Da natureza depredadora do capitalismo. Sobre o 'produto europeo de pensións persoais' (sic)

Manifestación en defensa das pensións CC-BY-SA Praza Pública
  1. O eixo principal desta reflexión vén dado por un artigo claro e sinxelo, o último de Eduardo Luque en El Viejo Topo, “Deutsche Bank. ¿El nuevo Lehman Brothers?” (nº 383, dec. 2019, pp. 5-11). Contén interesantes observacións e ofrece unha ollada panorámica sobre as derivacións da crise perpetua iniciada no 2008. Mais, para non dispersarnos, centraremos estas liñas no plan de privatización das pensións aprobado polos ideólogos neoliberais a inicios de maio de 2019.
  2. A conclusión que un extrae queda resumida no título, xa que todo é depredación cando un fala de banca e do capital. No caso de Deutsche Bank esa depredación maniféstase xa nos tempos da II Guerra Mundial, no apoio financeiro concedido para a construción do campo de exterminio de Auschwitz e tamén no apoio económico concedido á empresa IG Farben, a que produciu o Zyclon B, empregado de forma industrial para exterminar as persoas. Temos en conta estes aspectos á hora de sermos clientes da banca? Ou vivimos con indiferenza (e ignorancia?) a contradición ética?
  3. Véndennos a moto do relato do ‘saneamento’ da banca...si, pero a costa de que? De quen? E, sobre todo, é certo? Calcúlase que foron 500.000 millóns os que a UE empregou para salvar entidades financeiras [60.000 millóns no Estado español], unhas 61 desde o 2008. No Estado español produciuse a destrución do aforro popular das Caixas de Aforro e a concentración bancaria, pasándose das 60 entidades do ano 2007 ás 18 do ano 2015, e todo sinala que seguirá o proceso. Os vermes do capital, que sempre axitan a bandeira da ‘liberdade absoluta’ para (des)facer, pediron auxilio a Papá e Mamá Estado. De feito, inventáronse fórmulas como crear ‘bancos malos’ co fin de absorber ‘débeda tóxica’ e a banca sempre contou coa complicidade dos gobernantes, que quixeron ignorar que existía a posibilidade normativa de ir creando unha alternativa pública e de limitar por lei as futuras desfeitas da gran banca, para que non perdamos os de sempre.
  4. En efecto, os bancos zugaron inxentes recursos públicos, concedidos de forma entusiasta pola actitude submisa e voluntariamente compracente dos gobernos, ao mesmo tempo que deseñaban estratexias para agochar os seus perigosos xogos financeiros e mentir sobre o seu estado real en canto a saneamento. De feito, na zona euro aínda son inxentes os millóns que teñen investidos (sic) en préstamos dubidosos, uns 722.000 millóns...e noutras actividades lucrativas de orixe e/ou finalidade criminal (narcotráfico, lavado de diñeiro, armas...). Esa mentira, amparada na suposta superioridade financeira e xestora de Alemaña, provocou os golpes de estado neoliberais quitando e poñendo gobernos, abafando as economías do sur (España, Italia, Grecia, Portugal). 
  5. Esta arte da ocultación, non obstante, non impide que abrollen, polas súas fendas perigosos indicios que posibilitan falar dunha posible ‘tormenta perfecta’ , isto é, a segunda onda-labazada do sistema, ideal para avanzar nos procesos de privatización, seguir amordazando alternativas serias e reais e narcotizar o imaxinario social, atrapado nas redes do enfeitizo individualista e alienante do capital. 
