Da moralidade do señor Trump a un novo federalismo europeo

Donald Trump nun acto publico celebrado a comezos de febreiro CC-BY-SA The White House

Os campos de concentración nazis eran organizacións cuxo poder absoluto estaba en parte fundamentado sobre a arbitrariedade. Os presos vivían nunha permanente incerteza, nunha desorde calculada. A este mecanismo de terror remítese Trump cando afirma que o único marco de exercicio do poder que recoñece é a súa propia moralidade

Os campos de concentración nazis eran organizacións cuxo poder absoluto estaba en parte fundamentado sobre a arbitrariedade. Os presos vivían nunha permanente incerteza, nunha desorde calculada. No noso país aínda quedan vellos que lembran o que era a miúdo, nos anos corenta e cincuenta, cruzarse na aldea cunha parella da Garda Civil. Se o camiñante ousaba saudar, os gardas podían responder con violencia; pero tamén podían reaccionar así se o camiñante se abstiña de dirixirse a eles. Os psicólogos sábeno ben: os estímulos impredicíbeis son máis impactantes que os esperados.

A este mecanismo de terror remítese o presidente dos EUA, Donald Trump, cando afirma, levando o seu discurso reaccionario e egotista até o paroxismo, que o único marco de exercicio do poder que recoñece é a súa propia moralidade. A lei é inútil cando o señor Trump, que opera no sofisticado sistema político estadounidense cunha insólita facilidade de movemento, implementa políticas clasistas e tendencialmente parafascistas, incluídas violacións masivas dos dereitos fundamentais –mesmo recorrendo ao terrorismo de Estado mediante forzas paramilitares–, ou utiliza a forza militar e a coacción incluso contra países aliados

O presidente dos EUA cultiva con moito empeño e racionalidade unha imaxe de monarca imprevisíbel –pensemos, por exemplo, na súa caprichosa política arancelaria ou na súa ameaza de intervención militar en Groenlandia– porque, coa orde internacional inaugurada en 1945 a un telexornal de voar polos aires, quere que o poder militar e económico do seu país sexa realmente temido.

Neste contexto xeopolítico darwinista, tan volátil e hostil, a UE non pode permitirse quedar fragmentada, paralizada e sumida na subordinación

Neste contexto xeopolítico darwinista, tan volátil e hostil, a UE non pode permitirse quedar fragmentada, paralizada e sumida na subordinación, a non ser que renuncie a ser a rexión máis democrática do planeta. A regra da unanimidade non pode impedir o avance cara á soberanía xeoestratéxica da Unión en materia de defensa, de política industrial e de acción exterior, máxime cando xa non é posíbel descartar a medio prazo unha guerra provocada por Rusia. Un núcleo de países debe profundar no modelo posnacional de gobernanza multinivel mediante o mecanismo da cooperación reforzada para instaurar un federalismo que protexa o noso modelo económico e social e nos faga menos vulnerábeis. Para acadarmos este obxectivo é esencial evitarmos que a nova dereita populista e autoritaria, abertamente impulsada tanto polos EUA como por Rusia e outros países, acabe desde dentro co proxecto europeo. A cidadanía europea está crecentemente insatisfeita cunha democracia que lexitima unha economía orientada cara ao beneficio dos ricos. As identidades nacionais a que apelan os populismos, porén, non son os baluartes dos nosos intereses.

Os asasinos nazis non apareceron de golpe nos campos de concentración improvisando un réxime de terror. Avisados estamos

Se os europeos queremos expornos o menos posíbel á violencia exterior e ás tendencias autoritarias de noso, máis vale que procuremos aprender da historia. Os asasinos nazis non apareceron de golpe nos campos de concentración improvisando un réxime de terror. Abxuraron do humanismo burgués, convenceron os alemáns da súa moral fundada sobre a raza e o sangue e, mentres as democracias tardaban en reaccionar, empezaron a reducir Europa a cascallos. Avisados estamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.