De dominacións e fracasos

Sen demasiadas excepcións que a pensaran, Europa ten dedicado máis tempo problematizar as súas vulnerabilidades e insuficiencias que a emendalas. O que non é necesariamente mau. Hai quen xa fala do Notre 11S. Un desafío. Haberá un antes e un despois. Nen Francia nen Europa poderán facer como se nada tiver acontecido, afírmase, logo do asasinato a sangue frío dos máis sobranceiros representantes da grande tradición de debuxo satírico e de pensamento crítico do xornalismo francés. Entras acontecía iso en París, no Iemen un carro bomba atribuída a Al-Qaeda estoupaba diante dunha academia de policía matando 37 persoas. Reparemos nas reaccións: tratándose do Charlie Hebdo, en seguida deuse por evidente que os autores da matanza eran fanáticos islámicos e non extremistas xudeus ou cristiáns. Hollande comparecía co conselleiro de comunicación e Sarkozy aparecía falando como se fose o presidente da República, coa bandeira francesa e europea de fondo e sen a insignia de UMP (Union pour un Mouvement Populaire).

Os extremistas musulmáns optan por matar en nome de Deus, o que conduciría a facernos unha pregunta: hai aspectos no islam que leven indefectiblemente á violencia, ao submetimento das mulleres ou ao terrorismo? Quen quixer pescudar atopará argumentos en III.110, IV.91, VIII.7, IV.34, XVI.58. Poucas luces atoparán alí. E o mesmo poderiamos facer coa segunda parte da Biblia cristiá e cos libros da Torá. Tamén sería reducionista facermos dos irmáns Kouachi representantes dun feito relixioso complexo e diverso. De feito, son os musulmáns os principais afectados (dos habaistas até os iaziditas, pasando polos cristiáns e ahmadi e outras minorías). Pode a relixión levar ás persoas a facer algo máis?   Se hai algo inherentemente fundamentalista  é a relixión sen Iluminismo. Certo é que quen mata ben podería non ter matado, mas nestes eidos sabemos ben o que custou amansar o cristianismo. O problema non é a inmigración, mas o monoteísmo cando se fai política e sae do escenario íntimo. E non só a relixión, todo aquilo que nos ancora ao prexuízo. Como todo o que é inefábel e hai que calar porque non se pode discutir.

A ferida narcisista do 11S serviulle aos fundamentalistas republicanos dos EUA para defenderen exactamente o contrario a Voltaire e as revolucións americana e francesa, berce dos dereitos humanos. Porque hai moito no atentado ao Charlie Hebdo de xeopolítica: da independencia de Alxeria, da absurda guerra de Iraque e do apodrecemento do conflito sirio instigado pola CIA e o Mossad e as monarquías reaccionarias do Golfo, do seu financiamento occidental e da administración de doutrina relixiosa. Os outros fundamentalistas - a extrema dereita lepeniana- tiñan a leira estercada.

A miúdo o apelo á seguridade sirve para lexitimar calquera caste de idea, mesmo aquelas que afirmándose fillas do Iluminismo non son máis do que ideas liberticidas nas que entre outros funestos repartos, as poboacións contan pouco ou nada. Porque a maior proba da liberdade de expresión aínda segue a derivar de quen se atreve coas relixións de toda caste, nun intre no que o máis estendido non é o laicismo mas a crenza xeneralizada en calquera leria que no mercado político-espiritual haxa. Incluídas as receitas dogmáticas que non aceptan que Dióxenes lles siga a mexar no adro da igrexa ou na soleira de Wall Street. Deféndese o dereito de prensa cando o que se está a valer con devoción apoloxética é a propia concepción do mundo. Non hai que ir moi lonxe, abonda poñer en causa versículos, constitucións, realezas, feitos milagreiros, calquera experiencia hierofánica ou calquera outra profecía pouco razonante, para xerarmos unha boa récola de ofendidos nun país que seica se di laico e "secular". Non hai moito no catolicisímo entorno da escola pública máis próxima souben dun adolescente empurrado e insultado polos seus compañeiros logo de ter afirmado que non acreditaba en deus. Como se ceba esa arrogancia dominadora tornada lei para os demais?

A violencia jihadista é funesta fóra de Europa, unha evidencia verificábel dada a súa concentración xeográfica. Mais derivar en nome do respecto das crenzas e da seguridade unha coartada para recortar dereitos e liberdades aproveitando o medo pos-atentado terrorista, non deixa de mostrar o fracaso do proxecto liberal europeo: que a precarización ache na tentación jihadista un xeito de consolo e recoñecemento. Sería doado irmos debullando perfís relixiosos até a caricatura e obviarmos, por exemplo, que non hai moito na antiga Iugoslavia os fanáticos cristiáns cargaran metodicamente contra os musulmáns. A violencia contra as mulleres, e en particular nos casos en que as vítimas son asasinadas en nome da "honra da familia", están cada vez mais retratados como un fenómeno xeneralizado musulmán, embora estudos ben informados, como un realizado pola Comisión das Nacións Unidas sobre os Dereitos Humanos, teña relatado que tais crimes son transculturais.

