Da Grecia clásica a Galicia: a vergonza do propio

De Grecia a Galicia ©

Admiramos os rituais da Antiga Grecia, pero avergonzámonos das nosas romarías. Por que?

Admiramos os rituais da Antiga Grecia, pero avergonzámonos das nosas romarías. Por que? A relixión da Antiga Grecia é hoxe moi respectada. Pensadores tan prestixiosos coma Nietzsche, Hegel, Goethe ou Carl Jung admirábana profundamente. Pero, en que consiste a relixión da Antiga Grecia? Os gregos distinguían entre dous tipos de seres: os vinculados ao ceo e á luz, é dicir, os deuses olímpicos, e os vinculados á terra e a escuridade, isto é, os deuses do inframundo. Aos seres vinculados ao ceo dedicábanlles santuarios e, no marco de peregrinacións, procesións e festivais, pedíanlles un favor ou agradecíanlles un favor xa prestado mediante promesas e ofrendas. 

Agora ben, non ocorre tamén isto en Galicia? Evidentemente, a relixión tradicional galega é diferente da relixión da Antiga Grecia pois baséase no dogma católico, pero en Galicia tamén se distinguía entre seres vinculados ao ceo e á luz: Deus, Xesús, a Virxe e os santos, e seres vinculados á terra e á escuridade: o demo, as meigas, os nubeiros, a Santa Compaña e as aparicións. Ademais, en Galicia, tamén se dedicaban santuarios aos seres vinculados ao ceo e se lles pedía ou agradecía algún favor mediante promesas e ofrendas no marco de peregrinacións, procesións e festivais. Non consisten nisto as romarías? 

Como se pode ver nas imaxes das Panateneas e da Romaría dos Milagres de Caión, ambos ritos relixiosos seguen un mesmo fío: devoción e promesa

Como se pode ver nas imaxes das Panateneas e da Romaría dos Milagres de Caión, ambos ritos relixiosos seguen un mesmo fío: devoción e promesa. Non obstante, en Galicia, mentres que a relixión da Antiga Grecia se ensina en institutos e universidades, moitas crenzas e ritos relixiosos galegos, ata hai pouco vivos, provocan vergonza social. Este é o caso da práctica dos curandeiros e a crenza nas meigas, nas enfermidades bruxerís ou nas aparicións. Tamén o da práctica de camiñar de xeonllos, de vestir mortallas ou dos exorcismos nas romarías. 

Cal é a causa deste rexeitamento, desta vergonza social? A resposta é clara: unha endofobia cultural que nos fai desprezar o propio e admirar o alleo. Só cando aprendamos a respectar e a valorar o noso, Galicia poderá prosperar culturalmente e ofrecer ao mundo aquilo do que realmente pode sentirse orgullosa

Lembro que hai uns anos entrei nunha copistería, unha señora preguntoulle á dependenta se sabía dalgún curandeiro para sacar un mal de aire e esta puxo cara de bochorno. Lembro tamén que hai un ano fun á Romaría de Santa Marta de Ribarteme. A procesión celebrouse con música latina de fondo, con móbiles e cámaras de televisión gravando e sen cadaleitos polo rexeitamento do cura a estas prácticas. Recordo que me chamou moito a atención unha rapaza nova que camiñaba descalza e visiblemente emocionada detrás da imaxe de Santa Marta. 

Cal é a causa deste rexeitamento, desta vergonza social? A resposta é clara: unha endofobia cultural que nos fai desprezar o propio e admirar o alleo. Só cando aprendamos a respectar e a valorar o noso, Galicia poderá prosperar culturalmente e ofrecer ao mundo aquilo do que realmente pode sentirse orgullosa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.