A crítica é unha ferramenta máis das múltiples que están á nosa disposición para comunicarnos. Dependendo de como se empregue pode resultar un recurso útil tanto para o emisor da crítica como para a persoa á que vai dirixida. De todas formas este recurso ten unha particularidade: é preciso empregalo con tino, de xeito equilibrado, xa que se se abusa del pode chegar a perder o seu efecto e, o que é peor, pode deixar en entredito a credibilidade do “criticón”.
Se existe un exemplo claro do emprego abusivo da crítica destrutiva ese é o do Partido Popular de Lalín que, nos poucos meses que leva na oposición, veu manifestando coas súas declaracións o que moitos nos temíamos cando estaban no goberno: están faltos de ideas, de propostas para mellorar o pobo e, en consecuencia, recurren unha e outra vez á crítica, moitas veces infundada, como única ferramenta para facer oposición. A última mostra deste dubidoso proceder foron as declaracións que o exalcalde Xosé Crespo realizou hai poucos días nas redes sociais con motivo da celebración das Festas das Dores. Nas referidas declaracións o señor Crespo afirmaba o seguinte: "Como boto de menos a Jesús Manuel Senande, el si que sabe facer festas".
Con todos os meus respectos para o señor Sedande, penso que a afirmación do líder dos populares non se axusta en absoluto á realidade e ó sentir da maioría dos lalinenses. Se algo puiden comprobar estes días foi a satisfacción xeral do noso pobo coa organización das últimas festas das Dores. Aínda que todo é mellorable, e de seguro que hai cousas que os actuais responsables da organización das festas tentarán perfeccionar en vindeiras edicións, o que semella estar claro é que as festas experimentaron un cambio positivo que tivo como resultado que a maioría dos lalinenses nos sintamos máis cómodos na nosa vila. Atrás quedan os palcos VIP, as declaracións e discursos grandilocuentes e toda esa parafernalia clasista que durante anos tivemos que aturar coa boca pechada.
Quizais iso sexa o que bote en falta o señor Crespo, ese Lalín dos últimos anos, o dos anos escuros, marcado polas diferenzas existentes entre os dun bando e os do outro (seguro que entenden perfectamente a que me refiro). Por fortuna parece que eses tempos quedaron atrás, así que quizais sexa un bo momento para que algúns comecen a acostumarse a esta nova forma de facer as cousas en Lalín onde parece reinar algo que levabamos tempo agardando, o sentido común.