Cuba: tempo de aperturas

A histórica decisión abordada esta semana polos presidentes Barack Obama e Raúl Castro de propiciar a normalización das relacións bilaterais cubano-estadounidenses, ampliada coa petición do presidente estadounidense ao seu Congreso para poñer fin ao que denominou unha política “obsoleta” cara Cuba, dá a entender a potenciación dunha silenciosa e progresiva diplomacia “baixo corda”, moi probablemente determinada por importantes intereses comerciais e factores de carácter xeopolítico.

A peza chave desta apertura estará enfocada no restablecemento de relacións diplomáticas entre Washington e A Habana, suspendidas desde xaneiro de 1961. A aparente confirmación por parte da Casa Branca de abrir proximamente unha embaixada na capital cubana, deixa aberta a posibilidade dun paso aínda mais significativo, traducido na eventualidade de que o Congreso estadounidense, actualmente en mans do Partido Republicano tralas eleccións de novembro pasado, ratifiquen a petición de Obama de acabar co anacrónico embargo económico vixente contra Cuba desde 1962. Segundo fontes oficiais, o obxectivo da administración Obama sería propiciar esta apertura para antes do próximo Cumio das Américas, a celebrarse en abril próximo en Panamá.

Cómpre observar o sutil mea culpa establecido por Washington na súa declaración

Alén das medidas anunciadas (flexibilización comercial, visitas e envíos de remesas, mutua liberación do contratista estadounidense Alan Gross e de tres axentes cubanos presos en EUA), cómpre observar o sutil mea culpa establecido por Washington na súa declaración. Recoñecer oficialmente que a política “obsoleta” e de “longa data” cara Cuba “provocou un illamento rexional e internacional do noso país, restrinxiu a nosa capacidade para influenciar o curso dos acontecementos no hemisferio occidental e imposibilitou o uso de toda gama de medidas que EUA puidera utilizar para promover un cambio positivo en Cuba”, acometendo un “efecto practicamente nulo”, tal e como reza literalmente esta declaración, oficializa decididamente o fracaso e a defunción dunha política antano inalterable para Washington, progresivamente defendida e vixente desde a presidencia de John F. Kennedy ata a actual de Obama.

Fortalece ao mesmo tempo o proceso de reformas internas e o pragmatismo que en materia de política exterior ven realizando o goberno de Raúl Castro

Esta perspectiva, que paralelamente define un histórico triunfo para Cuba e o seu proceso revolucionario tanto como un fracaso igualmente histórico para a política reaccionaria do exilio cubano principalmente asentado na Florida, fortalece ao mesmo tempo o proceso de reformas internas e o pragmatismo que en materia de política exterior ven realizando o goberno de Raúl Castro, persuadido da necesidade de reinserir a Cuba no escenario internacional e de acometer medidas de solución da crise económica.

A súa declaración considerando que Obama “merece o respecto e recoñecemento do pobo cubano”, agradecendo e recoñecendo ó mesmo tempo a colaboración doutros actores como o Vaticano e o goberno de Canadá, confirman as expectativas de que, nos derradeiros meses, Washington e A Habana acicalaban silenciosamente este “novo curso” das súas relacións.

 

A nova etapa

Esta apertura terá inevitables consecuencias de carácter xeopolítico, principalmente a nivel hemisférico, tal e como se observaron coas respectivas declaracións orientadas a “repensar” as relacións latinoamericanas con Washington, realizadas polo presidente da UNASUR, Ernesto Samper, así como dos mandatarios participantes no cumio do MERCOSUR que se leva actualmente a cabo na Arxentina.

Resta por ver cal será a reacción dun lobbie cubano-estadounidense sumamente polarizado, e que espera concentrar as súas esperanzas electorais no eventual ascenso do senador de orixe cubano Marco Rubio como hipotético candidato republicano

O feito de observar un Congreso e Senado e mans do Partido Republicano, o cal fortalece as expectativas republicanas de cara aos comicios presidenciais 2016, moi probablemente supuxo o factor chave que persuadiu a Obama a acelerar o curso dos cambios e da política aperturista cara Cuba. Resta por ver cal será a reacción dun lobbie cubano-estadounidense sumamente polarizado, e que espera concentrar as súas esperanzas electorais no eventual ascenso do senador de orixe cubano Marco Rubio como hipotético candidato republicano para as próximas presidenciais estadounidenses.

Paralelamente, o persistente peso dos diversos lobbies económicos como correas de presión no Congreso e na Casa Branca á hora de poñer fin ao embargo, explica igualmente outros factores estratéxicos detrás desta apertura. Deste xeito, as prioridades estadounidenses en Cuba reorientaríanse na apertura dun mercado apetecible, traducido en intereses de carácter comercial, turístico e incluso enerxético, focalizados na recente apertura da Zona Económica Especial do Mariel e da estratéxica posición adoptada nos derradeiros anos por China e, en menor medida, Brasil, Europa e Rusia, como socios comerciais cubanos.

No contexto hemisférico, a apertura cubana gravitará con notable incidencia nas relacións entre EUA e América Latina, tomando en conta a maioritaria presenza de gobernos progresistas e de esquerdas en países latinoamericanos

No contexto hemisférico, a apertura cubana gravitará con notable incidencia nas relacións entre EUA e América Latina, tomando en conta a maioritaria presenza de gobernos progresistas e de esquerdas en países latinoamericanos estratéxicos como Brasil, Arxentina, Venezuela e Bolivia, con amplos contactos de cooperación con Cuba.

