De Inespal a Alcoa e de alí a Nissan

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo

Os posibles peches de factorías coma a de Nissan en Cataluña e a de Alcoa na Mariña non son unha novidade no panorama industrial do Estado español. Nin sequera no europeo, e tampouco no galego, que ademais presenta o valor engadido de todas as súas particularidades de precariedade e dependencia.

Se o capital necesita beneficios, traslada, pecha, deslocaliza e listo. Uns acumulando e outros desangrando

Desde aqueles episodios do que dera en chamarse “reconversión industrial” e pouco máis ou menos era un desmantelamento organizado a fin de que as corporacións reconstruísen os seus beneficios e o seu dominio, os peches e deslocalizacións de empresas pasaron a ser para coma os toxos para o monte: unha parte inevitable e espontánea da paisaxe. Se o capital necesita beneficios, traslada, pecha, deslocaliza e listo, e dado que o mercado se autorregula e ninguén ten dereito a intervir nos seus designios nin nas súas dinámicas, mala sorte cando iso sucede, resignación, despedimentos e destrución salarial, creba de dereitos e conquistas, e a seguir. Uns acumulando e outros desangrando. 

Postos nese contexto, os posibles peches de Alcoa e Nissan expresan unha realidade intratable que se move á marxe e máis alá da capacidade e da determinación de actuar de gobernos, Estados e traballadores, non xa para deteren eses procesos, senón mesmo para os paliaren. Dis que son irreversibles. Capital manda.

Pero son tan irreversibles, en realidade, coma a propia lóxica do capitalismo. Ou sexa, nada. Neste caso só se trata da ilusión xeneralizada de que unha empresa que non xera un nivel de lucro determinado para os seus accionistas non é rendible. É non é para eles, iso debe ser verdade, mais talvez si para o conxunto da sociedade, principalmente para a maioría da poboación que vive de vender a súa forza de traballo de moi diversas maneiras e por tanto en constante precariedade. Esa lóxica irracional, valla o oxímoro en tempos de oxímoro epidémico, é tan asfixiante como eficaz para xustificar todos os procesos de desmantelamento do público e de entrega do común a mans privadas. Paga a pena preguntar en cas Aznar por Inespal e a venda a Alcoa, por se en cas Feijóo sobrevén a amnesia de tempo electoral, como parece.

Poida que Alcoa e Nissan non teñan moito remedio dentro da lóxica do mercado e do capital. Pero igual teñen outros remedios

Máis alá da miseria da representación, o problema nestes casos ten moito que ver coa necesidade de desenfocar de vez ese concepto perverso de rendibilidade e de socializar a idea oposta: a rendibilidade só pode medirse na satisfacción de necesidades comúns e na distribución equitativa de beneficios entre os traballadores (en modo de salarios, en principio). De ningunha maneira o lucro e a extracción poden determinar o que é ou non é rendible. Son as necesidades e o benestar comúns. E para iso non é imprescindible, nin sequera conveniente ou necesario, que haxa que dar satisfacción ao desexo de acumulación e lucro dun empresario, dun dono, dun accionista. Esta é, precisamente, a figura prescindible da ecuación, aínda que dito así soe a crime de lesa economía e contra a humanidade de orde, sobre todo neste tempo de golpismo orgánico.

Poida que Alcoa e Nissan non teñan moito remedio dentro da lóxica do mercado e do capital. Pero igual teñen outros remedios. Ou, cando menos, tocaría explorar diferentes saídas. O obxectivo será manter un medio de vida para todas as familias afectadas. As vías pasan todas por prescindir de dous elementos na ecuación: o lucro da propiedade e a aparentemente invisible lei do mercado. Reenfocar, en definitiva, o concepto de rendibilidade tal e como se apuntaba no parágrafo anterior. Desde a ocupación da fábrica por parte dos traballadores, pasando pola nacionalización, o estudo das posibilidades de éxito dunha produción en cuxo balance de resultados non compute a plusvalía dedicada a lucro e acumulación, ata reorientar a produción ás necesidades sociais, que é sempre o factor residual da lóxica do mercado, da deslocalización e do peche.

Cómpre romper ataduras, reformular necesidades, desfacernos das verdades do mercado e da perspectiva da rendibilidade como lucro e albiscar alternativas

Para que todo iso sexa unha posibilidade, cómpre romper ataduras, reformular necesidades, desfacernos das verdades do mercado e da perspectiva da rendibilidade como lucro e albiscar alternativas. Os sindicatos e as propias organizacións políticas están convidados pola realidade a crebar lazos e a concibir e poñer en práctica posibilidades que dirixan o ollar para alén das actuais relacións de produción. Deben facelo xa, e empezar por Alcoa, que leva un pouco de tempo en modo mornear de canivelas permanente.

É moito máis simple do que parece. Entre as vidas das persoas e a rendibilidade como lucro, a vida é o primeiro. Fágase o necesario para protexela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.