De guerra en guerra

© Toño Núñez

Érase unha vez… Si, hai moitos anos, centos de miles, apareceu un novo ser vivo nesta leira cósmica chamada Terra. Un ser especial: cranio desenvolto, bípede, polgar opoñible, social… e dotado de intelixencia! Co tempo, adquiriu a linguaxe; primeiro oral, despois, a escrita. Pura maxia. Mais… viña con algún defecto que outro de serie… Traía consigo unha enorme carga ás costas: o egoísmo, que, en grao estremo, podía evolucionar a odio. E, por riba, outra característica inherente á natureza mesma: a diversidade. Algúns destes seres vivos eran fortes, outros, débiles; algúns posuían a capacidade da intelixencia moi desenvolvida, outros, non tanto. Despois de varios chanzos e nomes previos, acordouse chamarlle a este ser Homo sapiens, nome egoísta abondo, pois ignoraba a metade da especie. Froito desa intelixencia, desa forza e dese egoísmo, dende moi cedo, deu en crerse o amo do mundo, o que, quizais, o levará á autodestrución. Algo así como “morrer de éxito”, vaia. Mirando cara a atrás, con mirada fonda, non é difícil ver a fotografía: o Homo sapiens aquel axiña deu en empregar a forza bruta para conseguir o mellor bocado, o mellor lugar onde descansar, a mellor femia para satisfacerse e reproducirse… 

Correron os séculos… O sedentarismo, o troco, os intercambios comerciais, a propiedade privada… A acumulación de saberes foi medrando. Daquela, a intelixencia e a estratexia acadaron un valor determinante no exercicio dese egoísmo, na acumulación de posesións e de poder. Así, os conflitos, inicialmente primarios e resoltos fundamentalmente pola vía da forza, deron en medrar e en facérense máis e máis sofisticados. De conflitos individuais, logo evolucionarían a sociais: tribais, comunais, nacionais, internacionais, planetarios; de momento, dos interplanetarios e galácticos só sabemos a través da literatura, do cine, da música... Aqueles primeiros conflitos medraron tanto, cuantitativa e cualitativamente, que a historia da humanidade escríbese, en gran medida, a través da historia dos mesmos. Si, porque ata aquí fomos chegando… de guerra en guerra.

Efectos da guerra en Ucraína CC-BY-SA State Emergency Service of Ukraine

Pero, que son as guerras? Eu diría que, nin máis nin menos, a froita do egoísmo. E do seu fillo: o odio. A maioría das guerras xorden desa teima humana de acumular bens materiais e poder, de posuír e dominar. Velaquí as conquistas de territorios e das súas riquezas, onde a máxima expresión foron os imperios, e a conseguinte defensa dos mesmos. Algunhas veces, a orixe do conflito aínda é máis complexa: a convicción de que uns individuos da raza humana e as súas crenzas son superiores a outros. Moitas veces, ambas premisas xúntanse na raíz dos conflitos. E chove sobre mollado. Seguramente, e para variar, mesmo se terá iniciado algunha guerra por amor. Ou por desamor.

Durante miles de anos, as guerras acostumaban rematar cunha parte vencedora e outra vencida; case nunca de todo, o que acostumou dar orixe a novas guerras. Outras veces, as guerras remataron por esgotamento das partes, o que deu lugar a solucións negociadas, non sempre definitivas. Certamente, o ser racional interesado é tan absurdo, tan irracional, que foi quen de inventar as guerras e, ata o momento, despois de centos de miles de anos de civilización, incapaz de atopar outra forma de resolución de conflitos máis racional. Imaxínense que Rusia e Ucraína, dentro de 3 días, 2 semanas, 1 mes… cansas de destruírense e de matárense, acordan o cese da guerra. Para que terían servido o sufrimento, os miles de mortos e a destrución que se tivesen producido ata ese momento? Para pouco máis ca para enriquecer os fabricantes de armas, os especuladores que acumulan materias primas que escasean e os xestores e executores que se encarguen da reconstrución dos lugares afectados. Así aconteceu tantas veces ó longo da historia: inicio da guerra, sufrimento, morte e destrución ata a extenuación e, finalmente, volta ó punto de partida. Irracional!

Outra incongruencia das guerras, polo menos das modernas, é que quen as promove e declara nunca participa na fronte; quizais, se así fose, outro galo cantaría. Por riba, na maioría das guerras, sobre todos nas civís, moitos soldados vense obrigados a matar ou morrer en contra da súa vontade. Cantos soldados rusos que Putin mandou á guerra estarán loitando por obriga? Se triste é loitar por defender o teu país, non o é menos facelo por obriga. Que triste! Rusia e Ucraína non son nacións alleas, pois ata antonte vivían emparentadas. Os vínculos socias e familiares converten esta guerra nunha, case, guerra civil. Ai, o ser racional…

Na aldea global que hoxe é o planeta Terra, calquera conflito local pode evolucionar a internacional e, tal vez, mundial. Putin sábeo e non creo que lle importe. Porque é un Homo sapiens egoísta e ambicioso en grao superlativo, egoísmo e ambición que o levaron a aniñar soños neoimperialistas, algo que parecía que pasara de moda, que quedara superado pola historia. Toda persoa que se perpetúa no poder dun país facendo uso de trampas ilegais, ou “legais”, corre o risco de tolear e de chegar a crerse un deus. Tanto as persoas que comezaron os seus mandatos con principios de esquerdas como de dereitas, en canto se perpetúan, rematan no mesmo punto: sendo ditadores sen principios nos que o único obxectivo é ese: manter o trono e acumular poder. É o caso de Putin.

Como parar a Putin? Escoito a analistas políticos dar solucións de todo tipo. Dicir é fácil, facer… Como é sabido, esta guerra non parte de cero. Como é sabido, Europa e os EE UU non dormen coa conciencia tranquila. Como é sabido, o señor Volodímir Zelenski é moi bo actor. Como é sabido, en Ucraína, da independencia para acó, tampouco todo foi xogo limpo; feito que utiliza agora Putin para xustificarse… Como é sabido, nas guerras hai máis hipocrisía ca bombas. Rexeitamos a guerra pero fabricamos e vendemos ferramentas bélicas. Sancionamos a Rusia pero abrazamos a Israel; mentres, no Sáhara, miramos para outro lado… Non imos á guerra, que mancha, pero mandamos armamento. Sancionamos a Rusia, pero de maneira parcial; non vaia ser que pasemos fame ou frío… Como parar a Putin? Un, antimilitarista convencido, debátese agora consigo mesmo diante desta animalada do ególatra Vladímir Putin, que non de Rusia; porque Rusia non é Putin. Como parar a Putin? Confeso que non o sei.

O que si sei é que, mentres o Homo sapiens non se desprenda do egoísmo, a historia da humanidade seguirá escribíndose de guerra en guerra. Porque o ser humano é tan egoísta, que nin por egoísmo é capaz de deixar de facer a guerra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.