Da tecnoloxía, a Renda Básica e a extinción do traballo

Segundo unha concepción determinista da tecnoloxía, non moi distante do animismo, o progreso tecnolóxico está abocado a destruír o traballo. Algúns partidarios da Renda Básica encontran tentador xustificala deste xeito. Pero é un erro. A comezos do XIX as loitas dos ludditas non eran só contra os teares automatizados que deixaban a moitos sen emprego, senón contra algo máis amplo. As fábricas non só diminuían o número de traballadores necesarios para producir certa cantidade de bens, senón que remataban cunha forma de vida e traballo (a das comunidades de tecedores, tan ben descritas por E.P. Thompson) para instaurar outras moi distintas, xa no seu momento criticadas polos Enciclopedistas, dos que Smith tomaba o seu famoso exemplo da fábrica de alfinetes, que máis tarde empregada por Marx para arremeter contra a alienación.

Por suposto, tamén hai quen sostén o contrario, que a tecnoloxía crea máis traballo do que destrúe. Pero volvemos a estar na mesma. En verdade, non existe unha relación intrínseca entre a tecnoloxía e o número de empregos, por canto o traballo como categoría non é algo estable. O que significa e comprende non deixou de transformarse. A tecnoloxía, de por si, nin crea nin destrúe traballo. A decisión de contar como traballo e regular como emprego os labores domésticos, incrementaría en millóns os postos de traballo nun país, sen importar os avances nas tecnoloxías domésticas. En moitos máis millóns crecerían de considerarse e recoñecerse como traballo a produción de contidos e a distribución dos mesmos que realizan os "usuarios" (prosumidores = consumidores + produtores) nas redes sociais e outras empresas de Internet, cuxa actividade non deixa de ser a fonte de riqueza das empresas propietarias (a este respecto, véxanse os textos de Benkler, Terranova, Jenkins e Lazzarato). O devandito recoñecemento tan só nunha empresa como Facebook, cunha capitalización de mercado de 222 miles de millóns de dólares e que emprega a pouco máis de 10.000 traballadores, implicaría a creación de 1.000.000 millóns de postos de traballo ao longo do planeta.

O certo é que non deixamos de reinventar o traballo ao longo do tempo, trasmutando con iso o que significa. Un día, vai non moito, crear marcas e asocialas a mundos simbólicos pasou a considerarse traballo, facendo florecer a industria da mercadotecnia. Máis tarde derivou no acoso ao cliente dende os call centers, e a espionaxe e a apropiación máis ou menos indebida que levan a cabo os cool hunters. (Véxase o artigo de David Graeber sobre a fenomenoloxia dos “bullshit Jobs”). Nos últimos anos, a venda de  clicks, "likes" e "retweets", seguidores e amigos deu lugar a novas empresas, nunha mestura de posta en valor da visibilidade e a autoestima dos seus clientes. Como tamén o fixo a externalización do amor en mans de redes sociais con servizos de coaching asociados, que mercadean legalmente co erotismo, os sentimentos e o encontró sexual, mentres a prostitución segue sen ser recoñecida formalmente como un traballo.

Recentemente, Franco Berardi (Bifo) escribiu: "O Foreign Office, no seu informe do pasado ano, dicía que o 45% dos traballos cos que hoxe a xente se gaña a vida podería desaparecer mañá porque xa non son necesarios. [...] No fannos falta xa todos eses tristes personaxes que queren convencernos de que o emprego e o crecemento se recuperarán pronto. Traballemos menos cunha renda de cidadanía, preocupémonos da saúde, vaiamos ao cine, aprendamos matemáticas e fagamos ese millón de cousas útiles que non son traballo e non teñen necesidade de intercambiarse cun salario. Porque sabedes o que vos digo? O traballo xa non é necesario".

E talvez sexa certo. Todo depende de como sexa conceptualizado. Pero, en calquera caso, o que está en xogo é unha economía vital do valor: Que se valoriza e en que termos? A Renda Básica non debería ser unha resposta ante un hipotético esvaecemento do traballo froito do avance tecnolóxico. Senón un elemento dentro dunha plataforma política que, ante o cambio tecnolóxico, se insira no terreo conflitivo da valorización (salarial ou non). A loita pende sobre o valor, as formas de vida e as súas distintas alternativas para o seu goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.