Barómetro. Invariablemente, o tema do islam pode contribuír para a consolidación de medos sociais dispares e de traumas,  nun imaxinario xenocida que o mainstream político non fai máis que cultivar fabricando a fantasía ideolóxica da ameaza do islam como un todo homoxéneo entanto xiítas e sunnitas fan a guerra e mentres os talibáns representan unha pola do islam, a Nobel da paz Yousafzai, representa a contraria. Segundo un inquérito de The Guardian, poboación musulmá en Francia é o 8% entanto a cidadanía pensa que é do 31%. Sen evidencia que o demostre, o risco de que o malestar social soterrado agrome en forma de islamofobia é grande se continua a manterse esa percepción ao nesgo. Porque a exclusión ten adoptado diversas formas de manifestación fráxil que permiten deducir que máis alá do campo de fútbol e da cancha de baloncesto, hai individuos excluídos do cerne das sociedades francesa e europea.

Nese devalo, o concepto de cidadanía a través da educación tense perdido a favor do illamento social ao que se quere combater co único alicerce do dereito penal. Lembremos que en 2005 falaba a “banlieu” de París, case toda ela de orixe alxeriana. Parábase o ascensor social na terra da igualdade. Alén Pireneos teñen moi claro que cando se fala de diversité fálase dos outros. Árabes e negros tamén o teñen moi claro, a diversidade son eles. Nos disturbios dos arrabaldes, os fillos dos inmigrantes educados autodenominábanse indigenat para denunciar a exclusión de cidadanía, recuando á situación dos seus avós emigrantes.

Hogano, en Europa podemos imaxinar un cristianismo progresista, unha relixión de paz no nome da cal non hai tanto tamén se mataba. E gostamos de imaxinar un islamismo homologábel ao cristianismo aparentemente ausente mas que segue a axir, seguindo aos críticos pos-coloniais como o "albo" das relixións (o grao cero da normalidade, da "verdadeira" relixión en relación á cal todas as outras relixións son distorsións ou variacións).

Porén, todas as vulgatas e suras xustifican o inxustificábel malia os credos moderados e tolerantes da corrección política. Velaquí un dos vértices do problema civilizatorio. En algún momento, haberá que tomar a serio que se nos presenten o neoliberalismo como horizonte insuperábel  e a promesa absoluta que fornece a relixión monoteísta como todo aquilo que non é susceptíbel de ser discutido nin submetido a verificación.

Lémbranos Žižek que mesmo no caso de movementos claramente fundamentalistas, débese ter coidado para non perder a súa compoñente social. As forzas feudais no Paquistán son o "aliado natural" da democracia liberal entanto os talibáns eran presentados polo New York Times na primavera de 2009, cando ocuparon o val de Swat no Paquistán, como "unha revolta de clase que explora as profundas fendas entre un pequeno grupo de ricos latifundarios e os seus arrendatarios sen-terra". Sabido é que os liberais occidentais adoitan “preocuparse” cando nos países musulmáns a xente se revolta en nome da liberdade e a xustiza e non en nome de deus. Pesar diso, ao liberalismo eurocentrista abóndalle dicir que o responsable é o estado islámico entanto o populismo fundamentalista ocupa o baleiro dunha Europa dogmaticamente neoliberal  que se nos presenta como un feito político-administrativo consumado. Porque focalizar entón o problema sobre ese bode expiatorio e non sobre a decadencia civilizatoria de Francia e de Europa, sobre o baño de sangue alxerino, a guerra en Malí ou o fundamento das intervencións militares neocoloniais en nome dos dereitos humanos? Porque non pensalo en termos do papel das relixións monoteístas nas sociedades chamadas “seculares”? Ao cabo, os responsables que dispararon os kalasnikov teñen nomes e apelidos alxerinos e cidadanía europea. De onde é que vén esa pulsión de morte de un mesmo e dos outros?  Da falta de laicidade realmente presente, que non é outra cousa que a posibilidade de cuestionar os preconceitos dos outros. Aquí política e relixión amosan a súa raiceira común porque o preconceito fai pobo e define o que non se acae a ele até reducilo a estraño, a estranxeiro.

A diferencia das vítimas do 11S, os doce mortos do atentado contra o anticlerical Charlie Hebdo sabían que podía acontecer. Reparemos no premonitorio e derradeiro cadriño de Charb: “Sen atentados en Francia”. “Agardade. Aínda temos tempo até final de xaneiro para felicitarvos o ano”, retruca un home armado. Trátase dunha tradición satírica única que o caricaturista Willem de 'Charlie Hebdo -que o día do atentado non estaba na redacción- reflectía mais unha vez:”os novos amigos” que lle saíron á revisa “fan vomitar.” “Temos unha morea de novos amigos como o papa, a raíña Isabel e Putin. Para escachar cosa risa”.

Para expresar a dor abondaban os cidadáns na rúa. Non deberíamos ficar tan fascinados cos momentos sublimes de unión. Incomódame a foto dos presidentes en París. Mostra o cínico pragmatismo dos dirixentes e a simplificación do problema. Que acontecerá mañá? Mudará algunha cousa en Palestina? Seguirán a marxinalizar a esquerda secular e o seu potencial emancipatorio na Tunisia e no Exipto?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.