De algo hai que morrer

Outubro. Un ano máis nos anega a marea rosa para recordarnos que a normalización do cancro de mama chegou kai tempo para quedar.

Cando eramos pícaros, a chegada da marea adoitaba significar esperanza, a promesa dun bo chapuzón. As mareas non só nos achegan á beira e a un lugar profundo no que mergullarse e chapotear como sinónimo dunha sinxela e normal felicidade. Tamén traen o que flota: ás veces algas, ás veces contaminación, illas enteiras de plástico. A cara negativa da normalización é conformarse co detestable.

"O peor modo de normalizalo é un lugar común que sobrevoa sobre esta marea de concienciación (...) e que non é máis que unha grave confusión: trátase de equiparar prevención con detección precoz"

A marea rosa normaliza moito e todos, coa influencia de medios e personalidades, aceptámola. Normalizamos cando chamamos ao cancro polo seu nome, nin bicho, nin longa enfermidade. Sen apodos nin eufemismos. Nada que obxectar.

Tamén o normalizamos ao aceptar que é unha enfermidade cuxa incidencia non deixa de aumentar porque nos conformamos con que xa non mata tanto nin tan axiña, porque "se colleu a tempo".

E isto si é obxectable. Algo ao que non queremos afacernos. Con todo, o peor modo de normalizalo é un lugar común que sobrevoa sobre esta marea de concienciación que ademais goza de grande eco en redes sociais e que non é máis que unha grave confusión: trátase de equiparar prevención con detección precoz.

A marea deste ano trouxo abundantes artigos e informacións sobre a prevención. Prevención tratada de forma preocupante. Por unha banda, pregóase a prevención como unha responsabilidade do individuo respecto do seu estilo de vida: hábitos alimenticios, pautas para realizar exercicio físico, etc. que, levadas ao paroxismo, non apelan á responsabilidade das persoas, senón que nos colocan fronte ao espello da culpabilidade. Se a responsabilidade da prevención é nosa, nosa será tamén a culpa cando a enfermidade apareza.

Doutra banda, vemos abundante promoción da detección precoz disfrazada de prevención. Non logramos entender o mecanismo mental polo que aceptamos que a autoexploración, a realización de exames periódicos e outro tipo de análises formen parte das estratexias de prevención cando en realidade deberían estar na columna da detección precoz. Non é o mesmo deter o coche antes de accidentarse grazas a un bo sistema de freado, que colisionar a baixa velocidade con secuelas menos graves grazas ao airbag, o cal sen dúbida é mellor que carecer de freos e necesitar cadeira de rodas o resto da vida. A diferenza entre prevención e detección precoz é a que hai entre ter saúde e ter cancro. Os freos, a prevención, evitan o accidente. Un cinto de seguridade, que actúa cando a colisión xa ttivo lugar, evita atravesar o parabrisas aínda que non che libre dunha boa contusión no esternón.

"Vemos abundante promoción da detección precoz disfrazada
de prevención"

Obviamente, o condutor ha pisar o freo para que funcione, de aí a súa responsabilidade. Pero mesmo as autoridades regulan cales son os sistemas mínimos de seguridade que ha ter un vehículo para ser homologado autorizando a súa venda e circulación na vía pública. Ademais de usar os impostos de todos en mellorar as condicións da rede viaria. E estes requisitos non deixan de cambiar coa aparición de novas investigacións e tecnoloxías que co paso dos anos permitiron reducir o número de vítimas mortais por accidentes de circulación e facelo ao mesmo tempo que aumentou o parque móbil (1 2).

En termos de saúde pública e prevención do cancro, non deberían as autoridades sanitarias determinar, por exemplo, que partidas de investigación se destinan a este propósito e como se incorporan a toda a poboación achados do sector privado que doutro xeito só serían accesibles para cidadáns de abultada billeteira como no seu día só foron accesibles para estes os primeiros coches con ABS?

É deliberada esta confusión entre prevención e diagnóstico temperán? Non o sabemos. O que si sabemos é que confundir detección precoz con prevención e facer caer esta na responsabilidade do individuo descarga a quen teñen a obriga de deseñar os plans de saúde pública para reducir a incidencia tanto na aparición de novos casos de cancro como
na súa prevalencia. Reducilas ou polo menos palialas xa que non deixan de incrementarse, tal e como mostran os datos e informes do Observatorio da AECC (3).

"Carecemos dun rexistro nacional de tumores e a estratexia do sistema de saúde sobre cancro non se actualiza desde 2009"

Carecemos dun rexistro nacional de tumores e a estratexia do sistema de saúde sobre cancro non se actualiza desde 2009. Esta cara da normalización non fai que nos resignemos quen loitamos desde distintas frontes contra o cancro e as súas nefastas consecuencias médicas e sociolaborais.

Non nos resignamos a enfermar nin a normalizar a enfermidade como quen se afai a ver o coche manchado por excremento de gaviota de cando en vez porque vive na costa, preto de onde viven as mareas. En breve comezará unha nova campaña electoral, outra. Permanezan atentos ás súas pantallas e computen canto do que demandamos pacientes, familiares e activistas se desenvolverá desde os púlpitos de mítins e debates.

Outubro terá rematado cando comece a campaña. A marea retirouse e no que foi unha beira próxima só quedará a area encharcada . De Cancro de conformismo?

 

Luismi Garabal e Beatriz Figueroa, avogada activista polos dereitos socioeconómicos e laborais dos enfermos de cancro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.