Convulsa Asia Central

Tras un paréntese de aparente inmobilidade, o contexto xeopolítico euroasiático está presenciando discretamente una serie de sucesos que apuntan a presaxiar posibles reconfiguracións de orde estratéxico, polo pronto incertos, e cuxos efectos colaterais poderían procrear a renovación de tensións dende o Cáucaso ata Asia Central. Á expectación causada pola súbita reconciliación entre Rusia e Turquía, observada como recreación do proxecto euroasiático definido como un claro desafío aos imperativos xeopolíticos do eixe atlantista, deben engadirse outros acontecementos que acrecentan a incerteza e as inquietudes. Entre eles destacan o proceso de transición de poder en Uzbekistán tralo pasamento do ex presidente Islam Karímov; o inédito ataque á embaixada chinesa na capital kirguiza, Bishkek; e a recente designación do tayiko Gulmurod Jalímov como o novo xefe de operacións do Estado Islámico en Siria e Iraq, o cal implica observar con atención un eventual revival do xihadismo islamita en Asia Central. O transfondo deste contexto anuncia implicacións estratéxicas que moi probablemente afectarán o establishment centroasiático.

A práctica simultaneidade entre o ataque suicida á embaixada chinesa en Bishkek (un morto e cinco feridos) e o posterior pasamento do presidente uzbeko Karímov, se ben ambos sucesos illados e polo tanto sen conexión directa, determina observar con atención o que está por suceder en Kirguizistán e Uzbekistán como posible metáfora de cambio de ciclo dentro do contexto xeopolítico centroasiático.

En este sentido, os acontecementos móvense dentro dun péndulo que vai dende a reconfiguración de esferas de influencia (particularmente para Rusia, China e EUA) así como ante a eventualidade de observar un revival na penetración e reactivación dos movementos islamitas e xihadistas existentes dentro do espazo euroasiático, en particular pola posibilidade de expansión de redes simpatizantes ou afiliadas ao Estado Islámico (EI).

“Neo”xihadismo en escena

As autoridades kirguizas anunciaron unha presunta rede multinacional detrás do ataque terrorista en Bishkek, entre as que presuntamente se inclúen uzbekos, kirguizos, tayikos e membros da comunidade  musulmá uigur asentada na provincia chinesa de Xinjiang, fronteiriza con Kirguizistán, Tayikistán e Afganistán, entre outros.

Segundo as autoridades kirguizas, entre as conexións exteriores pareceran vincularse redes asentadas en Turquía e Siria, particularmente conectadas co Movemento Islámico do Turquestán Oriental, un grupo islamita asentado en Uzbekistán entre os que tamén se atopa o grupo Tawhid wal-Jihod, aliado coa Fronte Al Nusra sirio.

O ataque en Bishkek debe contextualizarse coa recente designación do tayiko Gulmurod Jalímov como novo xefe de operacións do Estado Islámico (EI) en Siria e Iraq. Jalímov substitúe así a Tarján Batirashvili, mellor coñecido como Abu Omar al-Shishani (alias “o checheno” en árabe), e quen morreu en xullo pasado durante unha batalla en Al-Shirqat (Iraq), no marco da ofensiva da alianza internacional contra o EI para recuperar Mosul. Jalímov, de 41 anos, foi con anterioridade comandante das forzas especiais de Tayikistán, entrenado por Washington en operacións antiterrorista e que en 2015 pasouse ás filas do EI.

Tanto como anteriormente no caso do checheno Batirashvili,  a designación de Jalímov permite intuír non só o reforzamento do poder de elementos radicais procedentes do Cáucaso e da Asia Central post-soviética na dirección da organización xihadista senón tamén como dunha viraxe de estratexias operativas enfocadas cara a periferia centroasiática, concentrando así un teatro de operacións alternativo ante a posibilidade de progresivamente perder o seu “santuario” enclavado entre a porosa fronteira de Siria e Iraq.

Para iso, o EI podería valerse de alianzas históricas anteriormente establecidas por redes xihadistas afiliadas a esta organización e con conexións no teatro centroasiático, con especial incidencia cara o Movemento Islámico de Uzbekistán (MIU) así como outros grupos islamitas radicais aínda persistentes en Asia Central, sen menoscabar os redutos talibáns asentados entre Afganistán e Paquistán, e que manteñen conexións con esas redes e co EI nun contexto post-Al Qaeda.

En 2002, o MIU reconverteuse no Partido Islámico do Turquestán, considerado como un dos principais inimigos do falecido ex presidente uzbeco Karímov. As actividades do MIU igualmente foron prohibidas en Rusia a partir de 2006. A repentina morte de Karímov e o incerto (aínda que non inestable) proceso de transición presidencial e institucional en Uzbekistán pode así significar a reapertura dun teatro de operacións apetecible para o xihadismo islamita, como epicentro de irradiación dentro do contexto centroasiático

Segundo datos oficiais rusos e doutros gobernos centroasiáticos, un terzo dos combatentes do EI proveñen de Rusia e das repúblicas centroasiáticas. Con todo, o movemento xihadista tivo que afrontar diversas tensións e conflitos con outros grupos radicais, así como a brutal represión oficial, para o recrutamento de efectivos neses países.

