De Madrid á nada

Vendo as volátiles e incertas enquisas publicadas un día si e ao outro tamén, resulta doado entender por que case todos os partidos toman a elección de candidatos en Madrid coma se se tratase dunha combinación da elección de Miss Mundo, a concesión do premio Nobel e o nomeamento aos Óscar.

Non vivo en Madrid pero adoito pasar por alí e intúo que os madrileños sofren a diario uns cantos problemas que seguramente lles gustaría ver como alguén se ocupa de atender. Non creo que se ache entre as primeiras das súas preocupacións quen vai de número un ou de número dous, á Comunidad ou ao Concello, ou se foi elixido por primarias ou a cara ou cruz; e con todo, case ninguén lles fala doutra cousa.

As candidatas a misses adoitan desexar a paz mundial, os premios Nobel reeditan a súa obra e os gañadores dun Óscar acórdanse da súa familia e do seu mánager. Os aspirantes a candidatos en Madrid dan roldas de prensa para opinar sobre unha ampla variedade de compañeiros do seu partido. Un espectáculo que perde a súa graza visto media ducia de veces.

A uns meses dos comicios non se fala de como gobernou Madrid o Partido Popular, parólase sobre como se desgoberna a oposición. Se eu fose Rajoy tampouco tería présa ningunha en designar candidatos e darlles unha escusa para falar de algo que non fose deles mesmos.

As enquisas e o Partido Popular prognostican que de pasar algo nas próximas municipais e autonómicas, pasará en Madrid. Todos os demais compráronlles a predición con fe cega. Dedican e consomen tantos esforzos para porse á fronte da hipotética derrota dos populares en Madrid que case parece que non puidese suceder en ningunha outra parte.

Se todos os seus competidores se aplicasen con semellante fruición e compromiso á selección dos seus candidatos na maioría das cidades e comunidades autónomas, se cadra poderían relaxar a súa extenuante hiperactividade madrileña e o Partido Popular non andaría tan seguro de transitar sen grandes apuros cara a unha cómoda vitoria nas eleccións de maio.

Xogar a todo ou nada na capital resulta perigoso e arriscado. Se perdes, quedas sen nada e se gañas podes acabar perdéndoo todo por esquecer que gobernar a capital non é o mesmo que gobernar un Estado e que moitas das cousas que se din en Madrid para gañar poden conducirche a unha derrota inevitable no resto de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.