Cortina de fume

Era previsíbel. Núñez Feijoo ía utilizar a situación política catalá para buscar un proveito partidista no debate do estado da nación galega. Resultaba inevitábel que esa cita no Pazo do Hórreo ficara afectada polo que se está vivindo en Catalunya. Certamente, non sería aceptábel asistir a unha sesión parlamentaria desa natureza sen que se discutira -sequera fora parcialmente- sobre as distintas visións e propostas das forzas políticas que operan no territorio galego. A cuestión radicaba, poren, na dose utilizada e na actitude do grupo que dispón da maioría absoluta na Cámara.

O presidente da Xunta non foi orixinal na súa visión sobre o que está acontecendo mais alá do Ebro. Reproduciu a liña discursiva que se ven mantendo dende a Moncloa: ignorancia ou desprezo da fondura do problema político que está sobre a mesa, carencia de propostas que teñan certas posibilidades de suscitar pontos de encontro entre as posicións confrontadas, aposta exclusiva pola vía xudicial e policial para o tratamento do conflito e uso dunha linguaxe fortemente belixerante na comunicación habitual (“golpe de Estado”, “insurreción”, “rebelión”, “delincuentes”...).

Instalado na lóxica do “canto peor, mellor” Feijoo non tiña interese en analizar o impacto na vida institucional galega dunha eventual saída pactada no contencioso catalán. Se non contempla oficialmente esta última opción, para qué vai entrar nun territorio que suporía aceitar a pertinencia dun cambio da actual normativa estatutaria? O dirixente do PPdG ten un pasado ben coñecido nesta materia: no ano 2007 negou o seu apoio -imprescindíbel para acadar a maioría cualificada esixida na legalidade vixente- a unha proposta de reforma do Estatuto que estaba moi adiantada no seo dunha comisión específica do Parlamento galego. Eran os tempos nos que Rajoy encabezaba unha agresiva campaña contra o Estatut aprobado en referendo (e que logo culminaría coa presentación dun recurso no Tribunal Constitucional) e na rúa Génova non querían unha reedición da “autonomía” exhibida por Fraga no tratamento da cuestión territorial. Posteriormente, xa como presidente da Xunta, Alberto Núñez incumpriu a súa promesa electoral de promover a reforma do Estatuto na lexislatura 2009-2012. Despois xa non falou mais desa posibilidade e agora utiliza a coartada da situación en Catalunya para arquivar calquera perspectiva de mellora significativa do autogoberno. Moito mais cando as circunstancias da actual conxuntura outórganlle unha vantaxe adicional:os grupos da oposición no pazo do Hórreo teñen unhas posicións moito mais diverxentes a respecto do contencioso catalán das que manteñen cando se trata de xulgar as políticas que practica o goberno galego.

A maioría dos relatos biográficos que se constrúen sobre Núñez Feijoo sinalan como virtude aparentemente indiscutíbel a súa capacidade para realizar unha xestión acaida dos recursos (políticos, económicos, mediáticos) que lle proporciona o seu actual posto institucional.

Poren, nos últimos meses, ese lugar común da suposta eficiencia do inquilino de Montepío ficou seriamente cuestionado en varios asuntos de notábel relevancia. Por citar dous exemplos concretos:a reordenación do sistema de transporte por estrada e a reclamación da transferencia da titularidade da AP-9.No primeiro, non foi quen de actuar coa capacidade de anticipación que resulta esixíbel a calquera mandatario gobernamental. E no caso da autoestrada, choveu sobre mollado e non resultou doado establecer se foi mais grave a negativa á petición unánime formulada polo Parlamento galego ou os argumentos utilizados polo representante do goberno central para xustificar semellante posición.

A cortina de fume de Catalunya foi o refuxio que buscou o presidente da Xunta para evitar unha rendición de contas digna de tal nome. Seguimos instalados no mundo feliz do “balneario Feijoo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.