Crónica dun embuste cimentado

Introdución: O Imperativo dunha Revisión sen anestesia

A novelística da Transición española, unha peza de artesanía social sostida sobre os piares da concordia e o éxito, esixe hoxe unha revisión a fondo e sen anestesia. Tras case cinco décadas de vixencia constitucional, a aparente estabilidade política non debe ser confundida cunha democracia real que, na práctica, non é máis que unha compracencia anestesiada, senón que, pola contra, pode interpretarse como a persistencia dunha complicidade tácita coas estruturas de poder inalteradas.

A tese central deste traballo é o desengano radical fronte ao relato hexemónico: o Estado español non opera como unha democracia plena, senón como unha Plutocracia. Un réxime cunha fachada constitucional que se sustenta nun Pacto de Silencio e Transferencia Patrimonial entre un conxunto de elites. Este Pacto foi cimentado non só pola lei e o diñeiro, senón pola desmemoria decretada desde arriba para que ninguén mova os marcos de sitio, metendo medo no corpo social, que valora a estabilidade por riba da xustiza. Este ensaio non demanda meras reformas cosméticas, senón unha Ruptura Estrutural que comece por unha Auditoría Ética e Patrimonial para cuestionar os alicerces do poder establecido.

PARTE I: A Arquitectura da Continuidade. 1978 como Non-Ruptura

A base da situación política e económica actual radica na decisión fundacional de 1978 de non proceder á ruptura coas estruturas do réxime anterior. Este acto de Non-Ruptura permitiu a consolidación da Nomenclatura, unha alianza estratéxica e sistémica de vellas e novas elites cuxo obxectivo é a protección dos seus intereses patrimoniais e de control.

1.-O Funambulismo da Elite: A Improvisación como Estratexia de Supervivencia

É un erro analizar a Transición como un mecanismo de reloxería suíza deseñado cunha precisión milimétrica. Pola contra, o sistema de 1978 foi unha fuxida cara adiante, un exercicio de improvisación reactiva ante unha rúa que desbordaba o búnker franquista. As elites non tiñan un mapa claro, pero tiñan un instinto: ceder no accesorio para salvar o fundamental. Esta improvisación tivo os seus momentos de pánico, onde o Continuum tivo que sacrificar pezas e reconducir o caos mediante o uso estratéxico da violencia e a desinformación.

O Caso Scala en Barcelona é o exemplo máis descarado desta "improvisación defensiva". Ante o auxe dun anarcosindicalismo (CNT) que ameazaba con rachar o pacto social desde a base, o Estado orquestrou —a través de confidentes policiais— un atentado que serviu para criminalizar o movemento obreiro de ruptura. Non foi un plan brillante, foi unha resposta desesperada para forzar o sindicalismo cara ás vías domesticadas de CCOO e UGT, garantindo que a produción e os beneficios da oligarquía non perdesen o ritmo.

Do mesmo xeito, a Matanza de Atocha en 1977 funcionou como unha válvula de escape. O asasinato dos avogados laboralistas por parte da extrema dereita situou ao país ao bordo do abismo. A improvisación aquí foi de carácter político: a elite reformista entendeu que para evitar unha revolución real debía legalizar ao PCE de Santiago Carrillo a cambio de que este aceptase a Monarquía e a bandeira. O "consenso" non naceu do diálogo, senón do medo ao descontrol. Atocha foi o sacrificio de sangue necesario para que o pobo aceptase un pacto de mínimos por puro pánico ao retorno da guerra civil, permitindo que a vella garda seguise ocupando os despachos mentres a esquerda oficial celebraba unha liberdade tutelada.

Nesta mesma liña de brutalidade institucional, a improvisación defensiva do Estado non tivo escrúpulos nin límites éticos. O Caso Almería (1981), onde tres mozos —Juan Mañas, Luis Montero e Luis Cobo— foron detidos, torturados ata a morte, mutilados e calcinados pola Garda Civil ao seren confundidos con membros de ETA, amosou que a maquinaria represiva da ditadura seguía operando coa mesma brutalidade e impunidade. 

2. As Elites Financeiras e Industriais: A Vella Oligarquía (a base de todo ese capital viciado)

A Plana Maior dos de sempre é a fronte máis blindada do Capital de Orixe Viciada (CPOV). A súa continuidade e influencia tras 1978 demostran que a Transición foi un cambio de chaqueta para que o bicho seguise vivo. O réxime franquista favoreceu a un número reducido de grupos empresariais mediante a concesión de monopolios e contratos públicos, especialmente nos sectores da Banca, a Enerxía e a Construción. Gran parte do capital xerado proviña da explotación laboral e do traballo escravo masivo de prisioneiros políticos, o que confire o carácter "viciado" ao seu patrimonio.

