Crises coronarias

Toma de posesión de Felipe VI © Casa Real

Que cousas! Cousas da vida… Xa é casualidade que conflúan no tempo as crises coronarias: a do coronavirus e a da coroa real. Ou non? Igual non… Igual a crise da real coroa é, moi intencionadamente, aireada agora, no medio desta intoxicación informativa, na que os medios de comunicación se dedican, case en exclusividade, a darlle voltas e reviravoltas á pandemia provocada polo virus real. Por se pasase desapercibida a lea hereditaria entre rei rei e rei emérito e esas cousas… Ben sei que son moi mal pensado, ben o sei. Ao parecer, vai para un ano que o rei actual ten coñecemento “oficial” dos supostos negocios lixo do seu pai. A boas horas… Que cousas! Cousas de reis! Un rei que ignora os chanchullos do seu alumno xenro, unha princesa que non sabe nada, outro rei que non é sabedor das andrómenas de seu pai… Campa a desinformación na Casa Real! Vaia… Onte, no Facebook, escoitáballe a Antonio García Teijeiro a lectura da lenda e poema complementario (Lendo lendas, digo versos) que contan que un fillo leva a seu pai morrer ó monte e se volve atrás cando se decata de que “Hoxe por ti, mañá por min”. Canta sabedoría agochan certas lendas e refráns! Xa o dicía, tamén, aquela canción: “… Pero mañana, como pagas, otro a ti te pagará…”. Sálvese quen poida!

Dende que fun definindo a miña personalidade, funlle collendo xenreira á monarquía. Por tantas inxustizas que unha institución deste tipo implica. Pola súa natureza hereditaria, aínda que en moitos casos para herdar fose necesario matar a pais, nais, irmáns, irmás e a quen se puxese por diante; pola enorme cantidade de privilexios que ostenta e exhibe, especialmente o da inviolabilidade; polo machismo insoportable que a caracterizou historicamente, en vías de mellora coa maquillaxe correctora e imprescindible para poder sobrevivir; pola tráxica e inhumana historia que a trouxo ata os nosos días… Xa só por isto, por estes principios fundacionais, fun crítico, dende o principio dos tempos, co reinado de Xoán Carlos de Borbón. Despois… Despois, episodio tras episodio, os feitos acaecidos foron reafirmando a miña convicción. Nunca entendín, e leveino sempre moi mal, que os medios informativos, incluídos os, supostamente, progresistas, xogasen a aquel xogo tan de moda, aquel xogo aínda vixente coñecido co nome de “ O salvador da democracia”. Vomitivo. Cada vez que escoitaba algo disto, inevitablemente, víñame ó recordo ese outro refrán tan noso: “Pitas serán… pero… óleme a can”. Moitas veces lles chamo medios informativos a moitos que eu considero “desinformativos”, tóxicos, que conste. Porque iso de empeñarse en vendernos, ademais, unha familia real idílica, cumio de virtudes, tenme ferido moito no intelecto e na miña consideración de persoa. Canta hipocrisía! E canta indignidade e desconsideración cara ós “seus súbditos” iso de tratarnos de parvos en plenos séculos XX e XXI! Noxo! Non vou seguir. Por innecesario. Porque todos os feitos que se sospeitaban, e que despois se foron confirmando como reais, en relación coa coroa real, son sobradamente coñecidos. E… o que quedará por coñecer…

Certamente, o tema das monarquías en xeral, e o da “nosa” en particular, sempre me produciu un sarabullo moi malo de levar. Da mesma maneira que hai poucos días, vendo unha película baseada na vida de Clara Campoamor, me producía un desacougo fondo o comprobar como os deputados republicanos votaban contra da lei que pretendía normalizar o voto das mulleres, hai poucos días tamén que me rompín todo por dentro ó comprobar como a bancada etiquetada coma “socialista” votaba en contra de que o parlamento investigase sobre os supostos amaños do anterior rei. Tan decepcionante… A praxe política ten cousas difíciles de racionalizar para unha persoa inxenua, certamente.

E, xa toca, vaiamos á crise viral. Onte recibín un documento onde se dicía que era, o tal Covid-19, un virus creado pola industria farmacéutica de maneira intencionada. Xa saben: “money, money”. Isto xa me supera. Como saber cando unha destas “bombas” é real ou non?! Vaiche boa! Máis alá disto, o que si é real é que estou escoitando unhas críticas á xestión do problema que me parecen moi inxustas. A toro pasado é moi fácil criticar. Pero iso é vantaxismo. Que eu saiba, as persoas, especialmente as voces políticas, que critican que se celebrasen as manifestacións do 8M, as convocatorias de partidos, eventos deportivos, culturais… nada dixeron no seu día. Si, que noxenta é praxe política por momentos! Nunca soportei as persoas, e especialmente se esas persoas teñen responsabilidades políticas, que aproveitan as catástrofes, naturais ou provocadas, para levar a auga ó seu rego, coñecedoras de que están furgando na ferida coa intención de infectala. Entendo que é moi difícil tomar decisións que acaben confirmándose como acertadas nestes momentos. Como sociedade, temos moito que aprender e moito que cuestionarnos. Pero agora, nestes intres, toca arrimar o ombro dende a responsabilidade e dende o apoio mutuo para acadar a máis rápida e eficaz solución a esta situación caótica. É indigno tentar sacar vantaxe desta realidade que nos chegou por sorpresa e nos supera. Neste sentido, teño que recoñecer que me agradaron a altura de miras, a elegancia e a responsabilidade das declaracións de Núñez Feijoo despois de reunirse con Pedro Sánchez. Penso que esa é a actitude máis humana e correcta: primeiro, unión e colaboración; posteriormente, será o tempo da análise e de valoracións. E da aprendizaxe.

Esta é a cuestión. Tanto da crise da monarquía como da crise do “coronavirus” temos moita experiencia e moito coñecemento que quitar. Como das crises en xeral. Cuestionarnos, a estas alturas da película titulada Historia da Humanidade, a vixencia e o futuro das monarquías paréceme, xa, imprescindible, en sociedades que pretenden acadar e construír un mundo máis xusto e igualitario. Da máis elemental e pura hixiene ética. E cuestionar cales deben ser os centros de interese desa sociedade, máis xusta e igualitaria, tamén é urxente e necesario. A educación pública, a investigación e a sanidade pública levan anos padecendo unha doenza moi perigosa: a falta de credibilidade e de inversión, ademais da falta dunha idea clara do papel fundamental e do protagonismo que deben ter nesa sociedade. Parece incrible que teñamos investido miles e miles de millóns en aparellos para a guerra contra inimigos abstractos e que non posuamos equipos de protección elementais suficientes para combater este tipo de inimigos virais que sabemos que poden chegar en calquera momento. Incrible. Aprenderemos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.