Crónica do día seis do corrente

Exposición polo 40 aniversario da Constitución © Congreso dos Deputados

As forzas vivas do barrio, maioristas de alpiste, axiotistas do aceite e un propetario de autoescola, celebraban o patrón con festa de pote e discursos” (Miss Ourense, Bieito Iglesias).

O pasado seis do corrente remexianse con absoluta naturalidade as xeleas reais da España «una»: Felipe e Aznar, os ERE e a Gürtel –e tantos etcéteras!–

O pasado seis do corrente, na capital do reino dos dous reis, acolá tan lonxe, remexianse con absoluta naturalidade as xeleas reais da España «una»: Felipe e Aznar, os ERE e a Gürtel –e tantos etcéteras!– para tatuar a súa pelica coa calcomanía do 40 aniversario da Carta Magna (tan magna para eles, e tan severa para os outros). 

Os asistentes á mentada «sesión vermú» sorprendiannos, outra vez, facendo gala desa inaudita orixinalidade, que consiste en arremedar uns aos outros –e a si mesmos– ata na indumentaria; ansiosos de gozar canto antes da compañía do xefe de Vox e do bispo de Córdoba, especies aleitadas polo propio sistema, para que lle resolvan a ecuación de engadirlle ao de «una» o de «grande e libre» e meter as cinsas do ditador na cripta da Almudena, sen alterar o resultado. 

Despois de canonizala, recluíron a Constitución no camarín das reliquias intocábeis

Despois de canonizala, recluíron a Constitución no camarín das reliquias intocábeis; escoitaron atentamente, coma se fora primeira vez, o discurso do monarca, fotocopiado do que lía o seu pai antes de abdicar; tomaron o vermú porque, ao parecer, esta xente tamén bebe; e, á aí á tardiña voltaron cara a casa, coa sensación do deber cumprido. 

Das tres nacións históricas, non puideron asistir á onomástica o Lendakari e o Molt Honorable Senyor. Seica tiñan outros compromisos: os mesmos dos 39 anos anteriores. O Noso non faltou porque, como non fai matanza e non lle gusta a caza, e amais esas non eran horas de ir ver as luces de Vigo, dispuña do día libre.

O Noso non faltou porque, como non fai matanza e non lle gusta a caza, e amais esas non eran horas de ir ver as luces de Vigo, dispuña do día libre

Ah! O meu tío Lisardo repróchalle aos galegos presentes no evento, que non lle dedicaran un aparte a reflexionar sobre as razóns polas que, hai 40 anos, moitos dos seus compatriotas, aburridos de comportarse coma bos españois e de escoitar sentados diante do televisor os discursos, sobre a sacra indisolubilidade de España, decidiron trasladar cara esa data, do 6 de decembro, a conmemoración dunha atávica tradición, denominada «matanza», consistente en sangrar marráns de ceba e pórlle lume con facheiros de palla, comer fígado con cachelos, comungar con filloas de sangue, facer chourizos e fartarse de beber picholas de viño novo. Todo iso, a plena luz do día e sen licenza; confiados en que, no caso de infrinxir algún precepto constitucional, todo se arranxará cunhas cantas caixas de pastillas contra o colesterol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.