A Constitución de 1978, no seu artigo 33 (protección da propiedade), actuou como unha póliza de seguros para esta oligarquía. O Pacto da Transición implicou a renuncia explícita a calquera auditoría ou revisión ética/patrimonial sobre as fortunas xeradas na ditadura. A Lei de Amnistía de 1977 blindou de facto aos empresarios cuxa riqueza se baseou na corrupción e explotación, ao impedir a investigación de delitos económicos previos.

A Gran Transferencia Patrimonial

A consolidación do seu poder produciuse a través das privatizacións das empresas do INI (1986-2004). As “xoias da coroa” (Telefónica, Endesa, Repsol) pasaron a mans de consorcios afíns, a maioría das ocasións mediante vendas moi por debaixo do seu valor. Os consellos de administración das empresas do IBEX-35 convertéronse nos centros de gravidade o Fío que Nunca Rompe, onde conflúen as portas xiratorias, os ex-funcionarios e os herdeiros da banca.

3. Tecnócratas e Burocracia de Estado: A Rede do Poder Funcional

O estamento tecnocrático, maioritariamente formado por altos funcionarios do réxime anterior, dirixiu a Transición desde dentro. Estes cadros profesionais (avogados do Estado, inspectores de Facenda, enxeñeiros) garantiron a transferencia administrativa do poder. A urxente necesidade de estabilidade administrativa e económica serviu como xustificación para vetar calquera proceso de depuración, primando a "experiencia técnica".

O Mecanismo Paradigmático: As Portas Xiratorias

A "porta xiratoria" é a expresión da fusión entre o Poder Funcional e a Vella Oligarquía. Consiste na transferencia de altos cargos políticos e ex-reguladores a postos directivos nas grandes corporacións privatizadas e reguladas. A presenza de ex-políticos nos consellos (especialmente nos sectores da enerxía e banca) asegura que as políticas regulatorias futuras sexan sempre favorables á Nomenclatura. Funciona como un lucrativo sistema de recompensa polo "servizo prestado" á Nomenclatura, garantindo a lealdade e o silencio dos ex-cargos.

4. Cúpulas Mediáticas: Blindaxe Ideolóxica e Enxeñería do Consenso

Os medios de comunicación, ou "Cuarto Poder", funcionan como a ferramenta ideolóxica central da elite rica (o continuo oligárquico), encargada de xerar a aceptación xeral e de borrar da memoria pública calquera cousa que ameace os intereses dos poderosos. A súa dependencia e, por tanto, o control da súa mensaxe, é tripla:

Os grandes grupos mediáticos están endebedados cos principais bancos, que forman parte da antiga elite financeira. Esta débeda é o principal mecanismo de autocensura estrutural.

O goberno inxecta grandes sumas de diñeiro en publicidade pública, actuando como un sistema de recompensa e castigo para garantir que os medios sigan a narrativa dominante.

As cúpulas destas empresas revelan unha fusión directa de intereses. Se ollamos os consellos de administración dos principais holdings mediáticos en España—como PRISA (Cadena SER, El País), Atresmedia (Antena 3, La Sexta) e Mediaset (Telecinco, Cuatro)—atoparemos unha rede do silencio consolidada. Os seus consellos están compostos por grandes banqueiros (representantes das entidades de crédito que son á vez os seus acredores), ex-políticos de alto nivel (con lazos cos gobernos que outorgan a publicidade institucional) e multinacionais (grandes anunciantes e lobbies). Esta composición garante que os intereses do poder financeiro, político e corporativo estean totalmente aliñados e que a información que podería cuestionar o sistema simplemente non se publique.

