Crebar e Crear

A política non habita nun universo paralelo ao da economía, a cultura, as relacións sociais, etc. Pode ser illada como obxecto de estudo, pero nunca como actividade social. O réxime de representación sostense na medida en que nos convence de que o político funciona conforme ás súas propias leis e, por tanto, aquilo que directamente afecta ás nosas condicións de existencia debe quedar á marxe das decisións colectivas, sometido a unha especie de coñecemento técnico que non estaría ao alcance de calquera. Só dunha especializada minoría. A política a base de fotos fixas pode servir para o estudo académico e a comprensión de certas tendencias, pero non dá captado en toda a súa complexidade a dialéctica dos procesos históricos e moito menos os seus saltos cualitativos. Nin a dos que se moven en territorio da sociedade civil nin tampouco dos que constantemente e á marxe dos calendarios electorais se remexen entre os muros da sociedade política. Esa razón, entre moitas outras, impide sentenciar, con esa simpleza de verdade autoafirmada, o fracaso da experiencia política que no outono de 2012 adoptou temporalmente o nome de AGE.

AGE non fracasou. Todo o contrario. Foi apenas o inicio dun proceso político que está ben vivo. AGE estendeu máis alá de si mesma o seu discurso e a práctica unitaria que propuxo

AGE non fracasou. Todo o contrario. Foi apenas o inicio dun proceso político que está ben vivo. AGE estendeu máis alá de si mesma o seu discurso e a práctica unitaria que propuxo. Naceu co obxecto de configurar un instrumento político radical, flexible, amplo e contundente para esa maioría social que sofre o shock imposto pola chamada crise con precarización indefinida, pobreza, destrución de conquistas sociais, privatización progresiva do mundo... Á saña liberal, ao estrago capitalista, cumprirá opoñerlle a construción de ferramentas que nos permitan resistir e conquistar. Se isto é guerra de clases, e a propia oligarquía é explícita respecto a iso, a maioría social precisa as súas armas. Fracasou, logo, a experiencia AGE tan rotundamente como algúns proclaman? Pois non.

Teño sido moi crítico co bloqueo a que foi sometida AGE desde o segundo día por ser unha experiencia política de transgresión do sagrado. É certo que non deu construído asembleariamente espazos comúns xerminais dun novo partido-movemento, alén das diferenzas de proxectos estratéxicos e culturas políticas confluentes. Nese sentido a coalición sen máis non podía ter máis percorrido se non quería converterse na fosilización organizativa dunha experiencia política de acumulación de forzas. Ora ben, con todos os seus defectos, segue sendo un suxeito político que permanece activo tanto no Parlamento Galego coma no Europeo. E, o máis importante, segue a ser un espazo de referencia no proceso de acumulación de forzas para unha creba democrática. Pero non podía ter máis percorrido como coalición principalmente por mor do triunfo das teses que a orixinaron. AGE non queda superada por culpa dos seus fracasos, que é o que se quere facer ver para invalidar dun único golpe todo o proceso de unidade popular, senón porque se ve exitosamente desbordada polas consecuencias do seu propio proxecto de unidade.

Foron as dinámicas colectivas dos sectores sociais rupturistas as que desbordaron AGE convocadas por AGE. Esas dinámicas de ruptura captaron, asumiron e desenvolveron a idea formulada por AGE. En realidade, isto quere dicir que AGE foi unha moi atinada interpretación dun momento histórico e unha decisión audaz e necesaria. Ou sexa, o resultado dunha demanda social correctamente interpretada, non a súa forza xeradora. E é precisamente ese desbordamento o que certifica o éxito da experiencia AGE. Porque AGE contribuíu a liberar as forzas e as enerxías que operan nos procesos de acumulación de forzas, de converxencia, de unidade popular, das frontes amplas que viñeron a dar, e non como punto de destino, nas Mareas e demais candidaturas de confluencia e unidade das pasadas municipais. Con todas as limitacións que se queira, contra non poucas reticencias, pexas, bloqueos, burlas e condenas, AGE puxo en primeiro termo a unidade e a ruptura, non importa cal fose a fórmula que encontrou naquel momento, e desterrou o fetichismo organizativo. Extraer a AGE da ecuación da unidade popular hoxe é a negación da propia unidade popular. Como o é apartar as candidaturas municipais de unidade e confluencia, esquivalas ou querer envialas ao gueto dun municipalismo sen proxecto político nacional que supere as limitacións frustrantes de calquera simple recambio da xestión institucional.

