No fondo, non eramos malos rapaces. Leais ante a promesa, ineptos ao mentir e sen nunca acusar a un amigo. Pero cando nos daba por argallar, mellor non ternos preto; poderiamos afundir todos os barcos do porto só por xogar aos piratas. E foi así, con canallada corsaria, como comezou a brincadeira.
Atardecía e estaba subindo a marea; fronte a lancha onde remabamos, a Pedra dos Corvos e, dentro da embarcación, un pobre inocente ao que nos deu por concibir como refén. Así que navegamos ata a illa pétrea; a dos Corvos, e alí abandonamos ao pobre cativo; a pesar do frío e das súplicas desesperadas.
Desa maneira, entre os efectos especiais dun temporal de filme, acabamos por rescatar a un compañeiro que tardou moito tempo en dirixirnos de novo a palabra
Deixamos pasar o tempo e o océano sobre o con solitario. Ata que finximos escoitar os berros dun náufrago… Efectivamente, aquel neno que raptaramos créndonos piratas repetía consignas de auxilio; co mar nos xeonllos e a forza do nordés nos braceos alarmantes. Entón, nun alarde de pacto ficcional digno do Beckett máis absurdo, cambiamos radicalmente de papel. Sentímonos heroes xusticeiros, cunha perigosa misión; arriscar a vida para salvar ás vítimas dun aterrador afundimento. Desa maneira, entre os efectos especiais dun temporal de filme, acabamos por rescatar a un compañeiro que tardou moito tempo en dirixirnos de novo a palabra.
Si. Abusivo, inxusto e cruel. Incluso demente; un paradoxo en toda regra. Quizais por iso sexa esta historia pueril o primeiro que recordo en canto escoito o conto dos rescates financeiros. Haberá maior disparate? Que nos salven os secuestradores! E nós, tan contentos. Ou unha pandemia con síndrome de Estocolmo percorre Europa ou acabamos por crer as fábulas que o capitalismo inventou mentres nos roubaba.
Ou unha pandemia con síndrome de Estocolmo percorre Europa ou acabamos por crer as fábulas que o capitalismo inventou mentres nos roubaba
En calquera dos casos, non nacemos perdidos; deixámonos reter polos piratas e agora agardamos que nos rediman… Deles mesmos. A diferenza é que, desta volta, non se trata dun xogo inocente. Os adultos nin sequera cren o segundo rol; o de redentores e, a marea subiu máis do esperado. Coa auga ata o pescozo, case non podemos berrar e os poucos folgos que nos quedan, desbaldímolos chamando ao inimigo. A ver se nos rescata…
Pero hai algo en todo isto que non cadra. Como sendo eu saqueadora infantil cheguei a facerme consciente da realidade descrita? Que tivo que suceder para que aqueles bucaneiros afeccionados comprendamos agora ao bando contrario e loitemos ao seu favor?
Moi sinxelo: sensibilidade, educación e valores.
O LAISSEZ FAIRE é a filosofía perfecta para que en vez de persoas crezan monstros
Sensibilidade, educación e valores para medrar en humanidade. Unha reprimenda por cada inxustiza, como a daquela noite, ao chegar da aventura pirata, que nos galardoaron cun castigo á altura das circunstancias. Ou doses de lectura e teatro, co fin de progresar en catarse cara os demais. Sempre con previsión, anticipándose ás trasnadas, mais, sobre todo, contestando cada vez que sucedían. En definitiva, un efecto de acción-reacción ante as condutas erradas, pois o LAISSEZ FAIRE é a filosofía perfecta para que en vez de persoas crezan monstros.
Xa, demasiado sinxelo… Como comparar a aprendizaxe moral duns cativos co funcionamento económico e político dun continente? Demasiado sinxelo…?
Unha vez oín que a DEMOCRACIA podía existir; mais só se os cidadáns ían por diante das autoridades
Acaso estamos respondendo ao abuso de poder? Puniu alguén aos culpables desta crise? Fomos quen de reprimir as malas actuacións dos mandatarios? Daquela, como pretendemos que nos fagan caso e nos teñan en conta? Ademais, se o grao de absurdo ao que chegan gobernos e mercados é equiparable ás falcatruadas máis maliciosas, tamén o debería ser a amoestación, non si?
E é que, falando de contos… Unha vez oín que a DEMOCRACIA podía existir; mais só se os cidadáns ían por diante das autoridades. Disque era a única forma de educar aos saqueadores, rebater os ataques no canto de acatar instrucións como autómatas pasivos. Eu incluso cheguei a pensar que unha sociedade madura non precisa de adoutrinamentos nin ordes por parte de raptores. Mais non me fagan moito caso, xa saben… cousa de nenos.