5. A Coroa: Garante do Segredo e Custodia da Non-Ruptura

A Coroa de España opera como o máximo garante e custodia do segredo da elite rica (o Goberno dos Cartos), gozando dunha protección legal e cultural que a deixa fóra de calquera control democrático real. A figura de Xoán Carlos I, nomeado directamente polo ditador gañador da guerra , foi clave para asegurar a continuidade institucional e forzar a aceptación dunha Constitución (o Pacto de 1978) que xa nacía limitada. O artigo 56.3 da Constitución, que di que o Rei é inviolable, é o máximo escudo desta protección. Esta inviolabilidade non só serviu para blindar o monarca politicamente, senón que actuou como unha "Lei de Amnistía" persoal para ocultar a orixe turbia do capital acumulado pola Casa Real. Durante décadas, esta posición permitiu ao Rei levar a cabo traballos de representación empresarial de grandes compañías españolas no estranxeiro a cambio de importantes comisións. O caso máis coñecido foi o cobro de grandes porcentaxes por cada barril de petróleo que entraba en España ou as súas comisións secretas por mediar en proxectos internacionais, como a construción do AVE á Meca. Estes movementos fixeron do monarca o selo moral e político definitivo para os pactos de silencio entre as diferentes faccións do poder: o PSOE, o PP, as grandes corporacións e as cúpulas militares. 

PARTE II: A Blindaxe Territorial e os Mecanismos de Cooptación

A Nomenclatura non só controla o Estado central, senón que estende as súas redes cooptando e premiando as elites dos partidos nacionalistas considerados "leais ao sistema" (o Pacto de 1978), o que garante a estabilidade política central e blinda as economías rexionais.

1. O Exemplo de Integración: A Porta Xiratoria Autónoma (PNV)

O Partido Nacionalista Vasco (PNV) é o mellor exemplo de como os poderosos da periferia acaban formando parte da mesma elite económica (o continuo oligárquico). O truco é sinxelo: os altos cargos do partido, en canto deixan a política, pasan a sentar nos consellos de administración das grandes empresas do IBEX 35, sobre todo nos sectores da enerxía e a banca. Casos como o de Josu Jon Imaz, que pasou de presidir o PNV a ser o conselleiro delegado de Repsol, ou a influencia de figuras como Andoni Ortuzar en Telefónica, demostran esta unión total entre política e negocios. Ao darlles un asento nestas grandes empresas, a elite central consegue que os líderes autonómicos non queiran romper o sistema nin facer desafíos soberanistas reais que poidan danar os seus petos. O poder non necesita pelexar coas elites de lugares como o País Vasco ou Cataluña, simplemente as merca facéndoas socias dos seus beneficios. 

No fondo, o nacionalismo das elites catalás funciona de xeito moi parecido: unha vez que comparten os mesmos intereses económicos coas grandes corporacións, calquera rebeldía política convértese nun teatro que nunca porá en risco o seu diñeiro. Os casos de Narcís Serra, José Montilla, Miquel Roca i Junyent, Joan Hortalà ou Anna Birulés exemplifican este paso da política ás cadeiras do IBEX 35, confirmando que o camiño institucional está deseñado para desembocar nos despachos do poder financeiro. 

2. O Caso de Estudo: A Galeguización da Blindaxe (Narco-política)

O caso de Galicia é paradigmático, xa que a blindaxe territorial logrouse mediante a fusión directa do poder político, o financeiro e o crime organizado (Narco-política), xerando un modelo de control social e económico único.

O desmantelamento das caixas de aforro e a venda de entidades históricas como o Banco Pastor supuxo un duro golpe á autonomía económica da elite galega, supeditándoa á Nomenclatura foránea. O caso de Fenosa (Fuerzas Eléctricas del Noroeste), hoxe integrada nunha multinacional foránea, reforza esta subordinación. Houbo unha transferencia patrimonial do poder decisorio sobre o control do crédito e da enerxía, reforzando a dependencia. A permisividade e complicidade das estruturas políticas co contrabando de tabaco, precursor do narcotráfico, é a proba máis contundente. Figuras políticas clave, especialmente do réxime do 78, mantiveron lazos estreitos con familias do contrabando que se converteron nos grandes clans da droga. 

A figura de Manuel Fraga Iribarne (presidente da Xunta de 1990-2005) é o símbolo deste fío que non rompe. Non houbo cambio, o que antes mandaba en Madrid como ministro de Franco, seguiu mandando en Galicia xa reconvertido en demócrata. Durante a súa etapa, a reconversión do contrabando de tabaco en narcotráfico tivo lugar nun clima de vistas gordas institucionalizadas, onde o fume do tabaco de batea tapaba o que estaba por vir baixo a bendición de San Caetano, xerando lealdades clientelares. O caso de Alberto Núñez Feijóo, sucesor de Fraga e seguramente próximo presidente do goberno español, demostra que estas conexións son unha práctica de blindaxe viva. As súas amizades documentadas con Marcial Dorado, condenado por narcotráfico e contrabando, proban esa malleira de intereses onde xa non sabes onde acaba o despacho oficial e onde comeza a planeadora.

