Da beira do precipicio á lenta recuperación

Os indicadores económicos non apuntan a unha recuperación do emprego, nin sequera a unha suba sólida do PIB que tan só deixou de caer no último trimestre. Sen embargo, e como argumentaremos a continuación, hai motivos para considerar que o peor xa pasou e que existen as condicións para a recuperación da estabilidade perdida. Non é moito, pero é bastante, sobre todo se consideramos que a economía é unha cuestión de confianza (o que equivale a dicir que mandan os sentimentos de euforia e depresión, de moi difícil predición). O que realmente está a pasar é que deixamos de estar á beira do precipicio que representaba a quebra financeira da economía española que, sendo a cuarta en tamaño da zona euro, constituía un elemento de enorme desestabilización para toda a Unión Europea. Sen embargo, nos últimos meses a prima de risco foi paseniñamente reducíndose, a saída de capitais parou e o Estado Español pode financiarse nos mercados a prezos relativamente razoables. Que foi o que pasou?

Hai motivos para considerar que o peor xa pasou e que existen as condicións para a recuperación da estabilidade perdida. Non é moito, pero é bastante, sobre todo se consideramos que a economía é unha cuestión de confianza

Aínda que a propaganda oficial do partido no goberno insistirá ad nauseam no éxito das reformas, o certo é que foron dúas decisións tomadas fundamentalmente no ámbito europeo ás que realmente marcaron o punto de inflexión na evolución económica. A primeira, o anuncio do presidente do BCE Mario Draghi en xullo do ano pasado (“farei todo o necesario para salvar o euro e créanme, será suficiente”), o que basicamente viña a indicar que estaría disposto a actuar nos mercados de débeda soberana dos Estados con máis problemas (naquel momento España e Italia), a semellanza dos outros grandes bancos centrais. Era esta xustamente unha das críticas que, con razón, se lle viña facendo ao BCE, imposibilitado por mandato constituínte para a merca de débeda soberana. A decisión e astucia dos actuais xestores do BCE, en contra dos desexos e presións alemáns, serviu na práctica para corrixir esa eiva.

A segunda, o rescate ao sector financeiro acordado entre o goberno Español e a Unión Europea e financiado polo Mecanismo Europeo de Estabilidade. Recordemos que este fondo permanente foi creado como resultado dos innumerables cumios europeos e, con grandes limitacións, vén a actuar como algo parecido aos demandados eurobonos pois sirve para financiar aos países con problemas a prezos razoables. Unha liña de crédito de até 100.000 millóns de euros dos que se levan usados uns 45.000 millóns, e que serviron para poñer couto á principal fonte de problemas da economía española, a insolvencia dunha parte nada irrelevante do seu sector financeiro produto da borracheira de ladrillo dos anos precedentes. Evitar a caída das entidades agora nacionalizadas e limpar os seus balances (grazas tamén a atinada decisión de crear o banco malo) serviu para tranquilizar aos mercados e por tanto afrouxou a presión sobre o tesouro español.

Mais todo o anterior non ten servido aínda para recuperar a economía real ao noso ver por unha simple razón: a demanda non tira

Mais todo o anterior non ten servido aínda para recuperar a economía real ao noso ver por unha simple razón: a demanda non tira. As familias e o sector privado están aínda endebedados até as orellas polo que as taxas de consumo e investimento non se recuperan. Mentres, o gasto e investimento públicos non actúan contracíclicamente debido a aplicación das receitas de austeridade e a falla tamén de instrumentos a nivel Europeo que o permitan. Se ben a Unión Europea se viu na obriga de afrouxar o ritmo da redución do déficit, non parece que vaia haber cambios significativos neste ámbito. Tan só o sector exterior se ten comportado positivamente en tódolos países da chamada periferia europea, en grande medida derivado da caída dos custes laborais que permite soster as exportacións mesmo nun contexto de desaceleración económica a nivel europeo e internacional. Aínda así o sector exterior non semella suficiente, de lonxe, para garantir unha senda estable de recuperación económica.

Lamentablemente isto non significa que vaiamos a ver unha recuperación sostida e forte do emprego, debido aos fortes niveis de endebedamento que seguimos soportando

En definitiva, os tímidos avances e as decisións tomadas no marco europeo para garantir a supervivencia do euro crearon tamén as condicións para ver a luz ao final de túnel en economías como a española. Lamentablemente isto non significa que vaiamos a ver unha recuperación sostida e forte do emprego, debido aos fortes niveis de endebedamento que seguimos soportando, e tampouco que esteamos exentos de volver caer nunha crise económica global posto que pouco se fixo por poñer couto ao irracional dominio dos mercados financeiros na economía mundial. Pero isto é outra historia. No curto prazo tamén temos que ter en conta varios elementos de potencial inestabilidade tanto a nivel interno, en particular a crise política e institucional que ten o seu máximo expoñente no presunto (e máis que evidente) caso de financiamento irregular do partido no goberno, como a nivel externo, derivados da situación da economía grega, para a que se albisca unha segunda quita da débeda, e das repercusións dunha potencial intervención armada en Siria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.