De Cangas a Vigo pasando por un mesmo

Había días que Aldara non saía ó xardín, mais hoxe había algo que a invitaba a facelo. Tras entreterse uns segundos prendendo un cigarro os seus ollos foron dar ó catamarán que estaba a piques de saír do peirao de Cangas. O sol estaba preto de desaparecer tralo Monte de San Roque pero aínda gardaba folgos suficientes como para proxectar unha longa estela de luz que se estendía ó longo da praia de Rodeira e desembocaba na area, agora ocupada por un grupo de gaivotas.

Aldara mantiña a vista fixa no barco que xa soltara amarras deixando ás súas costas a estación marítima. De súpeto unha imaxe do pasado emerxeu do subconsciente e sorprendeuna cal compaña inesperada. Unha rapaza inqueda e curiosa sorría situada na proa do barco, sinalando divertida a un e outro lado ó tempo que a súa avoa peiteaba con delicadeza os seu cabelos loiros. Case non se recoñecía naquela Aldara alegre, curiosa, de amplo sorriso que se alimentaba de ilusión e soños. Os vinte minutos que o catamarán precisaba para cruzar a ría eran unha oportunidade inmellorable para deixarse levar pola fantasía. Nunca había dúas viaxes iguais. Ás veces xogaba a converterse en serea e explorar aquelas augas dende San Simón ata as Cíes para atopar os restos de galeóns, buques e submarinos que naufragaran naquelas augas séculos atrás e que permanecían case esquecidos agardando que alguén os atopase e, dalgún xeito, os escoitase. Noutras ocasións soñaba con converterse en golfiño, coma os que soía ver dende a praia de Melide, e integrarse nunha daquelas mandas para bordear Punta Robaleira, percorrer a costa da vela e chegar ata o Monte do Facho. Unha vez alí a imaxinación invitábaa a sumerxirse na procura de torques, espadas e embarcacións afundidas na época dos poboados castrexos e de cando en vez daba en emerxer á superficie para contemplar aquel castro aínda salpicado pola maxia das lendas, batallas e ritos dos que fora testigo milenios atrás.

O catamarán estaba a piques de chegar a Vigo e aquela rapaza deixaba por un intre de mirar ó horizonte para voltarse e dirixirse á Aldara adulta, mirada fixa e atenta, que a observaba sen mover un só músculo. Unha pregunta parecía xurdir daquel ollar intenso no que agora a tristeza parecía facer acto de presenza: ¿cando deixaches de soñar? Ata o son do bater das ondas parecía enmudecer por un instante coma quen se retira para non entorpecer nun momento clave. Aquel silencio traía canda si unha imaxe nítida do discorrer da vida de Aldara durante os últimos anos. Traballo, casa, logros académicos e demais trofeos percorrían agora a mente dunha Aldara adulta que por primeira vez vía todo aquilo como algo alleo, algo co que non se identificaba. Cada unha daquelas metas impostas afastárana un pouco máis da rapaza que un día foi. Quizais por iso ésta voltara hoxe ó presente nun intento de lembrarlle que aínda estaba a tempo de coller o timón da súa vida e deixar de ser espectadora daquel filme monótono no que ésta se convertera. Aquela brisa fría de nordés parecía agudizar aínda máis o seu pensamento e, por primeira vez en moito tempo, comprometeuse a non traizoar de novo a aquela rapaza que agardaba volver sorrir. Agora tocaba escoitar menos o que os demais agardaban dela e confiar de novo na súa intuición. Por iso pensou que estaría ben comezar por unha fermosa viaxe en barco que sen dúbida marcaría o inicio dun novo camiño que ela e soamente ela debía descubrir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.