Neste ecosistema de impunidade, a Operación Nécora (1990) funcionou como a gran manobra de distracción necesaria. Mentres o Estado vendía unha vitoria policial televisada contra os clans da ría, a estrutura de poder real quedaba intacta: os procesos xudiciais foron incapaces de tocar os fíos financeiros que conectaban o diñeiro do po con importantes sectores da banca e do empresariado galego. A 'Nécora' serviu para sacrificar aos peóns máis visibles mentres se blindaba aos señores de gravata que compartían palco e intereses coa Casta, confirmando que o narcotráfico non era unha anomalía do sistema, senón un dos seus motores económicos e de control social silencioso.

O narcotráfico e a súa penetración social serviron como unha forma de apandar a xente. A normalización da ilegalidade crea unha base social precariada e despolitizada, funcionando como un dique de contención contra a disidencia política.

A Galeguización da Blindaxe é o exemplo máis evidente de como a Plana Maior utiliza mecanismos coercitivos (políticos e criminais) para garantir que calquera elite periférica sexa absorbida ou neutralizada e para manter o control sobre o territorio e a poboación.

 

PARTE III: O Capital de Orixe Viciada (CPOV): As “mareas” da Gran Transferencia

A permanencia deste sistema de poder apóiase nunha riqueza que naceu de forma ilexítima. Para que ninguén puidera cuestionar ese espolio, encargáronse de borrar calquera estrutura que fose quen de investigar ou xulgar a orixe dese diñeiro.

Ese capital acumulouse entre o golpe de 1936 e o ano 1977, grazas a favores do Estado, negocios monopolísticos, expropiacións a dedo e mesmo o uso de traballo escravo. Durante a Transición, para protexer aos beneficiarios, elimináronse parcialmente os arquivos da antiga Xustiza de Traballo, que eran os que gardaban as probas de décadas de explotación e roubos. Xunto a isto, a Lei de Amnistía de 1977 serviu como un pacto de silencio definitivo, blindando legalmente aos empresarios e altos cargos que se fixeran ricos mediante a corrupción. Ao final, a democracia naceu sen pedir contas a quen construíra a súa fortuna sobre o abuso.

A Gran Transferencia (Privatizacións do INI)

A gran marea de privatizacións entre 1986 e 2004 foi o momento clave no que o público se regalou ao privado. Empresas que eran de todos, como Telefónica, Repsol ou Endesa, pasaron a mans da vella oligarquía e de elites financeiras amigas, vendéndose a prezos moito máis baixos do que realmente valían. O Estado non actuou de forma neutral; casos como a expropiación de Rumasa en 1983 demostran que figuras como Felipe González ou Miguel Boyer moveron os fíos para repartir o capital de forma estratéxica. O obxectivo era claro: asegurar que os sectores clave da economía quedasen en mans dos leais ao sistema, consolidando o poder dese selecto grupo de grandes banqueiros e empresarios que dominan o país. 

A Reedición (O Rescate Bancario, 2010-2014)

Esta estratexia de saqueo tivo a súa reedición máis recente no rescate bancario (2010-2014). Inxectáronse máis de 60.000 millóns de euros de diñeiro público para salvar as entidades mentres o pobo asumía os recortes. O caso de Novacaixagalicia é a ferida aberta deste proceso en Galicia: unha entidade nacida da fusión forzada das caixas galegas que, tras ser saneada con milleiros de millóns de cartos públicos, foi regalada a prezo de saldo ao capital privado. Esta operación non só supuxo a perda do músculo financeiro do país, senón que consolidou a transferencia do aforro dos galegos cara á Cúpula, deixando á cidadanía coa débeda e ás elites cos activos limpos." 

A “movida” completouse co que podemos chamar a fractura xeracional a través da vivenda. O Estado, usando o SAREB (o "banco malo"), centralizou miles de hipotecas e pisos para vendelos de inmediato a fondos voitre internacionais. Neste proceso, foi escandalosa a actuación de Ana Botella como alcaldesa de Madrid, que vendeu miles de vivendas públicas protexidas a estes mesmos fondos, deixando na rúa ou na precariedade a moitas familias. Este modelo veta o futuro das novas xeracións, impedíndolles acceder a unha casa ou emanciparse. Ao final, crear mozos dependentes e obrigalos a marchar fóra é a mellor forma de evitar que haxa unha disidencia política real que poida cambiar as cousas.

