarnan a máxima xerarquía contemplada na lexislación vixente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.