Cuestións literarias

I

Un día fresco e chuvioso do húmido outono do seu duodécimo ano, Evelyn atopou un explorador perdido no xardín da casa que tiñan os seus pais en Londres.

Agora, troquen o explorador perdido por un escritor galego. Cal dos dous é mais exótico?, preguntou o profesor.

II

“Sempre tratei de frear ese afán dos poetas por o eloxio e os cumpridos”.

Walter Scott

29 de xuño de 1889

Welti enfadouse cando cruzando a ponte da estación de Lehrt Frank Wedekind preguntoulle que pensa de Schiller.

29 de xuño de 2015.

Xoán enfadouse cando cruzando a ponte romana Castro preguntoulle que pensa de ………….

24 de novembro 1825

Chamábase Ugo Foscolo. Feo coma un mandril.

24 de novembro 2015

Chamábase Rendor Homor. Feo coma un mandril.

III

Parece ser que  Jorge Edwards, diplomático e escritor, anda contando que un poeta chileno deu instrucións para que colocasen na súa tumba o seguinte epitafio: “ Quiso ser escritor. Llegó a escritor chileno.”. 

Aínda tivo sorte porque chegou a escritor  chileno, en Ourense hai un avogado que ordenou que na súa tumba coloquen este epitafio :

“Quixo ser escritor, pero nin chegou a escritor ourensán.”.

IV

Estaba na súa casa soamente coa súa tristeza e cos sons de 2nafronteira cando chamaron a porta.

Abriu e un home, que nin era frívolo nin serio, preguntoulle:

--e vostede o Sr Pintos,  o poeta?.

--Si- respondeu o poeta secamente e coa mesma desgana que si lle preguntaran que si lle gustaba a Steve Miller Band ou que lle parecía a última novela de Diego Amexeiras.

--Pois acaba de gañar un premio por ser o primeiro poeta que abre a porta a un vendedor.

O poeta sorriu por primeira vez na semana. Era o primeiro premio que gañaba na súa vida.

V

Sempre quixo escribir pero nunca atopou a súa paxariña. Nunca fora a Armenteira. Ata que un día apareceu a palabra xusta. Silencio. Eu non podo ser nin Johnny Rotten nin o poeta do presidente.

As nove comezou a buscar  traballo.

VI

Sempre quixo superar a David Hume. Non o logrou. Só vendeu corenta e catro exemplares do seu primeiro libro. Decidiu non escribir máis.

VII

Qué diferenza hai?

Serguéi Dovlátov.

Meu avó non sabía escribir unha novela. Francis Scott Fiztgerald sí. Tender in the night. Meu avó sabia facer viño. Francis beber. Meu avó casou con Isabel que non sabía o que era unha flapper. Francis casou co Zelda. Cando naceu o meu avó, Francis tiña medo de morrer. Era un soldado dos Estados Unidos. Cando Francis chimpouse dun trampolín e mancouse  no ombro, meu avó tiña medo de morrer. Era un soldado do exercito nacional. Cando Francis morreu, meu avó de seguro que tiña fame.

A vida son puntos de vista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.