Xosé Ramón Pena publica unha Carta aberta a Dolores Vilavedra en resposta ao texto publicado pola crítica literaria o pasado venes en Praza.
Cara Loli: Permíteme que te nomee dese xeito; evidentemente, podería escoller outras fórmulas -Sra. Vilavedra, Prfra. Vilavedra...-, pero, como queira que nos coñecemos desde hai uns cantos anos, e como queira tamén que son dabondo aqueles que nos coñecen aos dous..., coido que non resultaría crible e, ademais, viría engadir unha ampulosidade inútil a estas liñas.
É verdade que as consideracións que seguen, podería facerchas de forma privada; alén diso, dista de ser costume meu responder publicamente ás criticas acerca do labor que realizo na escrita. Non obstante, creo que as túas palabras, publicadas neste mesmo medio, en relación a Como en Alxeria -ao cabo, simplemente, unha novela e non outra clase de documento -foron moito máis alá de conformaren unha crítica literaria; mellor dito: en ningún momento configuran unha crítica literaria, a non ser, curiosamente no único parágrafo -e que, obviamente, che agradezo- no cal si falas de literatura: "...aínda que certamente acerta moito Pena no xogo de espellos e desdobramentos que subxace na trama". De aí, pois, que escolla, por unha vez, facer pública a miña discrepancia e, xa que logo, tentar argumentala.
"Interésanlle as liortiñas do galeguismo á sociedade galega de arestora?": eis o titular da túa recensión. A resposta semella de Pero Grullo -ou uma lapalissada, que lle din os nosos irmáns da outra beira do Miño-: interesaralles, certamente, se estan ben narradas; e "pasarán" olimpicamente delas se, polo contrario, a habilidade de quen as relate devén nula. Interésanlle á actual sociedade do noso país as angueiras, amores/desamores, que sei eu, de D. García, Napoléon Bonaparte, Vicente Risco... Xosé Ramón Pena, Dolores Vilavedra? Como crítica, ensaísta, historiadora... da literatura, debes percibir a resposta tanto, ou moito mellor, ca min.
"Liortiñas do galeguismo", escribes; que non "debates" ou "controversias": algo que denuncia desde o comezo iso mesmo que logo levas a cabo: nunca a recensión crítica dos méritos/deméritos que haxa en Como en Alxeria, pero si unha valoración (desvaloración) dos méritos/deméritos dos personaxes que circulan polas súas páxinas e das opinións, actitudes, actuacións... que manifestan.
Porque velaí a nai do año, Loli: para nada lles explicas aos lectores se a novela está ben/mal estruturada; se os personaxes parecen cribes/incribles; se a trama devén/non devén resolta... Ti sabes que unha narración -volvo insistir que iso, e non outra cousa, é Como en Alxeria- ha de conter, polo menos, ficción, acción e, sobre todo, tensión da linguaxe. Hai/non hai algo diso nas páxinas que escribín? Como non ignoras, levo moitos anos dirixindo un suplemento de cultura; pois ben, esa é a indicación principal -por non dicir a única- que lles fago aos colaboradores: que expliquen, que argumenten... con base nun criterio semellante. Un criterio, polo demais e nin que dicir ten, do que non son propietario (nin falta fai que che recorde o seu importantísimo "pai"), pero que si comparto na totalidade.
Loli: ti non xulgaches no teu comentario unha novela, senón outras dúas cousas, a saber: a) a (suposta) intencionalidade do texto -tacitamente atribúesme unha opción político-ideolóxica concreta ao escribilo- e b) fas un xuízo de valor sobre os personaxes que nel concorren: personaxes que, por moito que a ti che lembren/deixen de lembrar a outros da vida real, son mero produto do meu maxín. Xa que logo: están ben construídos?; móvense con soltura?; responden á tensión da linguaxe da que falamos?
Ignoro que é o que pasou de veras pola túa cabeza cando comezaches a escribir unhas liñas nas que, dun xeito absolutamente disparatado -desculpa a franqueza- constrúes unha amálgama imposíbel: os recentes resultados electorais, a (suposta) frustración xeracional na que me inclúes e mais o estrago, prexuízo... que Como en Alxeria poida causar na xente nova ("E unha (...) estarrece só de pensar que esta novela poida caer nas mans dese público, porque non hai nada aquí que lle poida interesar"), á cal vexo que intentas "salvar" de calquera posibilidade de "caer no pecado."
En fin; chegados aquí, recapitulo: "Interésanlle as liortiñas do galeguismo á sociedade galega de arestora?" Pois depende de como se narren. Sen acritude: interésanlle as teimas, prexuízos, neuroses... ideolóxicas dunha crítica literaria á sociedade galega de arestora? Como din algúns modelnos, ti mesma!