Outras fontes rusas estiman que Washington, a través da CIA, presuntamente estaría orquestrando situacións de inestabilidade en Asia Central (con posible epicentro en Kazajstán), sexa aparentemente a través de redes xihadistas ou de grupos insurxentes contestatarios contra o actual establishment do poder centroasiático, a fin de eventualmente recrear as “revolucións de cores" vixentes dende Ucraína ata Kirguizistán durante a década pasada, coa finalidade de quebrar a consistencia do eixe euroasiático e das estratexias de integración impulsadas por Rusia e China.

Por tanto, e trala morte de Karímov, o mantemento da estabilidade e do status quo na periferia centroasiática ten para Putin unha importancia estratéxica clave. Tras asistir ao G-20 celebrado a comezos de setembro en Hangzhou (China), o presidente ruso viaxou inmediatamente á capital uzbeka para render honores oficiais ao falecido Karímov.

Pero a súa visita evidenciou igualmente a necesidade de Moscova de manter a Uzbekistán na súa órbita estratéxica de influencia de cara á sucesión post-Karímov, afastándose da hábil realpolitk pragmática practicada polo ex presidente uzbeko nas súas relacións con Rusia, China e Occidente.

A transición post-Karímov e a estabilidade uzbeka obsérvanse así como estratéxicas, particularmente para Rusia e China, tomando en conta que a eventualidade dunha crise política en Tashkent pode ter repercusións na volátil contorna centroasiática, particularmente cara as veciñas Kirguizistán e Tadxikistán. E significa tamén un pulso entre EUA, Rusia e China polo control de esferas de influencia en Asia Central, na que a perspectiva por quebrar calquera eixe euroasiático alternativo ao eixe atlantista cobra unha vixencia estratéxica específica, incluso tomando en conta a recuperación de redes xihadistas na rexión.

Revival da idea de Eurasia

Paralelo aos sucesos que afectan ao status quo existente en Asia Central, deben observarse con atención os recentes movementos de eixes xeopolíticos dentro do espazo euroasiático, principalmente motivados pola reconciliación bilateral entre Rusia e Turquía acaecida a comezos de agosto, coa xuntanza en San Petersburgo entre os presidentes Vladimir Putin e Recep Tayyip Erdoĝan.

Estas expectativas confirmaríanse ante a posibilidade dun audaz viraxe euroasiático por parte dun socio estratéxico da OTAN como é o caso de Turquía, que cobran forza ante os recentes roces diplomáticos entre Ankara e Washington en torno ao contexto post-golpe turco e a purga posterior impulsada por Erdoĝan. Está igualmente por ver se este hipotético eixe Moscova-Ankara eventualmente implicaría a posibilidade dunha ampliación cara outros actores, en particular China e Irán, con evidentes efectos disuasivos de cara ao eixe atlantista.

Neste sentido, deben observarse con atención os recentes mecanismos de concreción de intereses entre Rusia, Turquía e Irán co respecto ao conflito sirio e á recomposición xeopolítica que se anuncia para Oriente Próximo. A aceptación de Teherán de permitir que cazas rusos bombardeen posicións do EI e dos rebeldes sirios dende a base iraniana de Hamadán ao noroeste do país persa, significa a alteración más relevante dentro do caótico conflito sirio, escenario que conta co apoio turco e que ven permitindo ao réxime sirio presidido por Bashar al Asad, a recuperación de prazas e de posicións estratéxicas, con particular incidencia cara o control das localidades de Aleppo e de Raqqa.  

Paralelamente, estes movementos de péndulo xeopolítico deben observar con atención algúns acontecementos que recentemente están polarizando a situación política e o status quo no espazo euroasiático. Destacan aquí a súbita crise en Armenia trala  misteriosa e infrutuosa asonada policial de carácter golpista (18 de xullo); a renovación das tensións en torno ao conflito de Nagorno Karabaj; inéditos focos de protestas con aparente síntoma de recrear inestabilidade en Kazajstán (febreiro-maio), traducidas na aprobación dun Código do Solo; e a aparente negativa búlgara de acoller unha base permanente da OTAN, engadida ao rexeito de Moldavia dunha proposta da Alianza Atlántica de resolución do conflito de Transnistria, escenario no que pode intuírse a presión rusa. Isto sen esquecer obviamente os xa referidos escenarios de sucesión presidencial en Uzbekistán e o impacto xeopolítico en Asia Central derivado do inesperado ataque terrorista en Bishkek.