3. O Saqueo con hisopo: A Vía Inmatriculadora

A alianza de unlla e carne da Igrexa Católica coas estruturas de poder garantiulle unha patente de corso e patrimonial que o Continuum reforzou. A Lei Hipotecaria de 1946 (ditadura) confería ás autoridades eclesiásticas (os bispos) a potestade de certificar a titularidade de bens inmobles sen necesidade de achegar título de propiedade, exercendo as mesmas facultades de fé pública reservadas ao Estado.

O espolio a favor da Igrexa (o saqueo legalizado de 1998) produciuse coa reforma da Lei Hipotecaria do goberno de Aznar. A modificación eliminou a prohibición de inmatricular lugares de culto, permitindo á Igrexa quedarse con calquera tipo de ben inmoble, incluíndo templos, cemiterios, terreos e vivendas, cunha simple certificación do bispo.

Este mecanismo de atropelo legalizado serviu para consolidar legalmente máis de 38.000 bens inmobles entre 1946 e 2015, convertendo o uso ancestral ou comunal nun título de propiedade dun estado estranxeiro: o Vaticano.

 

PARTE IV: O Mecanismo de Estabilización e Blindaxe Coercitiva

A violencia e a tensión da Transición non foron accidentes, senón unha xogada pensada para que todos pasásemos polo aro da nova Constitución sen facer moitas preguntas. Foi unha especie de "terapia de choque" para garantir que o sistema seguise en mans dos de sempre.

Neste escenario, o golpe do 23-F funcionou como un filtro perfecto: a xustiza militar encargouse de que os altos mandos saísen indemnes, ratificando a lealdade do exército ao novo réxime mentres o papel real do Rei quedaba protexido baixo o manto da súa inviolabilidade. Pero o que de verdade demostrou que aquí non se ía limpar nada foi a chuvia de medallas e premios para os represores de sempre.

O exemplo máis repugnante desta estratexia foi Roberto Conesa, un policía da Brigada Político Social con un historial tenebroso que seguiu sendo condecorado en plena democracia. E, por suposto, está o caso do sádico Antonio González Pacheco, alias "Billy el Niño". Este personaxe, un auténtico mestre da tortura, morreu a consecuencia do COVID e protexido polo Estado, conservando as súas medallas ao mérito policial e sen pisar xamais un xulgado. Que un tipo así fose blindado ata o final proba que a amnesia colectiva non foi un esquecemento casual, senón unha política de Estado activa e moi ben engraxada.

Esta política de "mans libres" tivo o seu expoñente máximo no Triángulo Negro de Intxaurrondo. Baixo o mando de Rodríguez Galindo, o cuartel operou como un estado de sitio encuberto, un cortello onde a lei se detiña na porta de entrada e onde Galindo campaba ás súas anchas como un vicerrei con galóns. O exemplo máis arrepiante desta barbarie foi o secuestro, tortura e asasinato de Lasa e Zabala a mans do GAL, un crime que pretendía mandar unha mensaxe de terror e que amosou a cara máis escura dos sumidoiros do Estado. A impunidade de Galindo —un home condenado por secuestro e asasinato que apenas pisou o cárcere a pesar dos seus moitos crimes— simboliza que o Continuum non só amnistía os crimes do pasado, senón que blinda aos seus executores no presente se estes serven para manter a estrutura do poder." 

2. A Violencia Institucional Contemporánea (os sumidoiros do Estado)

Este sistema (o Continuum) nunca renunciou a saltarse a lei cando lle conviña. A historia dos GAL, co Ministerio do Interior movendo os fíos do terrorismo de Estado, ou a impunidade do xeneral Rodríguez Galindo, demostran que a violencia ilegal sempre tivo protección xudicial se servía para protexer as elites. Hoxe, esa guerra sucia segue viva a través dos "sumidoiros do Estado", con episodios como a Operación Cataluña para desestabilizar políticos ou a rede de espionaxe do comisario Villarejo.

O “Torrente” Villarejo e o "Pequeno Nicolás" non son simples delincuentes, senón que amosan como funciona o Estado pola porta traseira. O primeiro, un mestre da chantaxe, montou unha industria da extorsión ao servizo de gobernos, políticos e empresarios, vendendo información estatal como se fose un produto de luxo. O segundo, cun traxe e moita cara dura, amosou que o sistema é tan opaco e servil que calquera que aparente ter poder pode entrar ata a cociña das institucións. Entre os dous deixaron claro que en España existe un sumidoiro onde todo se vende e se trafica.

