De mareas e maiorías sociais (II)

Escribíamos hai seis meses que estaban a xurdir na Galicia iniciativas cidadás municipalistas que querían artellar novos xeitos de lle dar canle á necesidade de arrombar os vellos xeitos e actitudes á hora de facermos a política.

A verdade é que, neste eido, ben se pode dicir que os tempos son chegados, ou están xa a chegar. O 31 de marzo convocaranse as eleccións locais e os procesos que non teñan botado corpo vai ser moi difícil que reaxan nas dez de últimas.

O 31 de marzo convocaranse as eleccións locais e os procesos que non teñan botado corpo vai ser moi difícil que reaxan nas dez de últimas

Diciamos en agosto que esta caste de iniciativas querían pobo, querían cidadanía, querían votos. U-la fórmula acaida? Dende logo iniciativa cidadá, cunha boa pinga de independencia e de novos xeitos de facermos a  política. O que non habería o desprezo de cadansúas identidades orgánicas e de proxecto dos partidos e  demais axentes sociais que partillaran cadansúa marea ou iniciativa.

Tamén haberían  enxergar fórmulas plurais, transversais, inclusivas. Compre, si, inserir na Marea municipal o ecoloxismo, feminismo ou o movemento veciñal operante. Mais, ao mesmo tempo, compre inserir ás clases medias maltratadas pola crise: comerciantes de proximidade, pequenos e medianos empresarios, sectores de tendencia conservadora anoxados coa implacabilidade do PP coa súa propia base social… A Marea quere largura social, quere pluralismo cidadá, quere moita xente e moi distinta.

Velaí a necesidade de construír a oferta programática desta caste de alternativas arredor de dous eixos: de máximos no que atinxe á radicalidade democrática. De mínimos no que atinxe ao común denominador programático

Velaí a necesidade de construír a oferta programática desta caste de alternativas arredor de dous eixos: de máximos no que atinxe á radicalidade democrática, á transparencia, aos valores cívicos. De mínimos no que atinxe ao común denominador programático: emprego de calidade, Estado do benestar, inclusión e cohesión social. Para pormos un exemplo, a eficiencia enerxética e a loita contra a pobreza enerxética han ser vectores fundamentais desta caste de propostas; o decrecionismo non vai ser un valor común. Compre distinguirmos ben o que une e o que divide.

Esta caste de propostas han ser pensadas para unha cidade e para un país. No caso da Coruña, para pormos un exemplo, a Marea Atlántica ha pensar nun relato propio para a cidade e para a área urbana, inserido nun país chamado Galicia. Aprendamos de todo o mundo, mais nin Galicia é Murcia nin Coruña é Cáceres, Albacete, Madrid nin Barcelona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.