De Moscova a Barcia, unha aldea de Navia de Suarna

Unha das obras de Pavel Yakushev e Alisa Smirnova © Manuel Vázquez

Nunha austera casa de pedra, xunto ao tímido río de Queizán, viven e traballan Pavel Yakushev e Alisa Smirnova; unha parella de artistas rusos procedentes de Moscova

Nunha austera casa de pedra, xunto ao tímido río de Queizán, viven e traballan Pavel Yakushev e Alisa Smirnova; unha parella de artistas rusos procedentes de Moscova. Chegamos ao seu fogar, no lugar de Barcia, en Navia de Suarna; ensináronnos que para vivir non se precisa tanto, inda que eles teñen moito; posúen sensibilidade para apreciar a beleza que os rodea, beleza pousada no fondo do val, e a que crean traballando o ferro; sexa para pór o nome dunha casa na fachada, nunha sorte de conxuro contra o esquecemento, talvez para invocar á deusa Navia rogando protección, ou esculpindo vacas, esquíos e un galo de cores tan vivas como sutís. Estas e outras obras están expostas na vila e forman parte, xunto co patrimonio monumental e un mural de Joseba Muruzábal, do Roteiro pola Pobra de Navia. Auga e terra, natureza e arte conxugadas de xeito harmónico, un convite para darlle ao noso o valor que merece, abertos ao que chega de fóra e nos enriquece.

Pavel Yakushev na súa casa © Manuel Vázquez

Estas e outras obras están expostas na vila e forman parte, xunto co patrimonio monumental e un mural de Joseba Muruzábal, do Roteiro pola Pobra de Navia

A ferraría ocupa a parte baixa da casa, se cadra en tempos foron as cortes; dende un currullo seducen aos meus ollos dúas obras que reinterpretan a Henri Matisse, nunha simbiose de pintura e ferro que xoga coa fondura; evidénciase o respecto polo traballo do seu autor orixinal, certo pudor ao explicar que forman parte dunha serie que bautizaron como “Interpretación pesada”, polo ferro, claro: pola responsabilidade que implica, se cadra tamén. Arriba, na vivenda, a leña coidadosamente colocada diante dunha xanela e un sofá fronte á cociña económica, xeran un espazo acolledor co imprescindible para resistir a invernía e poder crear sen distraccións. A casa mais eles son versos dun mesmo poema, evocación dun ideal no que o ser humano pasa pola vida recreándose e contribuíndo; deixando unha pegada lene, doce, non sei se dicir espiritual, que inspire a outros na busca dun camiño que os faga felices. 

A ferraría ocupa a parte baixa da casa, se cadra en tempos foron as cortes; dende un currullo seducen aos meus ollos dúas obras que reinterpretan a Henri Matisse, nunha simbiose de pintura e ferro que xoga coa fondura

Unha tarde outonal andei pola Pobra de Navia, andamos, porque eramos cinco; con Xesús Trashorras de guía. Foi quen me presentou a Pavel e Alisa, aos que coñecía fai tempo e xa lles encargara algún traballo, como un rótulo de ferro para a fachada da “Casa do Regueiro”; semellante a moitos que vin neste paseo e que humanizan o entorno urbano. Uns estranxeiros que xa non o son, que se un día marchan poderían dicir que emigran, mais un cidadán do mundo só emigra nunha viaxe espacial. A forxa do seu taller derrete fronteiras como se foran de mel, mais xa Carlos Oroza profetizou: “Deixade que o trigo medre nas fronteiras, porque unha flor non pode ser fermosa se non deixades que o trigo medre nas fronteiras”. 

Obras de Pavel Yakushev e Alisa Smirnova © Manuel Vázquez

Non teñen doado obter recursos económicos para vivir e a un tempo completar o seu proxecto, esa conxunción de estudo de obras daqueles pintores impresionistas, modernistas, que os inspiran, para crear na fragua ese efecto conceptual e ceibalo á ferruxe do tempo. Pódese contactar con eles por medio de redes sociais, visitalos, encargarlles arte para levar con un e amortecer a dor que xera o estrés da superflua realidade cotián. 

Neste planeta desolado, ferido pola guerra, a fame, a violencia contra a muller, a imposición ditatorial e a especulación, só queda un espazo no que medrar: a música, a pintura, a escultura, o teatro, o cinema; en síntese: a poesía en todas as súas formas

Neste planeta desolado, ferido pola guerra, a fame, a violencia contra a muller, a imposición ditatorial e a especulación, só queda un espazo no que medrar: a música, a pintura, a escultura, o teatro, o cinema; en síntese: a poesía en todas as súas formas. Mais, este non ha ser un final pesimista, porque escribiu Xesús Trashorras: 

Abre a man o día

e deixa voar os merlos da nenez

Cada novo amencer, abre a man o día; son versos inéditos aínda, privilexio de amigo. E Navia abriu a man e acolleu a Pavel e Alisa, unha sinerxía que xa deu froitos. Abofé!.

Unha das obras de Pavel Yakushev e Alisa Smirnova © Manuel Vázquez
Mapa do roteiro artístico pola Pobra de Navia © Manuel Vázquez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.