Da política á ética sen volta

Parece estraño que sexa nos territorios sociais máis conflitivos onde se sintan apelacións máis directas á ética. Parece. Igual non o é. No caso da política, entendida esta no seu sentido máis amplo, tamén como actividade social e non só recluída na esfera da representación, o recurso á ética serve en non poucas ocasións para intentar ocultar as razóns reais dos intereses contraditorios que o conflito expón. Coma se as distintas partes necesitasen a lexitimidade dunha idea limpa, allea ao propio conflito, e non lles abondase coa lexitimidade que se conquista ao facer parte do conflito en si. Teño a sensación de que algo disto foi o que ocorreu co asunto da deputada Paula Quinteiro.

Argumentar que Paula Quinteiro debe dimitir por razóns de ética é dicir que convén que deixe de ser deputada por razóns políticas. E aí está a gravidade desta anécdota elevada a paradigma nun bosque de casos escandalosos cara aos que non se mira

A ética non está por riba da política. O mantra que di o contrario creo que ou mente, cousa pouco ética, ou se engana. A ética, como ideal puro, camiño de perfección ou bondade absoluta non existe. Probablemente non poidamos sequera falar de que exista unha ética. Hai, sen dúbida, éticas diversas orixinadas en espazos, ámbitos, actividades e agrupamentos de intereses diferentes. Sempre que se apela á ética faise para defender unha posición e uns intereses políticos. Moitas outras veces faise simplemente coa intención de ocultar eses intereses, supoño que por puro desexo de conquistar adhesións de grupos e persoas en principio neutrais ou alleas ao conflito.

A ética é máis ben unha consecuencia da política, entendida esta, insisto, no seu sentido máis amplo, non reducida ao ámbito da representación, que probablemente é o menos político de todos. Roubar, por exemplo, en abstracto, é eticamente reprobable para a relixión, que sempre procura argumentos para que a propiedade sexa máis sagrada ca deus. Pero roubar é tamén un acto de resistencia e de xenerosidade de quen non ten recursos e necesita arriscar a súa liberdade e mesmo a vida para que os seus, fillos, fillas, compañeiras e compañeiros, poidan alimentarse. E roubar tamén é enriquecerse sen fin subtraendo benestar de milleiros de persoas de poucos recursos, unhas veces de maneira máis torpe, outras de forma máis arteira e legal. Non parece que dúas situacións tan extremas poidan ser consideradas desde a mesma perspectiva ética.

Non deixa de ser un paso máis no proceso de parasitismo e xibarización do instrumento En Marea, concibido orixinariamente como ferramenta para os espazos de ruptura e en camiño de quedar reducido a un partido de cadros e de réxime

Tampouco a lei as concibe igual. Aínda que non sempre a lei, como sabemos, nos pareza xusta. Porque esa é outra. O ético opera coma o legal na ocultación do social e o político. O primeiro suxeito que rouba para sobrevivir sufrirá penas de cárcere. O que rouba para enriquecerse probablemente sexa premiado con algún posto nun consello de administración desde o que continuará a facer o que mellor sabe e máis lle gusta.

Argumentar que Paula Quinteiro debe dimitir por razóns de ética é dicir que convén que deixe de ser deputada por razóns políticas. E aí está a gravidade desta anécdota elevada a paradigma nun bosque de casos escandalosos cara aos que non se mira. Unha facción instalada na dirección de En Marea pretende tirar proveito político inmediato, ou sexa, ocasionar un cambio na correlación de forzas que existe no Grupo Parlamentario. Si, correlación de forzas, non lles temamos ás palabras. Alá onde existe actividade política e social hai correlacións de forzas que constantemente se miden. Esa intención política, coma a contraria, pode ser lexítima; o que carece de lexitimidade é disfrazala no recurso máis ben infantil de acudir a unha ética en abstracto que funciona de maneira bastante sistémica e que dá como resultado a idealización tamén de certo concepto de autoridade. En que medida é autoridade un axente policial e non o é unha deputada? Por que unha deputada só vai ter dereito a exercer en sede parlamentaria? Son dúas preguntas que clarifican as posicións e ideas deste conflito artificial na súa dimensión mediática e orgánica pero interesante e esclarecedor na política.

