COVID-19, xestión do goberno galego e atención primaria

Centro de saúde da Valenzá, en Barbadás CC-BY-SA Sergas Ourense

Finalizamos 2021 coa COVID-19 coa maior transmisibilidade da pandemia, a maior parte da poboación vacinada, con moitos casos, na maioría leves, pouca presión hospitalaria pero cunha lista de espera para medicina de familia de 5 a 15 días e citando PCR na Coruña para dentro de 9 días.

Calquera paciente que desexe unha consulta por un problema agudo con medicina de familia terá que citarse na axenda ‘de modo forzado ou urxente’, ou sexa, a maiores da axenda xa completa

Calquera paciente que desexe unha consulta por un problema agudo con medicina de familia terá que citarse na axenda ‘de modo forzado ou urxente’, ou sexa, a maiores da axenda xa completa. Se o facultativo quere pedir unha analítica rápida ou citar a un paciente para facerlle un seguimento, por exemplo, por insuficiencia cardíaca ou unha descompensación respiratoria, terá tamén que ser a maiores, de modo forzado. Isto, na realidade, ademais de agotar aos médicos e a toda a atención primaria, provoca retrasos, ás veces perigosos, na atención.

Concentración de persoal médico de Atención Primaria en folga, na Coruña CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

As decisións da Consellería son algunha restrición horaria no ocio nocturno, esixir certificado COVID para entrar na hostalería (o que se chama facer para que se pense que fas algo), recomendar á cidadanía redución de contactos e dar a instrución, do 28 de decembro, aos médicos de reducir a petición de probas (pódese ver aquí). No ámbito estatal a Comisión de Saúde Pública, formada por Ministerio e Comunidades Autónomas, propón reducir o illamento de positivos de dez a sete días.

Ante a saturación da atención primaria o Sergas decide que o seguimento de contactos e o manexo dos pacientes autodiagnosticados (por test de antíxenos) positivos se realice pola chamada Central de Seguimento de Contactos (CSC)

Ante a saturación da atención primaria o Sergas decide que o seguimento de contactos e o manexo dos pacientes autodiagnosticados (por test de antíxenos) positivos se realice pola chamada Central de Seguimento de Contactos (CSC), a saber, unha empresa de telemarketing que tamén dá información dunha empresa telefónica, entre outros negocios. Pero iso só llo di aos médicos! Non houbo ningunha comparecencia de prensa do Conselleiro ou de Feijoo dicíndolle á poboación que non chamen aos centros de saúde se son contactos ou se fixeron unha proba na casa e son positivos. Actúan como Pilatos, envían un papel ao correo dos médicos e lavan as mans, todo resolto. 

Protesta pola situación do Centro de Saúde do Seixo, en Marín ©

De novo a Consellería decide situar á atención primaria e aos médicos de familia aos pés dos cabalos, que sexamos a imaxe da mala xestión, que aumente o desprestixio diante da poboación

Os facultativos, ou os administrativos na entrada dos centros, teremos que encargarnos de informar aos pacientes (que igual levan horas intentando contactar co centro de saúde ou con esa CSC) de que a ‘ventanilla’ de atención é outra, que teñen que falar cos rastrexadores e que esperen!.

De novo a Consellería decide situar á atención primaria e aos médicos de familia aos pés dos cabalos, que sexamos a imaxe da mala xestión, que aumente o desprestixio diante da poboación. Estas son as consecuencias de ter un goberno irresponsable e mal xestionado.

Ou manexamos a COVID-19 como un catarro, sen facer probas salvo empeoramento clínico, ou continuamos tratando este virus como un problema ameazante, que pode matar. Nese caso, se somos coherentes, teríamos que ir a un novo confinamento.

A COVID-19, en Galicia e nestas datas, coas características epidemiolóxicas actuais sitúanos nun novo dilema, ante unha posible nova estratexia. É certo que non se pode dun día para outro cambiar de paradigma, de estratexia de actuación fronte á COVID, as nosas cabezas necesitan tempo para asimilar novas mensaxes pero non podemos continuar con decisións temerosas, como a da Comisión de Saúde Pública ou as do goberno galego. 

Ou manexamos a COVID-19 como un catarro, sen facer probas salvo empeoramento clínico, ou continuamos tratando este virus como un problema ameazante, que pode matar. Nese caso, se somos coherentes, teríamos que ir a un novo confinamento. Por agora só se ven actuacións aparentes, con pouca xustificación científica. Ou non se illa por ser un problema banal ou hai que manter os 10-14 días que dura a infección. Non se ve ningunha análise seria.

Estamos nun momento de confusión onde o goberno galego non toma decisións e, cando o fai, non as comunica, trasladando a responsabilidade á atención primaria, aos administrativos, enfermaría e médicos de familia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.