De cando Rosalía era pequeniña e viu un rato que lle falaba á lúa

Hoxe gostaba de lles dar aviso de dous proxectos editoriais practicamente simultáneos que coinciden nesa entusiasta arela de alimentar os soños da infancia a través da música e a palabra, unidas ambas nunha simbiose que resulta, cando hai oficio e entusiasmo a mancheas, un fermoso galano para aquelas familias que persisten nesa teima marabillosa de compartiren versos e voces que nos devolven o sorriso ao rostro.

Hoxe gostaba de lles dar aviso de dous proxectos editoriais practicamente simultáneos que coinciden nesa entusiasta arela de alimentar os soños da infancia a través da música e a palabra

O primeiro deles leva por título Rosalía pequeniña, editado por Galaxia; un libro-disco onde a cálida voz de Uxía Senlle, acompañada nesta xeira por músicos como Sérgio Tannus ou Santi Cribeiro, recrea algúns dos textos de Cantares gallegos con saborosos ritmos e melodías, vestindo con renovadas cores algunhas das composicións máis afamadas de Rosalía de Castro (e tamén a elexía que Curros Enríquez lle adicara á poeta do Sar). Toda unha demostración afectiva de talento creativo, multiplicada polas ilustracións de Marina Seoane e o acaído prólogo de Begoña Caamaño. Unha alfaia sonora que nos vindeiros meses vai estar de xira por todo o país, apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha sucesión de concertos que adquiren pleno sentido neste aniversario rosalián.

O segundo vén sendo a antoloxía poética Un rato díxolle á lúa, editada por Xerais, na que Fran Alonso escolma con acerto as mellores esencias da obra poética de Antonio García Teijeiro adicada a nenas e nenos. Unha caixa dos tesouros que pon en evidencia o compromiso vital de García Teijeiro coa creación de textos poéticos para públicos de todas as idades, sen renunciar nunca ao espírito lúdico, á paixón musical, á brincadeira da imaxe, á denuncia da inxustiza. Unha poesía xunguida desde a cerna á sonoridade e ao ritmo, tanto nos moldes métricos como nos motivos temáticos, e que rende sentida homenaxe ás mellores voces da lírica universal, desde as campás de Bastavales ata os acordes de guitarra de Bob Dylan. E tamén neste caso, como prendas de amizade, gozamos das ilustracións de Xosé Cobas e da voz fonda de Paco Ibáñez a recitar na nosa lingua O vento dorme / nun dos piñeiros, / lume na noite, / lume nos beizos.

Cativo favor lles faremos ás crianzas do século XXI se lles ateigamos o cuarto de trebellos tecnolóxicos ao mesmo tempo que lles baleiramos o corazón de versos nos que os ratos soñan coa lúa

Ambos os dous proxectos, tan agarimosos como suxestivos, poñen de manifesto unha vez máis o talento creativo que se agocha nese caixón de cores diversas que denominamos literatura infantil e xuvenil, e que, nos últimos vinte e cinco anos, vén dando mostras dun pulo imaxinativo que merece, máis que nunca, o apoio explícito da sociedade galega. Pois cativo favor lles faremos ás crianzas do século XXI se lles ateigamos o cuarto de trebellos tecnolóxicos ao mesmo tempo que lles baleiramos o corazón de versos nos que os ratos soñan coa lúa ou de meniñas gaiteiras que, ao cantaren, afogan as penas.

Daquela, non permitan esmorecer estes libros no andel dunha libraría, e deixen que as súas fillas e fillos se acheguen a eles como a unha horta onde agroman as palabras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.