AGE contribuíu a liberar as forzas e as enerxías que operan nos procesos de acumulación de forzas, de converxencia, de unidade popular, das frontes ampla

Non se entende acumulación de forzas, converxencia, construción do suxeito político de ruptura sen AGE e sen esas mareas chamadas a non recluírse no municipal. Todo este proceso non naceu para propoñer unha xestión diferente do existente, senón para trasladar o poder de lugar. Nese sentido, é contraditorio cos seus fundamentos políticos o chamamento a unha cidadanía non caracterizada ou caracterizada formalmente mais sen rostro político. Iso é, ao cabo, substituír o suxeito político en construción por un novo partido mediador destinado a competir no mercado electoral na procura dun nicho máis ou menos cómodo. Mais o obxectivo dos procesos de unidade popular é outro. A creba democrática esixe impugnación radical do réxime de representación e, por tanto, novas formas de institucionalidade democrática e popular e novos modelos e relacións de produción. Dito doutra maneira: vimos facendo todo este camiño para crebar e crear. Non nos conformaremos con ocupar os despachos doutros.

A articulación dun suxeito político galego de ruptura, velaí o núcleo do momento político. A articulación dun artefacto de intervención política que nos sirva para romper co existente e armar o que está por aparecer. Un artefacto político que vai moito máis alá das organizacións existentes, que as inclúe e se enriquece con elas, que as incorpora, que as necesita, pois o compromiso político é talvez a maior expresión de cidadanía nun sentido republicano, pero que non lle son suficientes se non se acompañan en igualdade de condicións con continxentes populares sen militancia partidaria. As organizacións, desbordadas. Nin controlan o proceso nin o suplantan. Non poden facelo. Acompáñano, excítano, aléntano, encírrano, póñense ao seu dispor como simples ferramentas.

As organizacións, desbordadas. Nin controlan o proceso nin o suplantan. Non poden facelo. Acompáñano, excítano, aléntano, encírrano, póñense ao seu dispor como simples ferramentas

Todo isto nada ten que ver con certa concepción idealista da cidadanía, unha abstracción que reduce a diversidade popular a un significante unitario, monolítico, definido á vontade de quen o enuncia. Porque a cidadanía ou é multitudinaria ou non é republicana. Ou sexa, é multitude, sempre e necesariamente diversa e irrepresentable. Concepto de clase, pois. Esa cidadanía, que é republicana e constituínte, constrúe lugares de encontro e artefactos comúns, pero non se deixa representar. Participa. Organízase en espazos políticos e asume e constrúe programas de transición e de transformación. Opoñer cidadanía apartidaria a cidadáns organizados politicamente é unha trampa conceptual, ideolóxica, e finca raíces nos fundamentos da expropiación política que caracteriza o réxime de representación, en profunda e irreversible crise, como advertira xa Nunca Máis no seu momento e posteriormente o 15M.

Anova, EU, Espazo Ecosocialista, EQUO, Podemos e todo ese continxente organizado ou non pero sen militancia partidaria fan rolar unha bóla de acumulación que debe converterse en artefacto político de asalto

O suxeito político de ruptura en construción é un artefacto de participación que se articula nun relato iniciado en AGE e que inmediatamente se ve desbordado por grandes continxentes non organizados e pola achega de organizacións emerxentes como Podemos. Anova, EU, Espazo Ecosocialista, EQUO, Podemos e todo ese continxente organizado ou non pero sen militancia partidaria fan rolar unha bóla de acumulación que debe converterse en artefacto político de asalto a todo na sociedade política e de construción de novas relacións e novas formas institucionais na sociedade civil. Por aí anda a imaxe actual do proceso da imprescindible acumulación de forzas para a construción dese suxeito. Sería absurdo ignoralo ou crebalo coa escusa dunha presunta unidade nacional construída arredor de Galicia como ideoloxía e do nacionalismo como expresión desa ideoloxía. Porque en realidade todos sabemos que non hai tal unidade se non se engasta nesa experiencia en proceso, se non acumula sobre dela máis experiencias, mesmo se proceden de itinerarios diferentes. Outra cousa é que se procure, no canto de expandir o proceso de acumulación e de unidade popular, crebar toda posibilidade de construción dese suxeito político galego de ruptura para volver así, nunha reviravolta histórica reaccionaria, que diría Marx, ao mapa político galego anterior á irrupción de AGE en outubro de 2012. Pero xa daquela dixemos que nada volvería ser igual. E nada volveu ser coma antes.

As organizacións políticas teñen, por tanto, toda a lexitimidade para participar no proceso de acumulación de forzas e articulación dun suxeito político de ruptura. Non a teñen para dirixilo nin para suplantar a capacidade política da cidadanía, pero si para facer parte del e para traballar acordos para o común entre forzas diferentes.

O formal é político, sen dúbida, pero non pode substituílo todo. Porque só quen non desexa acordo converte o formal en substancial

Negocien, pois, todos aqueles que coiden imprescindible non resignarse á eternidade do réxime e articular un suxeito político galego de ruptura para as eleccións xerais e para máis alá. Pensen tamén nas eleccións galegas, adopten estas a forma que adopten. Pacten amplos acordos políticos e programáticos de ruptura. Abran as portas a que se incorporen en igualdade de condicións as organizacións políticas e cidadás que o desexen, incluído, por suposto, o BNG. E deixen para o final os aspectos formais que xeren controversia. O formal é político, sen dúbida, pero non pode substituílo todo. Porque só quen non desexa acordo converte o formal en substancial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.