De Cardiff a Bos Aires

Supoño que ese artigo vai como unha carta de amor, e non despedida, ao agrupamento que tiven a honra de liderar dende o 2009 ata o xoves pasado. Refírome á Asociación Internacional de Estudos Galegos, único colectivo científico de rango global que reúne baixo un só nome o corpos de toda análise sobre a realidade galega, pasada e presente.

Celebramos unha Asemblea Xeral na que falamos do futuro e de mercar unha ida que en realidade non deixa de ser volta para Bos Aires en 2015

Celebramos uns 120 conferenciantes o X congreso da AIEG en Cardiff, capital galesa, sendo de 11 países e 4 continentes distintos. Celebramos plenarias, sesións, paneis e presentacións de libros. Celebramos unha reunión emotiva na Asemblea Galesa, na que nos falou a deputada Bethan Jenkins da súa arela de coñecer Galicia algún día, e onde ao son da música de Mano Panforreteiro bailou o Presidente saínte coa Vicepresidenta do Consello de Cultura.

E para rematar, The Homens: Live in Cardiff: así hai que dar peche a un congreso!

Celebramos unha Asemblea Xeral na que falamos do futuro e de mercar unha ida que en realidade non deixa de ser volta para Bos Aires en 2015. Despois, unha cea galesa de degustación, con sobremesa musical ao son de Isaac Xubín e voz de Chus Pato. Celebramos un emotivo recital de arpa por Amanda Whiting, quen fixo mollar os ollos de moitos co seu tecido musical de sons galeses, irlandeses e galegos. E para rematar, The Homens: Live in Cardiff: así hai que dar peche a un congreso! E todo iso, a pesar dunha crise global e as negativas políticas culturais e sociolingüísticas en Galicia que correron paralelas a nosa xestión. Todo iso foi pagado en gran parte polos propios socios e conferenciantes: si podemos, e si cumprimos. E por algo esa AIEG apartidaria tivo que implicarse dunha maneira máis directa na vida cívica galega.

Se cadra o máis conmovedor foi ver a tantos estudosos novos reunidos en outro recuncho do atlántico, cada un e unha marcando o seu compromiso co campo de estudo e aportando tanto á vida do congreso e da AIEG. Ou coñecer por fin e en persoa a vogal que tanto traballou na nosa directiva, Débora Campos, profesora de Ciencias de Comunicación na Universidade de Bos Aires, e nova presidenta da AIEG. Parabéns, ruliña, e verémonos en Bos Aires cando “volva”.  Un bo congreso xera boas anécdotas, e esas foron unhas delas. Con todo, a mellor aínda agarda o seu remate.

Se cadra o máis conmovedor foi ver a tantos estudosos novos reunidos en outro recuncho do atlántico, cada un e unha marcando o seu compromiso co campo de estudo e aportando tanto á vida do congreso e da AIEG

Durante o primeiro día, achegóuseme un home, parella dunha conferenciante, preguntándome se sabía como chegar ao cemiterio de Cardiff. Díxenlle eu que había varios. Perplexo, contoume que buscaba a tumba do avó dun amigo. Morreu hai cincuenta anos aquí, dixo, e foi mariñeiro que chegou aquí embarcado. Os parentes hoxe querían algunha foto, algunha novidade… Pasoume os apelidos e chamamos ao Concello de Cardiff. Xurdiron pistas: 1944, e datos, co-ordinatas dunha tumba colectiva no cemiterio de Heath Park. O home marchou todo ilusionado, mapa en man, e quedamos en que me contase a conclusión da historia. Se cadra ma conta en Bos Aires…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.