Corpos políticos

Os corpos, maiormente os femininos, aos que me vou referir, están culturalmente codificados. A ideoloxía sexual dominante vai definir a percepción dos corpos.  Depende de moitos aspectos, do lugar, da cultura, do estado social, económico, político, relixioso.

As relixións, sendo como son dualistas, conciben as persoas como un conxunto de corpo e alma, unha parte material e outra espiritual. O corpo pode ser causa da pecado. Os inimigos da alma son: o mundo, o demo e a carne. Carne é un modo brután e groseiro da estimación do corpo feminino,  obsceno e vicioso. As relixións aconsellan tapar ese corpo, esa carne, eses cabelos, que excitan a luxuria masculina e conducen a pecar. Distinguimos o poder da relixión nun determinado lugar e cultura pola ocultación ou liberdade nela dos corpos das mulleres.

Ese desprezo corporal na muller, transformase en veneración no rito católico da eucaristía, onde, o corpo de Cristo, en forma de hostia, é tragado polo sacerdote oficiante e despois polos fieis na comuñón:  É o meu corpo, tomade e comede. É o meu sangue, tomade e bebede. Pois eu son a vida, eu son o amor. O ritual, a normalidade, fan que a xente non escoite ou non se deteña no significado de que está comendo un corpo e bebendo sangue coma se fose caníbal ou vampiro.  

Deixando a un lado os irracionalismos, o corpo humano real, está  constituído por órganos, osos, fluídos, os compoñentes necesarios para a vida, e non ten nada en si mesmo que poida producir escándalo. As escandalosas son as olladas sobre os corpos. As olladas varían segundo a época histórica, a ideoloxía, a situación.  Non é igual a mirada sobre os corpos nus nunha praia nudista ca nun local porno; nunha padiola dun hospital, ca nunha viaxe pola Polinesia; nunha mina antiga da china, onde as mulleres traballaban espidas sen alterar o traballo dos compañeiros, ou nun vídeo para pedófilos. Así, milleiros de visións. 

Diferente é a ollada artística. O corpo das mulleres foi obxecto e motivo das artes plásticas desde sempre. Os corpo nus na arte acostuman a diferencialos da  pornografía pola calidade artística. Os límites neste caso non están definidos e depende das interpretacións, variadas segundo o status cultural, social, económico, …

Os prexuízos xogan un papel determinante á hora de xulgar os corpos. Penso agora nos etnocéntricos. Corpos de tribos primitivas preparados para rituais ou deformados en función de diferentes conceptos de beleza, con tatuaxes, escarificacións, deformacións corporais. Co tempo, o mundo pasou da ollada de asombro ante os descoñecidos salvaxes, a seren copiados en momentos máis  condescendentes como os actuais. A moda son os piercing, en diferentes lugares do corpo e as tatuaxes. O corpo como experimento. Unha sociedade, como a nosa, que toma analxésicos por unha pequena dor de cabeza, sométese con vontade ás dores que producen marcar e furar os seus corpos, por simple imitación o moda, sen que tradicións, crenzas ou ancestrais aspiracións  beneficiosas, lles compense da dor como debía suceder nos habitantes máis primitivos que pretenden emular.

Arredor dos anos 70, os corpos artísticos convertéronse en materia excéntrica. O chamado Body Art, relambíase na escatoloxía. Os artistas realizaban happenings co propio corpo, exhibían vivencias desvergonzadas á vista de visitantes, masturbábanse nas salas dos museos, envorcaban sobre o público diferentes fluídos corporais, cuspe, mexo, seme, cometían mutilacións dos órganos sexuais, representaban accións sexuais de diversa índole. (Ante isto, permítanme a digresión, resultan irrisorios os beixos na boca no parlamento e outras “inocencias” coas que susoditos esquerdistas queren épater a hipotéticos bourgeois). No Body Art non se detiñan na busca do corpo idóneo. As artistas sometéronse a operacións cirúrxicas, para, nas mans da ciencia estética, conseguir a frente de Mona Lisa, o queixo da Venus de Boticelli, ou outros paradigmas estéticos.

Velaí o corpo humano como metáfora, como artefacto cultural fabricado por desexo, por gusto mimético. Corpo símbolo. Corpo distanciado ao máximo da evolución natural. E Darwin, onde estivo?      

O xogo non se limita aos órganos senón que atinxe ás identidades sexuais que se complican. Do travestismo pasaron a trans-sexualidade, ou sexualidade en tránsito, o cambio de sexo que abonda na actualidade. O sexo como elección, porque hai quen nace co sexo equivocado, din. De todo haberá. E non é cuestión de contrariar infelizmente o corpo dunha persoa. Mais, á marxe de poder optar pola identidade sexual que lle tire, e a súa mente lle dite, aproveitando a tolerancia da lei española que permite inscribirse como cidadá ou cidadán no rexistro civil, por propia vontade, sen control físico, eu recomendaría non mutilar órganos.  Somos seres de cultura. Se noutro momento da vida, a mente nos leva a experimentar outros desexos, con divorciarse do sexo no rexistro, abonda. É o cerebro o que manda no sexo.

Os significados do corpo poden ser moitos, moitos máis. Pero hoxe quero centrarme no corpo político, nos corpos das Femen. É preciso recoñecer que as feministas usaron o corpo politicamente xa no pasado, desde as folgas de fame das sufraxistas, a poñerse como escudos humanos diante de nobres carruaxes, ou enfrentarse cos policías armados nas manifestacións.

Actualmente, o movemento Femen, supón unha innovación, a máis recente, rompedora e eficaz acción feminista. Nace en Ukraina con motivo da celebración da Eurocopa, contra os excesos sexuais que provocan os inchas futbolísticos alí onde chegan arrasando como unha horda desbordante de testosterona.

A partir de 2011, as activistas Femen,que unen teoría e praxe, fanse globais, protestan en calquera parte do mundo onde consideran que son precisas. A última actuación foi en Francia, no acto de votación de Marine Le Pen, denunciando a simulación como feminista da líder fascista. 50.000 policías e 7.000 soldados foron mobilizados para impedir as súas veloces accións. Parece un desatino o número de forzas represivas para 4 mulleres levando caretas de Marine, do seu pai, de Putin e de Trump.

As Femen forman pequenos comandos de poucas mulleres, sen líder, que se presentan por sorpresa no lugar onde fan a aparición, nun happening teatral, un ataque imprevisto, unha acción co torso nu e as tetas ao aire, onde van escritas as declaración da súa protesta. Grafittis de denuncia no torso, os peitos como panfletos, os slogans revolucionarios nas bocas. Son pacifistas. A súa ideoloxía é o feminismo, o ateísmo e o sextrismo. O sextrismo é a súa táctica: usar o corpo espido como arma.

Tamén como parodia. Dada a consideración malévola e escandalosa do corpo feminino na ideoloxía conservadora e tradicional, involucran o corpo con intención contraria,  para chamar a atención sobre os motivos das súas accións-protesta. Son corpos políticos que desagradan os fascistas, os eclesiásticos, os imáns, contra quen se dirixen. Descolocados, a lascivia nos seus ollos convértese en medo. Non son corpos obxectos para o pracer. Son corpos conciencia con significado de denuncia feminista e social. Sexo que non é sexo. Tetas que non son tetas, que son vangarda e están vinculadas a cambiar a situación das mulleres no mundo, daquela a cambiar o mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.