De 'Maxina ou a filla espúrea' ás drogas no 'Binge drinking'

A primeira novela galega, aínda que o manuscrito data de 20 anos antes, foi publicada no ano máis excelso das nosa letras no S XIX. Trátase de 1880, ano en que veu a luz Follas Novas, o poemario máis importante en galego, diría eu, de Rosalía de Castro; Aires da miña terra, onde Curros Enríquez recolle os seus mellores e máis radicais poemas, desde o punto de vista social e laico, tanto que lle valeron a denuncia do bispo de Ourense e a condena civil, coa perda do posto de traballo. 

Unha señorita da boa sociedade compostelá, Otilia de Sancti-Petri, narcotizada nun baile de disfraces e violada, queda embarazada sen ter conciencia do que sucedeu

A novela non chega á categoría dos anteriormente citados, pero ten o valor de ser a primeira, e de ser unha obra diglósica, onde os personaxes da clase superior falan en castelán, e o campesiñado en galego. Refírome a Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares, lexicógrafo e coñecedor así mesmo da sociolingüística galega.

Pero o que me trae hoxe a este folletón é o tema, un asunto que fora tratado por diversos escritores como Heinrich van Kleist, na Marquise D’O e Rousseau entre outros.

Unha señorita da boa sociedade compostelá, Otilia de Sancti-Petri, narcotizada nun baile de disfraces e violada, queda embarazada sen ter conciencia do que sucedeu. A familia oculta o que sería unha deshonra. Durante unha viaxe a San Andrés de Teixido en compañía da criada, dá a luz unha nena na humilde casa dun parella labrega, que ao ver a criatura, din: que maxina!, de aí o seu nome. Maxina quedará ao coidado desa xente bondadosa que teñen un fillo de seu. Despois de coñecerse o autor da fechoría, e pai da nena, persoa de avoengo, a novela remata co casamento de Maxina co fillo do matrimonio labrego. Otilia que ía tamén contraer matrimonio, vira louca inesperadamente, cun final onde vence a tendencia irracional do romanticismo. Quen pensara que drogar ás mociñas para abusar sexualmente delas ía ser unha práctica moi utilizada no S XXI!

Quen pensara que drogar ás mociñas para abusar sexualmente delas ía ser unha práctica moi utilizada no S XXI!

O técnico de prevención de drogo-dependencia, Isorna, alerta de que os rapaces falan en primeiro lugar das drogas que se usan en violacións. A ketamina é moi coñecida e barata, pero asegura que hai cinco ou seis substancias que se usan para producir amnesia nas vítimas e violalas. Pásalles o mesmo que a Otilia. Mais ela non estaba alertada como hoxe: “Non deben beber do vaso de ninguén, di, nin consumir unha bebida que non saiban o que leva, nin deixar de controlar o vaso en todo momento.” Que divertido tomar unha copa entre amigos!! Despois, o urxente é asistir a un centro médico e logo pór a denuncia. Porque hai drogas, por exemplo a burundanga, que nome!, que despois de 48 horas xa non queda ningún metabolito en sangue. O técnico asegura que é un tema ignorado polas institucións. Non convén que a poboación o saiba. Coma no S XIX! Noutros países hai anos que teñen promulgado leis.

Queridas Otilias do S XXI, se a estas alturas da nosa historia misóxina aínda confiades, desculpade, pero non necesitades drogas para a amnesia. A vosa desmemoria é inconsciencia é total

Queridas Otilias do S XXI, se a estas alturas da nosa historia misóxina aínda confiades, desculpade, pero non necesitades drogas para a amnesia. A vosa desmemoria é inconsciencia é total. Aconséllovos pasar por unha biblioteca se preferides o papel a internet. Se non, pasaredes á historia como a xeración adormecida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.