Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito
Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. "Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito", teño ouvido de veteranas plumas; "Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan", teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; "As editoras publican sempre os mesmos" ou "As institucións pagan as viaxes aos de sempre", e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.
A crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: "Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos"
Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: "Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos", ou "De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano", por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións.
Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade
No entanto, temos que recoñecer que en ocasións os argumentos á hora de valorarmos as obras non son da altura que se require. Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade. Si é certo que estas cuestións poden aparecer nunha argumentación, mais debería ser, creo eu, en segundo plano e xustificando estratexias de maior calado que os meros caprichos do crítico. Porque se non non existirá un criterio digno de tal nome, e nada salvo o criterio propio constitúe a xustificación dunha crítica literaria. Ao mesmo tempo, por exemplo, pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios que, nacendo para normalizar, converten en habitual unha temeraria desviación cultural.
Ao mesmo tempo pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios
Para finalizar, vouvos pór un exemplo do que é ter criterio, se me permitides a vaidade de contar unha anécdota da casa. Recentemente G. F., de doce anos, leu esta obra por prescrición docente: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Despois de terlle dedicado á lectura tan só unha tarde, a súa concisa valoración foi a seguinte: "Gustoume moito, moito. Porque habendo tan poucos personaxes como hai, e tan poucos escenarios, mantivo a acción dunha maneira que non era capaz de parar de ler, nin sequera para ir ao baño. E iso paréceme un mérito moi grande". Como vedes, aquí hai criterio, pois este lector sabe moi ben que as súas preferencias tenden á variedade de personaxes e escenarios; e ademais hai fundamentación técnica, pois explica claramente en que consiste a fórmula do autor e que tipo de éxito logra con esas ferramentas narrativas.