De vivir en París, tras os atentados probablemente acudiría a esa manifestación que xorde antes de nada da conmoción e da necesidade tanto de expresar emocións e dó como de reafirmar a existencia dunha comunidade que se ve cuestionada. Probablemente acudiría a esa manifestación, pero...
Podería soportar marchar tras esa cabeceira de políticos, moitos dos cales acaban de colaborar na guerra contra Siria? Faltaron alí o presidente de EE UU e os xeques sauditas e dos emiratos. Como poden ter tanta cara de arrogarse a defensa das liberdades propias cando acaban de comezar unha guerra inxusta que xa acabou con centos de miles de persoas e destruído un país? O tal Estado Islámico levantouse inicialmente sobre parte do territorio arrebatado ao réxime sirio.
Hai menos dun ano almorzabamos todos os días con supostas noticias sobre o malo que era Irán e o réxime sirio de Bashar Hafez al-Asad, dixéronnos que era tan intolerable que gobernase aquel tirano que non quedou máis remedio que empezar unha guerra. Nada menos. Todo era moito máis simple, tratábase dun réxime que era un obstáculo para esa estraña e sinistra trama de intereses que une a EE UU, Israel, a leira dos Saud e os emiratos? E alí foron os novos "soldados da liberdade", igual que no Afganistán dos anos oitenta cando lindaba aínda coa URSS, entón foron os muyahidíns quen deron lugar a Al Qaeda e agora os do "Estado Islámico". Foron eses mesmos dirixentes que marchaban na cabeceira da manifestación e que din protexer as nosas liberdades quen financiaron, impulsaron e armaron os terroristas. A eses que antes eran heroes contra un malvado tirano e que agora volven aos Estados europeos co seu odio fanático e as súas consignas.
Desde hai poucos meses xa desapareceron das supostas noticias as maldades de Irán e do réxime sirio. Teño que preguntarme, seguen sendo moi, regular ou pouco malos eses Estados?
Parece que foi peor o remedio que a suposta enfermidade. Ou os atentados en territorio europeo son custes calculados e aceptados de antemán en certos despachos sinistros?
O que me sorprende, para ben, é que Merkel recoñecese que "o islam forma parte de Alemaña" e o que non me sorprende é que o presidente dun Estado étnico e de ideoloxía racista, como é Netanyahu, anime os cidadáns franceses xudeus a abandonar Francia e marchar a Israel. O fundamentalismo non é patrimonio dunha relixión nin dun pobo nin dun Estado, está ao alcance de calquera.
E tamén me pregunto polo sucedido á revista Charlie Hebdo e a unha tenda xudía. O ocorrido, asasinatos implacables a obxectivos moi rechamantes, cuestiona o modo de vida dos europeos, sociedades máis ou menos laicas, e tamén volve utilizar o argumento da suposta perversidade dos xudeus. Analizar a intención de apuntar a eses dous obxectivos levaríanos lonxe, quedo aquí co papel de Charlie Hebdo.
Non sigo esa publicación e non podo analizar a súa liña editorial, até que punto é ecuánime nas súas críticas ou é partidista ou xenófoba. Do que si estou seguro é de que a elemental cortesía ou consideración cara aos demais dinos que unha cousa é faltar ao respecto ás crenzas propias, ou as do mundo ao que cre pertencer un e outra é faltar ao respecto ás crenzas doutros. Nun caso un ten toda a autoridade moral para facelo pero no outro é preciso ser respectuoso ou prudente ao criticar. É necesaria esa nova portada desa revista que vai ofender a moitas persoas que son de crenza islámica pero non son terroristas?
Teño a impresión de que unha parte dos franceses cren vivir no país da torre Eiffel, os acordeóns e a baguette e outros, quen viven nos suburbios, cren vivir nun lugar intermedio entre o limbo e a desesperación. Paréceme que neses barrios suburbiais non hai moitos compradores do novo número desa revista satírica.