  6. Esta labazada virá acompañada por un acelerado proceso de ‘acumulación por desposesión’ (David Harvey) ou, como nós preferimos dicir, de maneira máis expresiva e gráfica, depredación. A voracidade do capital non agocha que quere meterlle o dente ás pensións públicas, faino desde que triunfaron -para desgraza da clase traballadora- as políticas neoliberais postas en marcha co golpe de estado de Pinochet (11 de setembro de 1973) e cos gobernos de Margaret Thatcher no Reino Unido (1979-1990) e Ronald Reagan (1981-1990) e ben secundadas por gobernos mesmo de signo socialdemócrata coma o de Felipe González, que asentaron e asestan a súa eficacia primeira na privatización dos servizos públicos e de todos os nichos que sexan susceptibles de producir beneficios e rendibilidade crecentes, a pesar de que sexa a costa dos dereitos das persoas. 
  7. Unha volta máis de porca vén dado pola aprobación en maio de 2019 do Produto Europeo de Pensións Persoais (PEPP) impregnado da linguaxe retórica -‘unión’, ‘harmonización’, ‘complementariedade’, ‘portabilidade’- habitual nos textos lexislativos da Comisión Europea e dos grupos de presión. Detrás do nome do obxecto está o desexo de converter o dereito da cidadanía a unha pensión pública digna nun ‘investimento’ privado para ‘consumidores’ en consonancia con ‘promover unha contorna que estimule a innovación no sector dos produtos financeiros’. 
  8. Quen controlará eses ‘investimentos’? A nova linguaxe denomínaos ‘promotores’ (bancos, compañías de seguros, xestores de activos, fondos de pensións de emprego, empresas de investimento) pero, en última instancia, todo repousará na enxeñería financeira da banca, polo que os aforros non deixarán de someterse ao xogo financeiro, inevitablemente, por moito que o queiran maquillar. De feito, no propio texto fálase de “investimento de baixo risco” (existe o risco) e de ‘límite máximo nos costes de cambio’ (existen os costes). 
  9. Hoxe en día, como afirma o propio texto da Comisión, os plans privados de pensións chegan ao 27% da poboación europea de entre 25 e 59 anos. Non deixa de ser curioso o esforzo que usa a Comisión para camuflar que falan de privatización, así, non é sorprendente que afirmen que o obxectivo da proposta é ‘aumentar o grao de aceptación das pensións individuais na UE’. De xeito irónico, un pensaría que as pensións do sistema público non son nin persoais nin individuais. En calquera caso, todo é pouco para non usar o concepto pensións privadas que é o de que se trata. E como se logra incrementar ese grao de aceptación? Por imposición? Suprimindo as pensións públicas? Ou, para acadar ese obxectivo veremos como o Cuarto Poder inocula no imaxinario social esa necesidade? Compróbese o suplemento deste domingo 15 de decembro de La Voz de Galicia, Mercados (nº 1143), onde podemos ler un interesado artigo denominado “Adiós a la pensión clásica. Es hora de ahorrar”, que nós, de forma doada, transformamos en “Adeus á pensión pública. É hora de gastar para ter unha pensión privada”. Unha lectura demostrará como os voitres sobrevoan sobre o noso futuro e as nosas pensións. Por suposto, para convencernos din que “los expertos ven en ello [en ser España un dos países da UE que menos diñeiro privado inviste en planificar a xubilación] un error”. Claro, os ‘expertos’ redúcense aos amigos do ‘produto’, ningunha voz alternativa e crítica para contrastar. Lóxico, cómpre entender que estes medios de desinformación masiva son empresas (ás veces multitarea, co que incorren en terribles débedas, quebras, impagos a traballadoras e traballadores e explotación laboral) que procuran contentar aos potenciais ‘pagadores’ da publicidade encuberta. 
  10. O que queda claro, se un atende aos dobres sentidos da xerga neoliberal, é que un dereito básico e esencial se converte nun ‘produto’ apto para ser sometido ás regras da competitividade e do mercado. Só por iso, un non debera fiarse nunca deste tipo de produtos e loitar por que se fortaleza o sistema público de pensións, para que se implante unha financiación pública xusta, asentada na redistribución da riqueza e na loita contra os mecanismos de perversión que rouban fondos da facenda pública para que as rendas do traballo non sexan as que soporten o peso das políticas neoliberais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.