De Frankenstein a Vox

Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal CC-BY-SA

Cando a dereita política e mediática puxo en circulación os termos "goberno Frankenstein" e/ou "maioría parlamentaria Frankenstein", algúns voceiros e opinadores creron ter atopado unha ferramenta retórica de grande utilidade para a batalla publicitaria

Cando a dereita política e mediática puxo en circulación os termos "goberno Frankenstein" e/ou "maioría parlamentaria Frankenstein", algúns voceiros e opinadores creron ter atopado unha ferramenta retórica de grande utilidade para a batalla publicitaria. Inspirándose na expresión inventada no seu momento por Alfredo Pérez Rubalcaba, quixeron suliñar a suposta anomalía do sistema de alianzas xurdido a partir dos resultados rexistrados nas dúas consultas celebradas no ano 2019 para establecer unha conclusión relevante: a falta de lexitimidade do goberno constituído con semellantes apoios políticos nas Cortes Xerais do Estado.

Se tiveramos que describir, mediante un recurso metafórico breve, o sucedido nos últimos días no goberno de Castela e León a propósito das medidas anunciadas para limitar o exercicio do dereito ao aborto polas mulleres daquela Comunidade poderíamos recorrer aos exemplos de surrealismo que ofrece a filmografía dos irmáns Marx. A imaxe do vicepresidente de Vox informando da aprobación dun protocolo -en presenza do membro do PP que desempeña o labor de voceiro gobernamental- e o posterior desmentido "en diferido" do presidente da Junta, fíxonos lembrar algunhas escenas inesquecíbeis de Groucho Marx aínda que carentes da calidade interpretativa daqueles xenios do humor.

Os mesmos que utilizaron reiteradamente a metáfora de Rubalcaba para cuestionar a solvencia e a lexitimidade do goberno do Estado non foron quen de asegurar a gobernabilidade do que tiñan entre as súas propias mans.

Cando se constituíu o goberno de coalición entre PSOE e UP houbo moitas análises realizadas dende o universo da dereita que cuestionaban a viabilidade dunha experiencia que, ademais da xestión da propia heteroxeneidade dos idearios das forzas asociadas, requiría un continuado acordo con outras formacións parlamentarias que tiñan posibilitado a investidura de Pedro Sánchez. Cando se certificou a existencia da pandemia da COVID e, mais recentemente, estoupou o grave conflito derivado da intervención de Putin en Ucraína, medraron as dúbidas sobre a capacidade da equipa gobernamental para facer fronte a semellantes desafíos. No mesmo espazo temporal -os últimos tres anos- rexistráronse dúas crises significativas no ámbito da política institucional: a ruptura dos bipartitos do PP con Cidadans na Comunidade de Madrid e na de Castela e León, coa conseguinte convocatoria electoral anticipada. Se a iso engadimos a non aprobación dos orzamentos na Asemblea e no concello de Madrid por mor dos desacordos entre Vox e o PP, a conclusión resulta evidente: os mesmos que utilizaron reiteradamente a metáfora de Rubalcaba para cuestionar a solvencia e a lexitimidade do goberno do Estado non foron quen de asegurar a gobernabilidade do que tiñan entre as súas propias mans.

Alberto Núñez Feijoo busca dous obxectivos pouco compatíbeis: seducir a unha parte do electorado socialista mediante unha apelación á imaxe creada polo seu pasado recente como presidente da Xunta e, ao mesmo tempo, non descartar unha futura coalición con Vox para captar unha parte dos seus votantes

Os apoios mediáticos do PP manteñen unha continuada campaña de amplificación de todas as diferenzas -sexan mais ou menos importantes- entre as forzas que conforman a actual maioría do Congreso dos Deputados para demostrar a suposta anomalía democrática na que estamos instalados dende xaneiro de 2020. Ao mesmo tempo, minusvaloran os enfrontamentos entre o PP e Vox para non arruinar as expectativas dunha futura coalición entre ambas forzas que permita o acceso de Feijoo á Moncloa. Con ese propósito, afirmaron que a recente concentración celebrada na praza madrileña de Cibeles foi unha mobilización de "constitucionalistas" para defender o sistema democrático fronte ás ameazas de Pedro Sánchez e os seus aliados. Por suposto, Abascal forma parte dese singular club mediático no que se reserva o dereito de admisión para todos aqueles grupos políticos que cometeron o pecado orixinal de permitir o nacemento do actual goberno de coalición.

Na súa carreira política, Feijoo non pode acreditar experiencia na dirección de executivos de coalición. Nunca tivo que repartir o poder, agás coa familia Baltar. Tal vez por iso, en moitas ocasións, emite sinais de que padece un notábel desacougo ante a perspectiva de compartir as cadeiras gobernamentais coa tropa de Abascal

Alberto Núñez Feijoo busca dous obxectivos pouco compatíbeis: seducir a unha parte do electorado socialista mediante unha apelación á imaxe creada polo seu pasado recente como presidente da Xunta e, ao mesmo tempo, non descartar unha futura coalición con Vox para captar unha parte dos seus votantes. Sabe que as maiorías absolutas que acadou no territorio galego non van existir nas vindeiras citas electorais e tampouco descoñece que pactar coa ultradereita significa aceitar a colaboración con quen rexeita a lexislación sobre o aborto, sobre a violencia de xénero e promove campañas de odio contra os inmigrantes. Por non falar da súa proclamada intención de ilegalizar ás formacións nacionalistas de Euskadi, Cataluña e Galiza.

Na súa carreira política, Feijoo non pode acreditar experiencia na dirección de executivos de coalición. Nunca tivo que repartir o poder, agás coa familia Baltar. Tal vez por iso, en moitas ocasións, emite sinais de que padece un notábel desacougo ante a perspectiva de compartir as cadeiras gobernamentais coa tropa de Abascal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.