A reconciliación ruso-turca acontece nun contexto de visible debilitamento político da Unión Europea, moito mais palpable tralo éxito do Brexit así como do declive no entusiasmo da ampliación comunitaria cara o Leste. Isto sen menoscabar os esforzos da OTAN por illar a Rusia a través da renovación dunha especie de “cordón sanitario” dende o Báltico ata o Mar Negro, observadas tralo recente Cumio de Varsovia (8-9 de xullo), e que ben puideron acelerar os mecanismos de reconciliación entre Moscova e Ankara.

Isto explicaría tamén os recentes movementos no taboleiro euroasiático. Previo aao cumio ruso-turco, el presidente kazajo Nursultán Nazarbayev visitou Turquía sendo  (tralo primeiro ministro xeorxiano Giorgi Kvirikashvilli), o primeiro mandatario estranxeiro en visitar a Erdoĝan tralo intento de golpe.

Esta visita de Nazarbayev a Turquía pode intuír un achegamento con claras expectativas de fomentar un eixe xeopolítico euroasiático, con miras de proxección cara outros foros de integración como a Unión Económica Euroasiática (UEE), a Organización de Cooperación de Xangai (OCX) e a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTCS), organismos aos cales Turquía ven achegándose recentemente, algúns deles en calidade de membro observador. Trala súa visita a Turquía e a de Erdoĝan a Rusia, Nazarbayev e Putin reuníronse a mediados de agosto en Sochi (Rusia), no que pode igualmente apreciarse como un reforzamento do eixe euroasiático dentro do espazo post-soviético.

No caso xeorxiano, alén do formalismo da visita de Kvirikashvilli, pautada con anterioridade ao intento de golpe en Turquía, a mesma pode suxerir o reforzamento de imperativos xeopolíticos de marcado pragmatismo por parte de Erdoĝan, coa probable intención de focalizar situacións de estabilidade no contexto caucásico, sumamente volátil pola mestura de conflitos de orde separatista, étnico e relixioso. Igualmente, Ankara busca reforzar con Tbilisi organismos de integración como a Organización de Cooperación Económica del Mar Negro (OCEMN).

Do mesmo xeito, esta perspectiva de formalización bilateral turco-xeorgiana refórzase pola necesidade de crear alianzas de carácter enerxético para o paso de rutas de oleodutos e de gasodutos dende o Mar Caspio ata Rusia e Europa. Un escenario que igualmente pode anunciar inéditas variacións para Tbilisi, en particular pola súa  tradicional orientación pro-occidental e atlantista plasmada na súa asociación estratéxica coa OTAN, aspecto que cobra maior relevancia trala aparente concreción dun eixe ruso-turco.

Precisamente, a reconciliación entre Putin e Erdoĝan deron paso a escenarios de maior cooperación, entre os que destacan a eventual concreción dun Sistema Aéreo de Defensa Misilística de longo alcance (T-LORAMIDS) que permita a Turquía achegarse como socio militar para o Kremlin, exercendo así un claro efecto disuasivo de cara á OTAN. Tamén focalizaron en mecanismos financeiros alternativos, establecidos en torno ao Banco Euroasiático con sede en Kazajstán, que permitan unha triangulación financeira e económica ruso-turca-kazaja.

Tamén está o aspecto enerxético. Putin e Erdoĝan afinan unha estratexia de revitalización do gasoduto Turkish Stream para transportar gas natural dende o Mar Negro ata Europa, transitando por Turquía e evitando así a ruta ucraína desexada por Occidente a través do gasoduto Nabucco. Outros proxectos enerxéticos, principalmente impulsados pola multinacional rusa Gazprom, focalizan no transporte dende o Mar Caspio, incluso transitando por territorio sirio.

Dilemas atlantistas

Para iso, o eventual e posible achegamento de Erdoĝan cara unha Unión Económica Euroasiática (UEE) baixo hexemonía de Moscova, pretende igualmente o reforzamento doutros organismos rexionais (OCEMN) con expectativas de disuadir á Alianza Atlántica cara a concreción dun “novo trato” nos intereses estratéxicos do espazo euroasiático, xa anteriormente alterados polas ganancias xeopolíticas rusas obtidas trala crise ucraína (2014-2015).

O contexto luce así complexo para un eixe atlantista polarizado polo escenario post-Brexit e ante as complicacións de aprobación europea da Asociación Transatlántica de Comercio e de Investimentos (TTIP), factores que poden incidir en reorientacións xeopolíticas alternativas para Turquía por fora da esfera de influencia occidental.

O pasado 29 de xuño, coincidindo coa súa iniciativa de reconciliación con Putin, Erdoĝan participou no cumio da OCX celebrado en Tashkent (Uzbekistán), na que eloxiou vehementemente a este organismo como “mellor que a Unión Europea”. Esta declaración non semella casual, o cal intúe importantes (e non menos incertas) recomposicións tanto do equilibrio xeopolítico como do status quo estratéxico dentro do espazo euroasiático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.