Convenios colectivos galegos

Manifestación da CIG en Vilagarcía Dominio Público @alvorota

O mesmo Mariano Rajoy ven de recoñecer que a reforma laboral do Goberno do Estado PSOE-UP (decembro 2021) modificou dun xeito moi limitado a súa contrareforma laboral de febreiro de 2012. Malia todo, cómpre recoñecer algúns avances substantivos: que pola vía da subcontratación non se degraden condicións de traballo ou reduzan soldos, que os convenios sigan vixentes mesmo despois de rematar a temporalidade pactada ou que os convenios de empresa non poidan reducir os soldos dos convenios sectoriais. Claro é que cómpre introducir reformas urxentes para sectores específicos que non se estudaron abondo no proceso dunha reforma planeada pola vicepresidenta Yolanda Díaz para a súa propia gloria, como a cuestión do persoal investigador, que precisa instrumentos contractuais específicos que substitúan á contratación eventual de obra ou servizo que agora fica proscrita.

Manifestación da CIG en Pontevedra © CIG

O convalidamento do Decreto-Lei do Goberno do Estado no Congreso atópase en grave risco, pois que semella que só conta con PSOE, UP, Máis País, Teruel Existe, Cs e PRC (167), coa moi lonxana posibilidade que os 4 deputados do PdeCAT escindidos do grupo de JuntsxCat puidesen pactar con Sánchez e Yolanda Díaz. Á marxe do voto en contra existencial do PP e Vox (141 deputados por xunto), para BNG, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, CUP, ERC e Compromis (32 deputados) é fulcral a prevalencia dos convenios colectivos de ámbito autonómico (no noso caso, de ámbito nacional galego) ; non hai xeito de arrumbala ou esquecela. O que mesmo pode ser complexo para os 2 deputados da UPN elixidos canda Navarra Suma, para a deputada do centro-dereita canario de CC e máius para o deputado do centro-esquerda canario de NC.

Na Galicia o primeiro sindicato en votos e delegados é a CIG, mentres que en Euskadi ese posto perténcelle á ELA-STV que, canda a LAB, sobrancea maioritariamente nas representacións sindicais vasca e navarra. No sector público catalá tamén sobrancea La Intersindical. Velaí a realidade social que alicerza esa ferreña actitude do soberanismo plurinacional.

Pensando na realidade deste País, como xa escrebiu hai poucos días o profesor liberal Miguel-Anxo Bastos (USC), as pemes galegas (mesmo determinada empresa galega sobranceira, como as conserveiras ) haberían preferir marcos laborais pactados a nível de País, onde puideran negociar con bo suceso os seus intereses e non depender dos intereses da grande empresa que dirixe a CEOE, que segue con esa falsa ladaíña da unidade de mercado que só significa que as grandes empresas manden e lles quiten o mercado ás pemes locais.

Tanto ás empresas galegas como ás persoas traballadoras do noso País interésanos moito a prevalencia dos convenios colectivos galegos. E iso non llelo van dicir nin Pedro Sánchez nin Yolanda Díaz. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.