Coroavirus: o día despois

Nun artigo anterior neste medio (https://praza.gal/opinion/coroavirus-e-recesion-economica-que-non-nos-enganen) subliñaba que o coroavirus veu a acelerar, e tamén en certa medida a ampliar, unha nova recesión económica provocada por unha crise de oferta. Malia que as manifestacións da nova recesión son cada vez mais evidentes (contracción económica histórica en China cunha forte caída da demanda interna, importantes turbulencias no mercado mundial do petróleo debidas as guerras de prezos, riscos dunha nova crise financeira provocada esta vez polo frenesí das bolsas que dou lugar a unha nova burbulla, sobreprodución de sectores manufactureiros estratéxicos como o da automación e a química...) moitas das autoridades internacionais, nacionais e autonómicas non parecen tomar en serio esta situación aparentando crer que unha vez superada a pandemia seremos quen de recuperar a situación anterior en materia, por caso, de crecemento económico e emprego. 

Non será así. No horizonte se debuxa un panorama a curto e medio prazo que para España e Galicia se presenta moi, moi preocupante dada a xa precaria situación de partida tanto no mercado laboral (o desemprego camiña a índices próximos ao 20%) coma no estado de benestar (basta con veren tanto as enormes dificultades con que os sistemas públicos sanitarios castigados polas políticas austericidas atopan para atender a pandemia como a terrible situación nos centros de atención aos maiores), no equilibrio social (cunhas desigualdades que se dispararon na derradeira década con índices de pobreza superlativos) e na ocupación do territorio (medran en España e Galicia os pobos abandonados). Os efectos da pandemia, e da conseguinte corentena, sobre a produción e a distribución non deberían tapar a evidencia de que cabalgamos nunha recesión económica polo que xunto a medidas, como as que está tomando actualmente o goberno español que intentan paliar, especialmente a nivel de ingresos e pagos, os efectos da pandemia son necesarias medidas a medio e longo alcance para conseguir recuperar a senda do crecemento económico, o emprego e o benestar social. Medidas que si pola súa dimensión e relevancia esixen un esforzo financeiro a nivel europeo obrigan especialmente as administracións públicas de cada pais (nacionais, autonómicas e locais) polas diferentes formas de manifestarse tanto da pandemia como da recesión

Claro está que o primeiro a afrontar debe seren o garantir a saúde e a vida das persoas pero non so agora senón tamén no futuro xa que todo apunta a que as pandemias se repetirán polo que resulta imprescindible reforzar os sistemas públicos de saúde e de atención as persoas mais vulnerables. Algo que en Galicia, como en outras comunidades españolas como sucede con Madrid e Cataluña, resulta prioritario e urxente. Coido que poucas veces, como agora, resultou tan evidente a importancia de contar con fortes sistemas públicos de benestar, velaí como os estados escandinavos soportan mellor o impacto da pandemia con, por caso, índices de contaxio e mortalidade claramente por baixo da media europea. Unha das experiencias do confinamento é o efecto enormemente positivo que ten sobre o medio ambiente: basta con ver agora as fotos que nos chegan do ceo nas grandes cidades. Non cabe dúbidas que logo da pandemia teremos aínda mais claros os negativos efectos que tanto o elevado uso do transporte por carreteira e aire como a actividade de determinadas industriais teñen sobre o medio ambiente e, xa que logo, a nosa saúde. Evidencias que deberan levar a que os partidos e organizacións das esquerdas galegas puxeran no centro do debate tanto o reforzamento do sistema de benestar como a protección e mellora do medio ambiente.

Esta pandemia está tamén poñendo en evidencia as vantaxes de contar, por caso, cunha agroindustria próxima e accesible que sexa quen de garantir a alimentación básica. Si o coroavirus demostrou que para unha segura e mellor alimentación é moi importante contar con mercados locais e comarcais de produtos agrogandeiros, que compensen a especulación das grandes cadeas, tamén evidenciou os perigos de non contar cun sistema agroindustrial potente que evite os riscos de cortes na cadea alimentaria e free o crecente abandono do rural. Un sector que en Galicia va a seren moi castigado polos efectos da pandemia e a recesión será a industria na que son maioría as pequenas e medianas empresas. A política a aplicar debe buscar tanto que o tecido industrial galego saia o menos danado posible da pandemia, para o que será necesario fiscalizar que tódalas empresas que se acolleron a un ERTE na volta a normalidade cumpren en materia de mantemento do emprego, como sentalas base para un tecido industrial que, en base a pemes, aposte polo emprego e a innovación selectiva (a nivel sectorial, tecnolóxico e crediticio). Todo apunta a que actividades industriais relacionadas coas novas tecnoloxías e a robótica, a telecomunicación, as enerxías limpas e o medio ambiente así coma as infraestruturas básicas serán centrais nos sistemas industriais postcoroavirus. O comercio polo miúdo pode ser unha das grandes vítimas da pandemia: a parálise dos circuítos de subministro e de venda vai facer estragos neste sector xa ferido e cheo de débedas pola recesión anterior. Logo de que pase a pandemia e se retiren as medidas de confinamento serán necesarios plans de estímulo e de reactivación deste sector minorista de enorme importancia económica e social en Galicia.

Unha estratexia deste tipo supón que antes de nada haberá que coñecer o auténtico estado en que queda a estrutura económica e social (familias, empresas, comercios,...) logo da pandemia. Unha vez coñecidos os danos causados hai que ser conscientes de que o esforzo que se vai esixir será de tal magnitude que requirirá da participación do tódolos axentes públicos e privados galegos: un grande acordo a nivel galego resulta, xa que logo, imprescindible. Acordo que so será posible si algunhas das partes como, por caso, os empresarios galegos cambian de actitude, a Xunta de Galicia entende que ela soa non será quen de atender a tódolos problemas xurdidos e o movemento sindical galego participa. Un acordo que precisará, xa que logo, que tódalas administracións públicas galegas (Xunta, Deputacións, Concellos) traballen coordinadamente deixando a un lado as loitas partidistas e os afáns protagonistas. Estes tempos esixen unidade e solidariedade.

Velaí algunhas das ensinanzas que se poden sacar do dobre impacto da pandemia e a recesión económica. Leccións que deberan guiar aos gobernantes galegos actuais e futuros. Dirixentes que deberan entender que reactivala economía e a sociedade galega esixirá un reforzamento do público con unha política fiscal moi potente. De non facelo e seguir confiando en que o mercado e a iniciativa privada por si sos nos devolverán a normalidade terá consecuencias catastróficas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.