Non teño dereito a poñer o foco na súa persoa nin a seguir a axenda mediática e de filtracións inserida xusto nun momento en que un Estado de lexitimidade totalitaria pretende cerrar a súa crise de réxime nun retorno a unha fase practicamente policial e de imperio absolutista da coerción

Ao final, a asunción sen rubor do discurso mediático, político e cultural do réxime para acudir a unha idea abstracta de ética e redefinir o labor dunha deputada como medios para alterar certa correlación de forzas incómoda é un percorrido político moi pobre, extraordinariamente conservador. Ou a min mo parece. Pero tampouco sorprende de todo. Non deixa de ser un paso máis no proceso de parasitismo e xibarización do instrumento En Marea, concibido orixinariamente como ferramenta para os espazos de ruptura e en camiño de quedar reducido a un partido de cadros e de réxime. Un proceso protagonizado por grupos de interese común nos que concorren faccións que nos últimos tempos traballaron incansablemente e sen reparos éticos nin políticos, desde diferentes posicións orgánicas, en dinamitar, impedir ou combater todo o que puidese soar a espazo de mestizaxe, confluencia e unidade. É política, ves?, non ética. É a contradición entre a idea de ruptura, de espazos flexibles, móbiles, mestizos, abertos e a idea de redución a partido de cadros clásico articulado territorialmente ao vello modo. Con todo o que iso implica. Tan simple. Aínda que formalmente e nos discursos se apele a outra cousa. Pero ás veces certos discursos estandarizados cumpren en relación coa práctica política a mesma función ca a ética en relación cos intereses: a do ocultamento.

Eu négome a xulgar o que fixo ou deixou de facer Paula Quinteiro nun momento dunha noite da súa vida. Non teño dereito a poñer o foco na súa persoa nin a seguir a axenda mediática e de filtracións inserida xusto nun momento en que un Estado de lexitimidade totalitaria pretende cerrar a súa crise de réxime nun retorno a unha fase practicamente policial e de imperio absolutista da coerción. Nese contexto, as actitudes eclesiásticas de chamada a unha ética abstracta para condenar social e politicamente unha persoa por presuntos comportamentos indecorosos só pode producir unha mestura de sentimento misericordioso e indignación.

Seguirei defendendo o desenvolvemento dun espazo radical, mestizo, confluente, republicano e diverso fronte a toda idea de redución e de normalización sistémica a que o queiran someter. E probablemente iso quererá dicir que seguirei encontrándome aí con Paula Quinteiro

O Estado radicalízase coercitivamente contra os pobos e as clases subalternas. Os espazos de ruptura son inescusables, a única barreira que nos pode protexer desa vaga totalitaria, os lugares nos que nos podemos encontrar todas as persoas que concibamos os dereitos democráticos como obxecto de exercicio e non coma simples enunciados. Non perderemos o tempo, pois, en xulgar unha anécdota nin en discutir sobre a súa natureza con quen defenda un linchamento (simbólico, polo de agora) da persoa a través da súa condición temporal de deputada. A cuestión non pode ser se unha persoa bebeu ou berrou ou internediou ou maldiciu un encontro coa policía ou... Aínda que na guerra cómpre tino e prudencia, pois calquera paso atoutiñante pode facer que estoupe unha mina. Pero non, a cuestión non é debater os argumentos e os detalles dun xuízo moral; trátase só de desprezar e aborrecer o xuízo moral por inaceptable e infame.

Politicamente, seguirei defendendo o desenvolvemento dun espazo radical, mestizo, confluente, republicano e diverso fronte a toda idea de redución e de normalización sistémica a que o queiran someter. E probablemente iso quererá dicir que seguirei encontrándome aí con Paula Quinteiro.

Será un pracer.

Proseguimos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.