Creba democrática 2.0

Levamos demasiado tempo escoitando falar de encrucilladas históricas, momentos críticos e puntos de inflexión, polo que todo este tipo de adxectivacións foron perdendo o impacto que se lles supón. Todos os indicios apuntan a unha mudanza de rexime no Estado español, co cuestionamento de tres pezas chave que sustentan o actual status quo: a monarquía, o modelo territorial e a Constitución do 78.

Para sermos máis específicos, o que acontece agora é que ese cuestionamento, que sempre existiu, pasou de ser unicamente sustentado por sectores minoritarios - no noso país incardinados abrumadoramente no movemento popular e nunha esquerda independentista fragmentada - a ser asumido por amplos sectores sociais e desde focaxes ideolóxicas distintas e mesmo antagónicas. Así, o modelo territorial é cuestionado dunha óptica autodeterminista en Catalunya e Euskal Herria - tamén na Galiza, aínda que expresado non tanto nun maior apoio social e electoral coma nunha viraxe das posicións tácticas e estratéxicas das organizacións nacionalistas -, mais tamén desde unha visión recentralizadora do estado; a Constitución é cuestionada como garante dos dereitos que proclama nas mobilizacións sociais, nomeadamente nas derivadas do ronsel do 15-M e nas de persoas afectadas pola estafa bancaria das preferentes e os desafiuzamentos, mais tamén é cuestionado desde aqueles sectores que xulgan excesiva e contraproducente a amplitude dos dereitos de manifestación, reunión e folga. A monarquía, en fin, xa non se cuestiona só desde a esquerda. Dende plataformas da extrema dereita cuestiónase abertamente a institución, e mesmo a FAES chega a plantexar a posibilidade dunha república española presidencialista e centralizadora. 

a Constitución é cuestionada como garante dos dereitos que proclama nas mobilizacións sociais, nomeadamente nas derivadas do ronsel do 15-M e nas de persoas afectadas pola estafa bancaria das preferentes e os desafiuzamentos, mais tamén é cuestionado desde aqueles sectores que xulgan excesiva e contraproducente a amplitude dos dereitos de manifestación

Por expresalo en termos clásicos: que o rexime vai mudar é unha evidencia, cara onde o vai facer dependerá da correlación de forzas, e é aí onde a esquerda nacional galega terá que implementar novas estratexias xa que de momento, e perdón pola obviedade, estamos perdendo a batalla. No anterior cambio de rexime a creba democrática foi a alternativa da esquerda nacional que non entrou no pacto da reforma. Soberanía nacional e soberanía popular fronte ás reformas cosméticas, unha alternativa programática que era percibida como tal pola gran masa social. Son moitas as circunstancias históricas que mudaron desde aquela. Entre elas, quizais a máis importante, a perda da hexemonía social da esquerda; é indubidable que o labor dos think tanks da dereita xermolou con forza na produción social do pensamento popular. Non podemos xogar coas cartas marcadas na nosa contra, precisamos dun novo taboleiro, e para construílo non podemos partir de vitimismos (“o pobo non entende”) senón do recoñecemento da incapacidade de incidirmos nos acontecementos, de vehiculizarmos o descontento nas institucións e de que iso vén dado pola aceptación a xogar con esas cartas. Xa que logo, haberá que crear novos marcos discursivos, con incidencia especial nas alternativas radicalmente incompatíbeis co existente e o praticábel desde a legalidade vixente.  

Non menos importante resulta o que se deu en chamar - seguindo a terminoloxía de Xosé Manuel Beiras ou David Rodríguez - a “ruptura de pontes” entre a esquerda política e a esquerda social. Aquelas organizacións que viñan da loita antifranquista e funcionaban con amplas conexións sociais deviron en estruturas fosilizadas, burocracias esclerotizadas que converteron o partido nun fin en si mesmo no canto dunha ferramenta para a transformación social. É fronte a iso fronte ao que xorde unha nova realidade á que non podemos dar as costas: unha cidadanía que se mobiliza sen tutelas, en rexime de autoconvocatoria e se declara apartidaria, pero que é tan parte da esquerda como a organizada en estruturas partidarias, sen a cal nengunha converxencia realmente abranxente resulta hoxe posíbel. Só mediante a forma partido movemento, construindo a nación por abaixo sen por iso renegar da política institucional, poñendo sempre por diante os intereses da Galiza e do seu povo traballador, o soberanismo galego poderá avanzar e recuperar o espazo perdido a nivel social e tamén electoral. 

Xorde unha nova realidade á que non podemos dar as costas: unha cidadanía que se mobiliza sen tutelas, en rexime de autoconvocatoria e se declara apartidaria, pero que é tan parte da esquerda como a organizada en estruturas partidarias

Mais, iso sí, unha circunstancia histórica non variou: a necesidade de unir forzas face o enemigo común e pola alternativa común, a aposta pola fronte ampla. Calquera intento de facer esa unión que estea supeditado a estratexias de engorde partidario, de recuperación da iniciativa, de hexemonización da protesta está, hoxe máis que nunca, condenada ao fracaso. Tanto ten que se faga desde estruturas xa consolidadadas pero desprestixiadas, que desde outras novas artelladas a partir dun éxito acadado precisamente por xerar expectativas dunha nova forma de facer política. 

O primeiro reto hoxe para a esquerda política é o de recompor as alianzas coa esquerda social para articular un amplo movemento capaz de mobilizar e organizar a maioría social agredida en prol desa creba democrática do século XXI. Podemos traballar por iso ou podemos continuar en liorta perpetua para ver que fracción exerce a hexemonía... sobre un furado no mapa, no que antes estaba a nosa nación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.