Como peche perfecto para este control, temos o bozal da Lei Mordaza. Dá igual quen goberne, a lei segue aí porque é o "pau" ideal para calar a protesta. O seu obxectivo non é a seguridade, senón meterlle medo á xente con multas impagables para que ninguén se atreva a saír á rúa. Así se pecha o círculo: se non te compran co Ibex-35 nin te enganan cos medios, amordázante coa carteira.

 

Conclusión: O Imperativo da Ruptura Estrutural

A chamada Transición non foi máis que o xeito de disfrazar un sistema de privilexios baseado na impunidade e o esquecemento. O prezo dese pacto de silencio foi demasiado alto: ocultáronse crimes, premiouse aos represores e condenouse ás novas xeracións a unha precariedade programada. Ao quitarlles o acceso á vivenda e a un traballo digno, o sistema consegue que a xente nova estea máis preocupada por sobrevivir que por protestar.

Para rachar con esta arquitectura de poder, non abondan as reformas superficiais; cómpre unha auditoría a fondo baseada en tres piares:

Primeiro, hai que levantar as alfombras e airear uns despachos que levan medio século cheirando a rancio. Iso significa borrar a Lei de Amnistía de 1977 para poder investigar de onde saíu o diñeiro de moitas fortunas e xulgar os crimes do pasado. Tamén hai que pechar dunha vez os retiros de ouro, que permiten aos políticos saltar directamente aos consellos de administración.

Segundo, é necesario recuperar o diñeiro roubado. Isto implica auditar as grandes fortunas que naceron do traballo forzado e dos favores do franquismo, devolvendo ese lucro ilexítimo ao pobo. Así mesmo, hai que recuperar os bens que a Igrexa puxo ao seu nome de forma abusiva.

Por último, hai que quitarlles o control aos partidos sobre os xuíces e os medios de comunicación, acabando coa escuridade nos sumidoiros do Estado. O tempo das medias tintas debe de rematar. Ou desmantelamos este "continuo oligárquico" para recuperar a nosa soberanía e dignidade, ou estaremos condenados a convidados de pedra nun banquete onde nós poñemos o prato e eles cortan o bacallau.
 

Conclusión: O espertar do convidado de pedra

En definitiva, a chamada Transición non foi o nacemento dun mundo novo, senón o gran cambio de fachada dun edificio que segue a ter os mesmos donos. O "continuo" logrou a xogada mestra: vendernos unha liberdade tutelada a cambio de que non fixeramos preguntas sobre o botín. A Lei de Amnistía de 1977 foi o cemento que blindou a impunidade, as privatizacións foron o banquete repartido entre amigos, e os sumidoiros de personaxes como Villarejo son os gardas de seguridade que vixían que ninguén levante o mantel do segredo de Estado.

Vivir en Galicia ensínanos que onde hai néboa, adoita haber alguén movendo os marcos de sitio. O que hoxe operamos como unha democracia non é máis que unha Plutocracia onde a soberanía non reside no pobo, senón nos consellos de administración que se alimentan das portas xiratorias. É o país do revés: un lugar onde torturadores morren con medallas no peito mentres unha xeración enteira non pode pagar un aluguer porque o seu futuro foi vendido a un fondo voitre nun despacho madrileño.

Por iso, o imperativo xa non é reformar o accesorio, senón auditar o fundamental. Non abonda con mudar a decoración de San Caetano ou da Moncloa mentres as estruturas de poder seguen intactas. Cómpre unha Ruptura Estrutural que faga as contas co pasado para poder herdar un presente digno. Unha Auditoría Ética e Patrimonial que devolva ao común o que foi roubado co hisopo da Igrexa, coa lei do tecnócrata ou coa planeadora do narco-político.

Ou rachamos dunha vez este candado de silencio e impunidade que nos impuxeron no 78, ou estaremos condenados a seguir sendo eses convidados de pedra que miran de lonxe como os de sempre cortan o bacallau mentres nós seguimos pagando a factura dun banquete ao que nunca fomos convidados. O tempo das medias tintas rematou: ou desmantelamos a Estructura para recuperar a soberanía, ou aceptamos que a nosa única liberdade é elixir quen nos vai cobrar a próxima factura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.