Crónica autorizada. Arredor das Irmandades da Fala

Irlanda lembra os mortos no Levantamento de Pascua. Aquel episodio de “terrible beleza” que dixo o William B. Yeats. A utopía afuracada pola metralla e a pólvora británicas. Nubes de loito. A semana de épica e romanticismo. E Cunqueiro, poeta de escrita fina coma perfume de mazás, revelóuno-lo principal segredo: resistimos porque soñamos.

As Irmandades da Fala naceron precisamente hai un século. A man do tempo fixo coincidir dous feitos cruciais para a historia contemporánea de Irlanda e de Galiza. Mais non gardan relación directa. Porén, a práctica irmandiña era intensamente internacionalista e solidaria cos combatentes de Éire porque ambos pobos compartían un imaxinario arredor da herdanza celta e da entón presente loita pola liberdade.

No magno volume de Beramendi, De provincia a nación (Xerais, 2007), fíxose a achega máis completa sobre o estudo das Irmandades deica os nosos días aínda que deficitaria con respecto as novas investigacións. Penso, acaso, na lectura crítica, moi rica en matices, que fixo Ernesto Vázquez Souza na súa tese de doutoramento Ánxel Casal (1895-1936). Biografía no seu contexto cultural, político e empresarial (2000) logo publicada en distintos volumes. Pero podiamos citar tamén, por exemplo, os traballos do mesmo autor sobre Lois Porteiro Garea, a tamén tese de Xosé Manuel Maceira Fernández Leandro Carré Alvarellos na literatura galega (2005) ou as análises de Antón Capelán, recollidas en distintos libros (cómpre destaca-la introdución á edición facsímile de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, Libraría Couceiro, 2006).

O nutritivo destas publicacións non é tanto a habilidosa redacción dos feitos históricos, a rehabilitación de textos inéditos ou a descuberta de sucesos determinantes pero inconexos co seu tempo, contexto ideolóxico ou condicións materiais en que se realizaron. O destacado son as análises dende diversos puntos de vista do que facer irmandiño, dende as causas até as consecuencias, dende a conexión e influencia doutros nacionalismos (nomeadamente Cataluña) até a distribución de poder do nacionalismo español (pensemos no papel xogado pola RAE e a RAH, coma hoxe en día), dende a construción do imaxinario a nivel europeo até as razóns do pensamento conservador ou progresista figurados dende a experiencia da subalternidade, dende os datos sociolóxicos até a formación da opinión pública galeguista etc.

Sob estas premisas, coa vontade de fornecer un relato completo das Irmandades da Fala, o Emilio Ínsua sacou do prelo A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) (Baía Edicións, 2016). A case obsesión polo detalle, a reprodución de anacos de textos orixinais e unha completa bibliografía explican a lonxitude deste libro (750 páxinas) onde cada capítulo deita luz clarividente sobre as fases experimentadas polas Irmandades da Fala. O volume parte da enorme investigación feita polo autor arredor do seu veciño de Viveiro que se expresou nunha tese de doutoramento repartida en cinco grosos volumes: Antón Villar Ponte. Vida, obra, traxectoria cívica e pensamento.

O lector ou lectora que repase con coidado as liñas d´A nosa Terra é nosa! comprobará e concordará connosco que estamos ante unha das máximas voces e autoridades na materia irmandiña. O libro posúe unha necesaria feitura académica para contemplar con totalidade aquel roteiro e a transcendencia que tivo para a contemporaneidade galega.

As Irmandades foron a primeira gran fronte nacionalista, ergueita sobre un modelo de decisións mancomunado, dende a autonomía das distintas delegacións e nun proceso de radicalización progresista e nacionalista que os levou a aproba-lo Manifesto de Lugo (1918). Cumpría, e este ensaio conségueo, unha reafirmación da importancia da irmandade coruñesa, logo da ruptura de Monforte de Lemos (1922), fronte á ING, feita dende unha distancia que non se deixe engaiolar polo engado intelectual dos protagonistas culturais.

O ensaísta afrontou a problemática das avinzas e desavinzas no eido nacionalista (ás veces mitificado nunha falsa sorte de summa concordia) que comezaron dende ben cedo xa que, como grupo humano, xorden moitas variables alén das estritamente políticas. E, ás veces, introdúcese como veleno de cóbrega, os obxectivos persoais, económicos ou grupais.

Esta contribución leva unha dedicatoria. Non a pasaremos por alto porque nos sentimos nela identificados. Pois aínda é hoxe que chorámo-la morte de Luís Rei, quen nos entregou un estudo do bardo das Irmandades da Fala, Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (Galaxia, 2009).

Este libro converterase nun clásico indispensable para os estudos socioculturais e políticos do nacente nacionalismo galego, en especial, das Irmandades da Fala. Aprendámo-la nosa historia. Fagámonos bos coñecedores das diatribas e amizades do tempo. Comprendamos con ampla óptica a herdanza dos devanceiros. Saibamos que sendo cultos poderemos ser ceibes. Así nolo dixo Martí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.