Corrupción estrutural

O farmacéutico de Chandrexa foi detido hai uns días por un presunto delito de estafa continuada. Facturaba os fármacos que os pacientes tiñan prescritos na tarxeta sanitaria e que non foran retirados. Utilizaba o precinto para cobrarlle ao Sergas e despois tiraba ao lixo as caixas sen usar das medicinas. Esta foi unha noticia menor, situada nas páxinas locais, con escasa relevancia tipográfica. A permanente avalancha de novas relacionadas coa corrupción fai que sucesos como este xa non sorprendan. (Como nos imos escandalizar despois de coñecer os manexos de Bárcenas e de saber que as empresas do Ibex 35 actúan en paraísos fiscais!).

A sensación de impunidade de quen realiza estas prácticas ten que ver coa conivencia xeneralizada da sociedade con respecto á corrupción

A sensación de impunidade de quen realiza estas prácticas ten que ver coa conivencia xeneralizada da sociedade con respecto á corrupción. Hai quen acepta como inevitables estas condutas, quen as asume como unha peaxe obrigada da vida en común. Mesmo hai quen se vanagloria destas actuacións (facturas sen IVE, traballos en negro, fraudes á Facenda, informacións privilexiadas, contactos proveitosos, influencias útiles etc) e preséntaas como unha demostración de intelixencia; hai quen renega dos puros, por entender que neste mundo todos se manchan para perseguir  o seu  beneficio.  A aceptación social das prácticas corruptas chegou en Galicia ata o extremo de que algúns narcotraficantes tiveron  relevancia social con fortes vínculos co poder económico e político. Lembro que, naqueles anos, un rapaz das Rías Baixas, ao ser preguntado polas súas aspiracións de futuro nun programa de TV, declarou rotundo: “Eu quero ser contrabandista”.

Lembro que, naqueles anos, un rapaz das Rías Baixas, ao ser preguntado polas súas aspiracións de futuro nun programa de TV, declarou rotundo: “Eu quero ser contrabandista”

Unha sociedade infectada pola corrupción ten mal futuro. As prácticas corruptas rachan a confianza básica que deben presidir as relacións sociais, económicas e políticas. A filósofa Adela Cortina destaca a necesidade de recuperar a confianza que agora nos falta: “Se ha perdido por las alcantarillas de los escándalos de corrupción, el hábito de mentir, la perversa costumbre de crispar los ánimos”.  Se as regras da convivencia son constantemente vulneradas, se a estafa, o engano e a mentira se instalan no tecido social, actúan como unha infección que vai corroendo todo ao seu paso. JJ Millás sinalou nun artigo a conveniencia de que "los conductos de las aguas fecales y los de la sanitaria estén suficientemente separados para evitar filtraciones”.

Tiven a oportunidade de escoitar na Coruña, hai xa uns días,  unha conferencia do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, quen denunciou a corrupción sistémica que infiltra o país e propuxo a creación dunha entidade independente encargada de detectar precozmente as situacións de risco e adoptar medidas preventivas. Estas estratexias foron instauradas noutros países (Portugal, por exemplo) con bos resultados. O fiscal fai unha curiosa taxonomía pois distingue entre corrupción de mercado e corrupción de parroquia. En Galicia conviven as dúas e impregnan de xeito especial as actuacións das corporacións locais.  Mais, con ser importante a  implantación de plans preventivos, a clave da loita contra da corrupción está na cidadanía: lonxe da conivencia actual é preciso xerar unha posición de rexeitamento das prácticas corruptas. Ningún político afectado pola sombra da corrupción debería obter, nunca máis, o respaldo das urnas.

O fiscal fai un chamamento á cidadanía para que reaccione fronte a esta enfermidade social e reclama ao ámbito político que poña os medios que nos permitan defendernos dos “ladróns do erario público e os violadores da inocencia do país”

A Carlos Varela temos que agradecerlle o esforzo pedagóxico que está a realizar para promover o rexeitamento da corrupción. Fixo debates en numerosas  localidades de Galicia e presentará en breve as súas propostas, por segunda vez,  no Parlamento galego. O fiscal fai un chamamento á cidadanía para que reaccione fronte a esta enfermidade social e reclama ao ámbito político que poña os medios que nos permitan defendernos dos “ladróns do erario público e os violadores da inocencia do país”.  (Tamén quero destacar  a súa defensa firme e contundente dos afectados polo fraude masivo das participacións preferentes e o seu compromiso perseverante na defensa do idioma galego -tan necesario nunha cidade como A Coruña, fortemente desgaleguizada despois dos longos e funestos anos do vazquismo-). 

Rosa Montero celebraba nun artigo (neste tempo incerto de crise e corrupción) a entrada en escena dun puñado de xuíces que se están a converter nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade (“estamos necesitados de héroes civiles y de poderes protectores”, dicía). O traballo do Fiscal Superior de Galicia inscríbese nesta liña de actuación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.