Con todo, restará especial atención o que sucederá en Venezuela, aliado estratéxico cubano desde 1999 e un principal socio económico da Habana, especialmente en materia petroleira. Moitos focos están agora concentrados en Caracas, o mais claro substituto da Habana como centro neurálxico e activista hemisférico das críticas contra Washington.

O deterioro no contexto actual das relacións entre Caracas e Washington deixa o goberno de Maduro nunha complexa situación, erosionada igualmente por unha crise económica afondada pola forte caída dos prezos do petróleo

A pesar da favorable acollida á apertura cubana realizada polo presidente venezolano Nicolás Maduro durante o cumio MERCOSUR, o deterioro no contexto actual das relacións entre Caracas e Washington deixa o goberno de Maduro nunha complexa situación, erosionada igualmente por unha crise económica afondada pola forte caída dos prezos do petróleo, así como ante a eventualidade de que a Casa Branca aplique sancións contra altos funcionarios venezolanos con propiedades en EUA. Este contexto ben puido igualmente persuadir ao goberno cubano a acelerar a negociación aperturista con Washington.

Todo isto condicionará durante o 2015 o acontecer venezolano dentro dun contexto electoral chave, focalizado nas eleccións lexislativas pautadas para setembro do próximo ano, onde o “postchavismo” bascula para manter a súa maioría parlamentaria. Con todo, a apertura cubana pode supoñer igualmente un punto de distensión nas relacións bilaterais entre Venezuela e EUA, toda vez Obama tenta congraciar unha política de achegamento cara América Latina tras o afastamento establecido pola “era Bush” e a súa preeminencia na fatídica loita contra o terrorismo global.

 

Outras “aperturas” para o 2015?

Precisamente, o discurso de Obama explicando a apertura cubana utilizou a referencia da loita antiterrorista cando argumentou que nos “momentos en que centramos a nosa atención nas ameazas provenientes de Al Qaeda e do ISIL, unha nación que cumpre coas nosas condicións e que renuncia ao uso do terrorismo non debe estar sometida a este tipo de sanción”.

Esta declaración, que sepultaría a presunción que durante décadas estableceu Washington acusando a Cuba de presuntamente apoiar o “terrorismo internacional”, semella mais ben unha sutil mensaxe enviada por Obama cara Irán, o outro actor “incómodo”, cuxa (re) apertura diplomática espera eventualmente consolidarse durante o 2015.

Obama e o presidente iraniano Hassan Rouhaní veñen establecendo contactos directos e indirectos que impulsan as expectativas dun cambio histórico nas relacións entre Washington e Teherán

Con avances e algúns retrocesos, Teherán e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) negocian periodicamente os prazos establecidos para o control do programa nuclear iraniano. Con anterioridade, Obama e o presidente iraniano Hassan Rouhaní veñen establecendo contactos directos e indirectos que impulsan as expectativas dun cambio histórico nas relacións entre Washington e Teherán, similar ao establecido esta semana pola Casa Branca coa Habana.

Obama e o presidente iraniano Hassan Rouhaní veñen establecendo contactos directos e indirectos que impulsan as expectativas dun cambio histórico nas relacións entre Washington e Teherán

Con todo, a presión republicana contra o réxime iraniano pola seu presunto apoio ao terrorismo internacional, en particular ao palestino Hamas e o libanés Hizbulá, moi probablemente acrecentarase durante o 2015, aínda que Obama tente acelerar a posibilidade dunha apertura con Teherán que fortalecería os imperativos xeopolíticos iranianos en Oriente Medio e complicaría a posición israelí, o tradicional aliado estratéxico estadounidense na rexión. O goberno dereitista de Benjamín Netanyahu, que recentemente adiantou eleccións xerais para marzo próximo, acaba de impulsar unha política segregacionista no Estado israelí de decretar a súa condición de “Estado xudeu”, en clara reacción á posibilidade de cambios xeopolíticos en Oriente Medio que compliquen e afecten os seus parámetros estatais e xeopolíticos.

Se ben as complexidades da apertura iraniana son evidentes, existen efectos colaterais que poden propiciar un 2015 intenso. A ofensiva contra o Estado Islámico traduce unha indirecta tramitación de intereses entre Washington e o réxime sirio de Bashar al Asad, principal aliado iraniano na rexión e un dos “inimigos” estadounidenses.

Paralelamente, o recente recoñecemento sueco e do Parlamento Europeo ao Estado palestino, así como a inesperada declaración do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (en principio non respaldada pola Comisión Europea) pedindo retirar a condición de grupo terrorista para Hamas, dan a entender diversas variables que poderían gravitar colateralmente sobre unha hipotética política aperturista entre Washington e Teherán.

Se o 2014 anunciou un intenso punto de inflexión dos cambios que se albiscan no escenario internacional, o 2015 pode marcar as definicións dos mesmos e das súas pautas

Mentres Obama e Raúl Castro anunciaban a súa histórica apertura, a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), que desde 2012 negocia e avanza co goberno colombiano un acordo de paz cuxas conversacións se celebran na capital cubana, anunciaban un cese “unilateral e permanente” trala recente crise do goberno de Juan Manuel Santos.

Se o 2014 anunciou un intenso punto de inflexión dos cambios que se albiscan no escenario internacional, o 2015 pode marcar as definicións dos mesmos e das súas pautas. Polo pronto, Obama e Raúl Castro acaban de colocar a primeira pedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.