Corcoesto

Afirma unha das grandes fortunas yankies, o carroñeiro Donald Trump, mangante de altura ao que os xornais chaman magnate, que España está enferma, con febre, e hai que aproveitalo. “Alí”, refírese a “aquí”, “dancho todo por nada, podes mercar terra por un prezo irrisorio, podes mercar o que sexa por nada!” Para estes especuladores e criminais que inzan na desgracia allea, coma quen lles rouba as carteiras aos feridos nun accidente, somos un choio, unha mina! De febre, mangantes, choios e minas vai este conto triste.

Os mangantes son dunha banda que vén a arramblar con todo o que brille, agora que ouro é produto estratéxico    

A febre é a do ouro, a mina é a antiga explotación de Corcoesto e os mangantes son, dunha banda, a empresa canadiana quen vén a arramblar con todo o que brille, agora que ouro é produto estratéxico e obxecto de especulación, e doutra banda a Xunta do PP, que escolta, aplaude e co-patronea o espolio e a destrucción do noso patrimonio mineral e natural para valerse electoralmente da promesa de 270 postos de traballo, falsos, que o propio Feijóo eleva con descaro a 1400.

Estamos ante outra fabrica de baterías de Mitsubishi, u-la? Outro xacemento petrolífero no Gran Burato, u-lo? Outra fábrica de coches eléctricos en Melón, u-la? Outro grande investimento de Pemex para os estaleiros, u-lo?  Ou dos chineses no Porriño, u-lo? A outro nivel, o ouro de Corcoesto é o noso Benvido Mr. Marshall. Ou, se se quere, o Eurovegas do Pinocho de Montepío e dos alcaldes do PP: corrupción, desfeita natural, impacto paisaxístico, espolio de recursos, leis á medida do capital e, no noso caso, toneladas de cianuro.

Este proxecto ten un tufo de colonialismo do terceiro mundo e de século XIX que tira para atrás

Pero este proxecto ten ademais un tufo de colonialismo do terceiro mundo, e de século XIX, que tira para atrás. Non só están en cuestión os recursos ou a sostibilidade da zona senón que compromete a dignidade da comarca e do país. Para algunhas persoas a dignidade non conta, nin o que pase dentro de dez anos cando o ouro perda peso nos mercados da especulación e fiquemos co agasallo dos cráteres inmensos, a maquinaria enferruxada, as balsas tóxicas, os montes de entullo e o Anllóns polucionado. Outras persoas vense presionadas pola desesperación do paro a admitir o que sexa. Son situacións reais, pero propias do século XIX. A cidadanía libre e consciente debe situarse no século XXI, defender o patrimonio herdado e saber preservalo para que o herden os que han de vir. O tesouro non está baixo terra, sobre todo se o levan outros e a nos nos deixan o entullo e a polución: o tesouro está na superficie, na fita de prata do Anllóns e nos montes coma tetas moles cubertos de verde.

Non aos embustes e a manipulación de Corcoesto. Si ao futuro de Bergantiños e a Costa da Morte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.