Datos oficiais da sanidade: cuestionables e cuestionados

Cuestionables e cuestionados. Cada vez que, nos últimos anos, o Sergas ofrece cifras relativas ás listas de espera asistimos a unha nova falsidade, posto que o Servizo Galego de Saúde non contempla os datos non estruturais e, polo tanto, mentres que nas súas cifras se está a reducir o tempo de espera –con listas que só inclúen a un 50% dos pacientes-, a realidade é que a media se sitúa en 234 días e, no caso daquelas persoas que rexeitan acudir a centros privados, en nada máis e nada menos que 269.

A falacia chega a tal extremo que mesmo publicacións científicas de prestixio fanse eco desta circunstancia, como o artigo que  asegura que no Sergas, no caso dalgunhas patoloxías, quintuplícase o tempo de espera sobre a información dada a coñecer pola Xunta.

Pero agora vamos deixar isto a un lado e tomemos como referencia os datos “oficiais”. Pois ben, aínda así sabemos que en Santiago existen 1.002 persoas máis agardando por unha intervención cirúrxica no CHUS, e o 21% dos servizos incrementaron os tempos de espera. No caso das consultas, hai 2,319 pacientes máis agardando, cun incremento do 10% no tempo medio e un 61% de servizos cunha suba. Ademais, un 35% das probas diagnósticas complementarias tamén experimentaron un incremento en tempo de espera e un 30% máis de doentes.

Por todas estas razóns, sumadas a recortes de persoal e medios, o CHUS ten baixado dous postos no listado de centros hospitalarios, situándose no número 31 e por debaixo de Vigo e da Coruña. No caso das especialidades, só Neuroloxía está nos listados das mellores 15, ocupando o número 14. Como quedou demostrado en numerosas ocasións, o problema non se atopa na calidade e profesionalidade do persoal, senón que é consecuencia directa dos recortes levados a cabo de forma salvaxe polos gobernos do Partido Popular.

Precisamente estes recortes en persoal, sumados ao peche de camas en verán, son as principais razóns que provocaron unha saturación nas urxencias este verán. Cando en decembro e xaneiro denunciamos a saturación, dixeron que se trataba dunha epidemia de gripe, pero cal é a epidemia nestes meses? A resposta está ben clara. A epidemia chámase peche de camas, un total de 158 este verán, que de novo constatamos que non tiña explicación ninguna agás a de reducir custes.

E non podemos esquecer os riscos que ten para a saúde un ingreso tardío ou un atraso no inicio dos tratamentos, que mesmo incrementan a mortalidade en ata un 31% sobre aqueles casos nos que a atención se produce en tempo.

Queda claro, pois, que os feitos están por riba das manipulacións. E, cando falamos de saúde e sanidade, non vale todo, sobre todo cando están en xogo as nosas vidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.