Cousas veredes

Ou escoitaredes ou leredes. As noticias nunca deixan de asombrarnos. Un rápido repaso a dous temas de actualidade.

O asunto dos estibadores, ademais de deixar en evidencia que na política actual o importante é conseguir votos aínda que sexa a costa do interese xeral, como fixo o PP en relación coa Reforma que presentou agora no Parlamento. Non lle interesou presentala cando gobernaba, nun momento electoral, e, agora, considéraa totalmente necesaria.

Outro motivo político crucial é o interese económico. Alporiza a cidadanía a grande corrupción e os miles de millóns que perde o Estado, aportados, claro está, pola contribución cidadá. Mais non debemos desenfocar nin esquecer a pequena e normalizada corrupción xeral. Para entendernos, vén sendo como os micromachismos que sustentan os feminicidios.

Daquela, o triunfo no Parlamento dos partidos contrarios ao Goberno, denegando a Reforma, vai contribuír á perda económica popular, na medida en que haberá que pagar unha multa acumulada polos estibadores. E aí é onde lle doe. Agardemos a resposta.

Chama a miña atención este problema pola enorme diferenza actual en relación con ese traballo. Mesmo se vexo entrar na Ría os enormes containers que me debían facer pensar nun cambio, eu seguía coa idea da Coia, aquela descarga que era un refuxio de traballo para os que non tiñan outra preparación ou outra sorte. “Se fai falta, vou unhas horas á Coia”.  Non podo evitar alegrarme do cambio.

Outro tema que mellorou é o das esculcas. Regreso aos derradeiros anos da ditadura de Franco, cando iniciamos os agrupamentos políticos, non digo partidos, mesmo se tiñan ese nome, porque non estaban delimitados como hoxe, nin poder persoal establecido, na medida en que ningún podía telo. Por iso, contra Franco había solidariedade. E estar en política supuña un grande risco, e non unha prebenda como acostuma ser hoxe.

Pois ben, daquela, os nosos inimigos eran os de A Secreta, uns policías que nos esculcaban. Algúns cun seguimento persoal (eu tiven un da Secreta que me seguía a todas partes, ao mercado, ou paseando á miña filla no carriño…). Tamén tiñamos indicios de espías telefónicas. Coma se non chegase a policía da casa, a CIA era a máxima vixía, e sobre ela elucubráronse certas historias, o que hoxe chamaríamos lendas urbanas, que na actualidade, dado o coñecemento que se ten do amplo espectro dese Ollo, o meu escepticismo, que sempre foi inaccesible, podería ter flancos débiles. Eu non podía concibir que a CIA estivese interesada pola miña acción contra a ditadura. Pero espías, haber, había. Por iso aparezo nas listas das persoas perigosas cando foi o Golpe de Tejero, como "feminista, comunista e revolucionaria viguesa".  A verdade é que non descarto a definición como carta de presentación.

A Secreta, como dicía, non se debe minusvalorar porque tivo moitos éxitos, e caeron moitas persoas grazas aos seus axexos. E caer daquela significaba o cárcere ou algo peor dada a tendencia que tiña o ditador a utilizar a arma que levaba no peto da guerreira, a pluma estilográfica coa que asinaba sentencias de morte.

Seica os máis espelidos da policía española estaban en París onde existían Delegacións dos partidos de esquerda naqueles momentos. Alí tiña a súa base o PC, e os seus medios de comunicación, como editoriais, radiodifusión e outros. En París tamén se realizaban encontros secretos entre Irlanda e a UPG, que tiveron como resultado o Tratado de Brecht, que realmente foi asinado en París.   

Os nosos esculcas, escribían en máquinas Underwood. A noticia de actualidade é que o despacho do deposto rei Juan Carlos, estaba minado de micrófonos, que non entendo para qué necesitaban tantos, desde as paredes ao chan. E mira por onde, parece que non foi a CIA, senón unha Esculcadora con prestixio de Gran Bretaña. Tamén dispuxeran, estratexicamente, cámaras nun chalé, piso franco do CSIC, onde o tal monarca tiña encontros sexuais de tapadillo.

Que nivel! A figura máxima do Estado espreitado ao grande. E non precisamente nunha ditadura, senón na democracia e en tempos do Goberno do PSOE, que foi, segundo din, o preferido do tal monarca, tampouco entendo por qué.

Quen nolo ía dicir! Que os outrora eslombados da Coia ían dar nos cachas estibadores actuais, ou que os temibles da Secreta que se aplicaban contra pobre xente, con medios mediocres, darían paso a especialistas que chegan a encher de micros as dependencias da máxima figura do Estado! "Hoy los tiempos adelantan que es una barbaridad", cantaba a miña nai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.