De pans e bos peixes

Os chamados ateos polos adoradores de deuses sentimos a certeza de que non é precisa a crenza en entidades superiores antropomórficas para desexarmos ser felices e facer felices os mais. Vemos cumprido sentido ás nosas vidas ao seu termo e pensamos que, aínda que non fose deseñada por unha intelixencia superior nos nosos xenes unha conciencia humana global, que nos leva á conservación da nosa especie coa esperanza de que a vida será mellor para os que veñan atrás, se cadaquén fixo algo por tentar enriquecer o seu contorno, a realidade é que somos quen de facelo, de poñernos no lugar doutras persoas e de procurarmos o ben común como forma de realización individual.

Non nos enganemos, a situación de bonanza que vivimos durante uns cantos anos -sen esquecermos que foi a costa de moitos vírense obrigados a atravesar peores épocas que a que nós comezamos a transitar- esvaíuse

Non nos enganemos, a situación de bonanza que vivimos durante uns cantos anos -sen esquecermos que foi a costa de moitos vírense obrigados a atravesar peores épocas que a que nós comezamos a transitar- esvaíuse; e mentres a necesidade comeza a estenderse entre a cidadanía, a igrexa católica atopa unha oportunidade de ouro para dividir e enfrontar, á espera de reunir un grande exército co que iniciar de novo unha cruzada que poña en orde as finanzas da multinacional eclesiástica e lle permita recuperar o seu estatus político en occidente.

O bispo de Alcalá non é un obseso sexual, ou talvez si, mais este dato só sería anecdótico. É o globo sonda da hieraquía católica disposta a reemprender a guerra santa. Nin se trata dunha cuestión de fe, nin poden os insultos do maligno ofender os corazóns bos. Para a igrexa católica o sexo é unha potente medida de control sobre as persoas que vén funcionando con suceso desde hai moitos séculos, mais nin eles mesmos, á vista está, acreditan no seu propio discurso ao pé da letra. Prohíbelles o que é imposíbel de cumprir, di Hitchens, e serán os teus escravos.

Debemos protexer os nosos corazóns evitando perder o tempo a debatermos con quen nunca prestará atención ás nosas palabras

Non existe evidencia algunha de que unha soa práctica sexual, que non implique violencia non consentida, estea vetada por natura ao xénero humano ou sexa causa da destrución da súa esencia, nin sequera aquelas que, por distancia, nos resultan máis estrañas.

Debemos protexer os nosos corazóns evitando perder o tempo a debatermos con quen nunca prestará atención ás nosas palabras e aproveitándoo para construír, para facermos do noso contorno un lugar mellor, onde a xustiza e a diferenza respectuosa sexan motivo de felicidade e de progreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.